A documentación histórica do Fondo Universitario mantivo durante anos a clasificación rematada nos anos 60 do século XX polo arquiveiro Salvador Parga Pondal que baixo a denominación “Serie Histórica”, en realidade unha amplísima sección facticia, estaba constituída por:
- Libros de arquivo: claustros, visitas, matrículas, graos...
- Atados de documentos das series máis diversas da propia Universidade desde as súas orixes e dos Colexios de Fonseca e San Xerome.
- Pergamiños da Serie Bens, con cronoloxía previa ao nacemento da Universidade e conservados como proba da propiedade da institución sobre terras, rendas e xuros.
Co paso do tempo esta clasificación é progresivamente modificada e a documentación pasa a formar parte das súas respectivas seccións e series naturais, no seo dun cadro de clasificación que permite a integración da antiga e da nova documentación transferida ao Arquivo. En calquera caso, esta organización histórica mantén a súa pegada na nova clasificación xa que a denominada Serie Histórica segue empregándose como sinatura da documentación máis antiga do fondo universitario.
No Fondo Universitario podemos atopar a documentación acumulada pola Universidade de Santiago de Compostela ao longo de toda a súa andaina. A cronoloxía vai desde o século XIII ata o século XXI.
Achegamos información das seccións máis importantes e algunhas das series mais representativas:
Goberno e administración
O goberno e a administración da Universidade queda reflectida en distintas series documentais que manifestan os cambios e as transformacións sufridas pola institución ao longo dos séculos. Así, series pechadas como as de Visitas Reais ou Ordinarias, Rexistro de Escrituras, Rendas ou Disposicións Legais coexisten con outras abertas como as de Claustros, Xuntas de Goberno ou Rexistro de Correspondencia. Os distintos órganos de goberno e os servizos administrativos e técnicos da universidade fan achegas periódicas de documentación.
Facultades
Esta sección inclúe documentación procedente das facultades históricas xa desaparecidas (Teoloxía, Leis e Canons, Filosofía e Letras…) como das actuais (Medicina, Farmacia, Historia…), non así das de máis recente creación que aínda non transferiron os seus fondos.
Entre as series documentais que podemos atopar están:
- Actas da Xunta da Facultade.
- Expedientes persoais.
- Correspondencia.
- Contas.
- Actas de grao.
- Actas de cualificacións.
- Libros de matrícula.
Escolas Universitarias
Baixo este epígrafe atópase a documentación procedente das entón Escolas de Formación do Profesorado de EXB de Santiago, A Coruña e Lugo, e das Escolas Universitarias de Estudos Empresariais da Coruña e Lugo.
A documentación achegada por estes centros integra a das súas antecesoras Escolas Normais de Mestres e Mestras e Escolas de Comercio desde o seu establecemento nos anos 50 do século XIX. En función das atribucións conferidas ao reitor pola Lei Moyano, que integra estas ensinanzas entre as profesionais, podemos atopar, entre a documentación da Reitoría da universidade ou na correspondencia, información referente a todas as escolas de Galicia. As series da documentación procedente dos centros son basicamente as mesmas que as das facultades contemporáneas.
Escolas especiais
Incluímos nesta Sección a documentación relativa ás antigas escolas profesionais creadas no século XIX, que a Lei Moyano distinguía das que impartían estudos superiores.
- As Escolas de Artes e Oficios
- As Escolas de Náutica.
- A Escola de Veterinaria
- A Escola do Notariado
- A Escola de Xordomudos e Cegos.
Colexio de Fonseca
O Colexio Maior de Fonseca, tamén chamado de Santiago Alfeo, foi fundado polo arcebispo Alonso III de Fonseca no ano 1522 e suprimido definitivamente no ano 1840.
A documentación que se conserva deste Colexio é, sobre todo, relativa aos colexiais. Salientan as series de libros de goberno e as de expedientes de Provisión de bolsas e de Limpeza de sangue.
Colexio San Xerome
O Colexio Menor de San Xerome, fundado polo propio Alonso III de Fonseca como colexio para gramáticos, foi suprimido en 1840.
Entre a documentación que se conserva atópanse os expedientes de provisión de bolsas e as informacións de colexiais, os libros de goberno e os de contas. Consérvase, como no colexio de Fonseca, un libro de receitas.
Expedientes persoais
Mantense unha única serie con ordenación alfabética para os expedientes persoais dos alumnos das distintas facultades desde o século XVII ata 1980, exceptuando os dos alumnos dos antigos estudos de Teoloxía, Leis, Canons e Filosofía que conforman series propias.
Os expedientes de alumnado posteriores a 1980 constitúen unha serie por cada titulación.
Esta documentación é fonte de información académica e xenealóxica dos estudantes da universidade desde os seus primeiros anos.
Os expedientes do persoal docente e non docente consérvanse tamén en dúas series únicas ordenadas alfabeticamente ata mediados do século XX.
Ensino primario
O desenvolvemento do ensino primario está moi presente na documentación do Fondo Universitario a partir da súa implantación definitiva coa Lei Moyano de 1857.
Unha das disposicións da lei era a asunción por parte do Reitor de competencias relativas ao ensino no distrito universitario en todos os seus niveis, tamén no tocante ao primeiro ensino. Estas atribucións xeran distintas series documentais como os expedientes de creación de escolas, tanto públicas como privadas; a de expedientes persoais dos propios mestres de primeiro ensino ou a de visitas de inspección ás escolas.
Ensino medio
O Plan Pidal de 1845 suporá o asentamento definitivo do ensino medio público en España, as importantes competencias do Reitor da Universidade neste campo quedan reflectidas, entre outras, na serie de correspondencia cos distintos centros ou na de expedientes de títulos de bacharelato.
No século XIX existe documentación relativa aos Institutos da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Monforte, Ourense e Pontevedra e, no século XX —e sobre todo a partir dos anos sesenta—, incorpora a doutros centros a medida que van sendo creados nos principais núcleos de poboación.
Goberno
- Goberno.
- Reitoría
- Secretaria Xeral.
- Vicerreitorías.
- Xunta de Goberno.
- Claustro.
- Consello Social
Administración
- Xerencia.
- Xestión económica.
- Contratación e patrimonio.
- Recursos humanos.
- Alumnado.
- Investigación.
- Rexistro Xeral.
- Asesoría xurídica.
- Órganos de representación.
- Relacións internacionais.
- Avaliación da actividade docente.
Servizos
- Biblioteca.
- Arquivo.
- Información universitaria e administrativa.
- Extensión universitaria.
- Gabinete de prensa.
- Servizos técnicos.
Centros docentes
- Facultades e escolas técnicas.
- Escolas universitarias.
- Escolas especiais.
- Colexio de Fonseca e San Xerome.
- Academias literarias.
- Seminarios.
- Expedientes persoais. Serie xeral de expedientes.
Institutos e centros de investigación
Ensino primario
Ensino medio