Skip to main content

Sara Porto gaña a décima edición do concurso literario Mazarelos con 'Inmersións do mito da Apocalipse'

Facultade de Filoloxía. Foto: EGA
Facultade de Filoloxía. Foto: EGA
O segundo premio foi para Brais Neira Ferro e o terceiro para Daniel Chapela, e o xurado concedeulle tamén un accésit a Noela Rivas Cantelar

Sara Porto Puente obtivo o primeiro premio na décima edición do concurso literario Mazarelos pola súa obra Inmersións do mito da Apocalipse, que subtitula Unha aproximación informal á traxedia da condición humana. Estudante do grao en Filoloxía Clásica, xa fora recoñecida no certame de 2021 co segundo premio polo seu relato Tarde.

O xurado do certame, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía, outorgoulle o segundo premio ó poemario Febres Somnámbulas, de Brais Neira Ferro, estudante da Facultade de Filosofía, do que o autor di que "constitúe unha exploración fenomenolóxica da experiencia estética, onde o suxeito poético opera como un eixo perceptivo que transita entre as fronteiras do consciente e o inconsciente".

Daniel Chapela, graduado en Lingua e Literatura Galegas e actualmente estudante de doutoramento, obtivo o terceiro premio por Amelia, que dedica a tódalas "mulleres e homes que termaron de nós". Chapela conta, malia a súa mocidade, cunha ampla experiencia na dinamización cultural e recentemente presentou a súa primeira obra publicada, Biscoito de laranxa.

Por último, o xurado concedeulle un accésit a Noela Rivas Cantelar, tamén estudante do grao en Lingua e Literatura Galegas, polo seu relato A gheada nunca che quedou ben.

Ademais, o xurado, integrado por María Xesús Nogueira Pereira, que actuou como presidenta, Carlos Pérez Varela, Diego Rivadulla Costa, Ramón Blanco Fernández e María López Sández, salientou no seu veredicto a alta participación (31 obras) e a calidade dos textos presentados. O acto da entrega dos premios desenvolverase o próximo 11 de novembro.

Na web da Facultade de Filoloxía pode atoparse información de tódalas edicións do Concurso literario Mazarelos.

The contents of this page were updated on 10.25.2024.