Alberto Prieto: «Por desgracia, aínda temos bastantes frontes abertas no eido da sanidade animal»

A sanidade animal é, sen dúbida, un elo fundamental dunha cadea alimentaria que se quere eficaz, saudable e segura. É unha peza indispensable dunha comunidade global coa capacidade de responder aos desafíos máis perentorios do noso século, como o son a sobrepoboación ou o cambio climático.
Por iso, defender a súa gran importancia estratéxica a nivel social, económica e medioambiental debería ser unha tarefa irrenunciable para o conxunto da sociedade. Algo que se acada a través da posta en valor do prezado traballo que realizan milleiros de persoas en todo o mundo, entre as que se encontra Alberto Prieto Lago.
Profesor e investigador do departamento de Patoloxía Animal do Campus Terra, responsable técnico do servizo de diagnóstico do Grupo de Investigación INVESAGA... Alberto Prieto leva máis dunha década construíndo unha robusta traxectoria centrada no diagnóstico de enfermidades infecciosas en animais, con especial atención ao uso de técnicas de bioloxía molecular e ao desenvolvemento de novidosas metodoloxías de detección.
Hoxe botamos man da súa experiencia e a súa valiosa perspectiva para que nos dilucide a situación actual da sanidade animal a nivel mundial, os futuros retos aos que nos tocará enfrontarnos a este respecto e os avances científicos que se están a realizar nesta materia tan relevante.
-Que o levou a especializarse en sanidade animal e a enfocarse no estudo de enfermidades infecciosas e parasitarias?
-Creo que foi o entusiasmo dalgúns dos profesores que tiven durante a carreira. Principalmente, o profesor Enrique González de microbioloxía, e posteriormente o profesor Gonzalo Fernández, actual decano de Veterinaria e que foi un dos meus directores de tese e tamén maiores mentores neste campo. Concretamente, foi el quen me transmitiu a súa paixón polo traballo de laboratorio e máis especialmente no diagnóstico de enfermidades.
-No grupo INVESAGA levan anos investigando sobre enfermidades en especies cinexéticas e de interese alimentario. Cales son os principais retos actuais na sanidade animal desde a súa perspectiva?
-Por desgracia, aínda temos bastantes frontes abertas. A pesar de que a Sanidade Animal mellorou enormemente nas últimas décadas, principalmente debido ao traballo dos veterinarios, sempre xorden novos retos e ameazas.
Unha das principais preocupacións son as enfermidades emerxentes transmitidas por vectores, especialmente artrópodos, como poden ser os mosquitos e as carrachas. Actualmente, o cambio climático está a provocar que moitos destes vectores amplíen os seus hábitats e mesmo que se manteñan activos en períodos nos que antes non o estaban, o que favorece unha maior dispersión destas enfermidades.
Falo de exemplos que coñecemos pola prensa, como a Lingua Azul ou a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica que, nos últimos anos, traen de cabeza ao sector do gando vacún e dos pequenos ruminantes.
Outras, porén, parecen moi exóticas, como a Febre Hemorráxica de Crimea-Congo ou a Febre do Virus do Nilo, pero cada ano se detectan no noso país máis casos tanto en animais como en persoas, xa que estas dúas últimas son zoonoses potencialmente graves.
Logo, a nivel de enfermidades que coñecemos dende hai moitos anos, resulta preocupante a Influenza Aviar H5N1, que actualmente circula por todo o mundo e que xa presentou algún amago de salto interespecie aos mamíferos, o que indica que pode presentar certo potencial pandémico.
Por último, e xa máis a nivel económico que sanitario, tamén hai que destacar a Peste Porcina Africana que temos percorrendo Europa, as novas variantes do virus do PRRS tamén en porcino ou o risco de entrada de enfermidades como a Febre Aftosa, da que recentemente se declarou un foco en Alemaña.
-No 2012 iniciou unha liña de investigación sobre detección ambiental de patóxenos víricos. Que impacto tivo este enfoque na vixilancia e control de enfermidades?
-Trátase dunha liña novidosa que nacía en veterinaria mais ou menos naqueles momentos, xa que no ámbito da medicina humana xa levaba tempo empregándose, por exemplo, en centros sanitarios como hospitais.
