Ir o contido principal

Política de calidade

A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, consciente da importancia que ten a calidade no contexto universitario, desenvolve a súa Política de Calidade a través dun Plan Estratéxico e un Sistema de Garantía de Calidade, aliñados coa Política de Calidade da USC, que dan acubillo a todas as titulacións oficiais, tanto de grao como de máster, das que a Facultade de Psicoloxía é responsable. O obxectivo último é garantir programas formativos que dean resposta ás demandas de excelencia no ensino superior, e válese da actualización constante da oferta académica e a mellora continua dos programas formativos para satisfacer as necesidades e expectativas dos grupos de interese.

Misión

A Facultade de Psicoloxía, como centro prestador dun servizo público, ten como obxectivo prioritario contribuír á formación integral e inclusiva de profesionais e académicos/as de excelencia no ámbito da Psicoloxía, a través dunha educación de calidade baseada en principios éticos e científicos. Para acadar este dobre obxectivo, o centro, promove o pensamento crítico, a responsabilidade social e o emprego de métodos de ensinanza innovadores que contribúan á formación de profesionais comprometidos coa saúde, o benestar e o desenvolvemento psicolóxico e psicosocial das persoas e da comunidade. Por outra banda, afánase na xeración, na transmisión e na difusión de coñecemento nas áreas disciplinares que son o eixe desta disciplina e que garanten a consolidación dun entorno académico de excelencia que posibilite a continuidade da súa labor prioritaria: a formación de profesionais no ámbito da Psicoloxía. 

Visión

A Facultade de Psicoloxía, no seu proxecto de futuro desexable, pretende consolidarse como unha Facultade: 

  • De recoñecido prestixio, tanto no contexto universitario como na contorna social, que destaque pola súa oferta académica, a súa actividade investigadora e de transferencia e a creación de valor social. 
  • Comprometida coa sociedade, capaz de responder ás demandas cambiantes do exercicio profesional e ás necesidades sociais, e de contribuír ao desenvolvemento económico, social e cultural da nosa comunidade. 
  • Cunha orientación centrada no estudantado, tanto na súa implicación como na súa formación profesional, ética e persoal. 
  • Comprometida coa actualización formativa e o desenvolvemento da carreira profesional do seu persoal docente e investigador e do seu persoal técnico de xestión, administración e servizo, vencellado ao centro. 
  • Cun funcionamento centrado nas persoas e nas súas competencias, na que a toma de decisións estea baseada na participación efectiva, así como na responsabilidade dos distintos colectivos que a integran. 
  • Capaz de impulsar e afianzar as relacións con colexios e asociacións de profesionais e, singularmente, cos seus titulados e tituladas, na procura dunha rede que fusione os ámbitos académico e profesional que favoreza a mellora constante na calidade da docencia e da investigación.

Valores

Considerando a misión e a visión anteriormente expostas, a Facultade de Psicoloxía réxese polos seguintes principios éticos e profesionais: 

  • Procura da excelencia e o valor social nas actividades académicas, de investigación e de transferencia, preservando e potenciando os nosos propios sinais de identidade. 
  • Compromiso co código deontolóxico da Psicoloxía. 
  • Compromiso coa transparencia, o rendemento de contas, e a eficiencia na xestión dos recursos humanos e materiais. 
  • Compromiso co desenvolvemento sostible, coa igualdade, a equidade e coa eliminación de todo tipo de discriminacións.
  • Compromiso cunha xestión democrática baseada no diálogo, na participación efectiva, na confianza e na responsabilidade compartida. 
  • Compromiso co principio de xustiza social que debe rexer unha institución pública nunha sociedade democrática. 
  • Compromiso coa transferencia de coñecemento e servizo á sociedade, no eido da saúde, como contribución ao desenvolvemento integral da nosa comunidade.

Tomando como referencia a política de calidade da USC, a Facultade de Psicoloxía marca como principal meta o desenvolvemento de programas formativos actualizados e socialmente relevantes, que estean avalados por unha xestión de calidade, respectando os seguintes principios éticos e profesionais:

  • Orientación ao estudantado. Garante o desenvolvemento de programas formativos, na procura de estudantes que amosen a súa solvencia académica a través da taxa de éxito nos seus estudos e de egresados/as cunha alta taxa de inserción laboral. Estes programas formativos concrétanse en actividades de orientación ao inicio, durante, e ao final dos estudos, coa atención á diversidade e necesidades especiais, coa oferta de actividades para a consecución de competencias transversais e co fomento das prácticas externas e da mobilidade.
  • Sostibilidade. Planifica os seus estudos facendo o uso máis eficaz posible dos recursos, humanos e materiais, dispoñibles. Así mesmo, asegura a calidade nos recursos materiais e servizos, mediante un adecuado mantemento e renovación de equipos e instalacións que permitan estar ao nivel requirido polos programas formativos en canto a equipamento científico, TIC, novos recursos para a aprendizaxe, atención aos protocolos de prevención de riscos e seguridade laboral, así como ás necesidades relativas á accesibilidade e integración de persoas con necesidades específicas de apoio educativo.
  • Excelencia. Utiliza a avaliación e seguimento dos resultados da formación e do sistema de garantía de calidade para a actualización e mellora dos procesos formativos, na procura da excelencia, mediante a análise da consecución dos resultados da aprendizaxe, a adecuación das competencias ao exercicio profesional, a satisfacción dos grupos de interese, a análise da eficacia dos procedementos e as incidencias e suxestións dos grupos de interese.
  • Integración, participación e igualdade. Procura que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas, habilitando diferentes sistemas de      manifestación e de opinión que fagan sinxela a participación na xestión garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
  • Responsabilidade. Atende á mellora das condicións dos distintos colectivos de traballadores que conforman a Facultade, impulsando unha dotación de persoal suficiente, así como o adecuado recoñecemento da súa actividade, fomentando a formación continuada do profesorado e do persoal técnico de xestión, administración e servizo, e facilitando, na organización do traballo, a conciliación entre a vida persoal e a laboral.
  • Transparencia. Garante a dispoñibilidade pública de toda a información relevante para os grupos de interese en relación coa oferta formativa da Facultade, co fin de facilitar a toma de decisións informada e de posibilitar a súa participación nos procesos de mellora.

Documentos destacados

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.01.2025.