A verdade é que vimos un gran potencial neste tipo de ferramentas, e comezamos a desenvolver diferentes metodoloxías que nos permitisen detectar este tipo de patóxenos no ambiente de granxas de diferentes especies animais de produción.
Resumidamente, as técnicas de detección ambiental presentan unha serie de vantaxes sobre as mostraxes convencionais: por exemplo, evitamos ter que manipular aos animais, xa que en vez de tomar unha mostra de sangue, feces ou a que corresponda, tomamos mostras ou ben de superficies que poden estar en contacto con patóxeno que estudiamos ou mesmo mostras de aire ambiental.
Isto facilita a recollida de mostras, pode abaratar custos (xa que procesas un menor número de mostras, porque a mostra ambiental xa é representativa dun conxunto de animais), e por outro lado evitamos o manexo innecesario do animal, a súa manipulación ou a necesidade de sometelo a un procedemento como unha extracción de sangue, algo tamén moi valorado especialmente se prestamos atención ao benestar animal, un requisito cada vez mais demandado pola sociedade.

-Recentemente recibiron financiamento para estudar a detección do virus do Síndrome Porcino Reprodutivo e Respiratorio en granxas intensivas. Que obxectivos persegue este proxecto e que aplicacións prácticas pode ter?
-O virus do PRRS é na actualidade uns dos principais problemas tanto sanitarios como económicos para as granxas de porcino do noso país, máis aínda se cabe tendo en conta que España é un dos principais produtores a nivel mundial, representando unha grande porcentaxe da nosa produción final gandeira. Trátase dun virus con gran capacidade para mutar e xerar variantes, o que impide que as vacinas dispoñibles sexan 100% eficaces para o seu control.
Nesta proposta o noso equipo pretende avaliar diferentes métodos de recollida e análise de mostras de aire para a detección precoz e vixilancia da presenza de PRRSV, co obxectivo de distinguir aqueles que poden ser máis eficientes para o súa implementación nun futuro nas explotacións.
A finalidade última deste proxecto é desenvolver unha ferramenta sinxela que sexa práctica e económica para a vixilancia, monitorización e detección precoz respecto doutros protocolos utilizados convencionalmente como a detección da viremia en leitóns.
-Vostede ten participado en numerosos proxectos de investigación con empresas. Como valora a relación entre a universidade e o sector privado no ámbito da sanidade animal?
-Na miña experiencia, moi boa. Normalmente, no noso caso son máis as empresas as que contactan con nós para que lles deseñemos algún tipo de traballo específico, tipicamente para valorar a situación dunha enfermidade antes de lanzar un produto ao mercado, ou ben para controlar a eficacia de dito produto con probas de campo.
Outras veces somos nós os que contactamos con eles con algunha idea específica que lles pode resultar atractiva segundo a súa actividade. A maior parte das colaboracións xorden do primeiro caso, xa que nós normalmente estamos abertos a calquera tipo de traballo sempre e cando estea relacionado coa nosa experiencia.
-Tamén ten publicado decenas de artigos de divulgación para profesionais e público en xeral. Cre que a sociedade é cada vez máis consciente da importancia da sanidade animal?
-Si, coido que si. Nestes momentos todos levamos un ordenador no peto e a información está ao alcance de calquera persoa. Con todo, o que considero máis difícil para a público xeral é saber filtrar os contidos ou informacións de fontes fiables das non fiables.
Hoxe é moi fácil lanzar un bulo sobre un produto calquera e que xere alarma a través de calquera rede social, e unha vez se difunde o bulo, ás veces é complicado frealo. Hai que ser conscientes de que ese tipo de situación poden provocar graves perdas para un sector concreto, así que o manexo responsable da información e como a comunicamos debe ser unha prioridade tanto para os divulgadores como para os medios de difusión.
-A simbiose investigador-publicación ten xerado certa polémica nos últimos anos, sobre todo nalgúns campos. Vostede ten experiencia como revisor en varias revistas internacionais. Cal é a súa visión sobre o tema?
-É certo que a publicación de resultados é necesaria para a mellora das condicións laborais/económicas dos investigadores, pero iso non debera implicar que se trate dunha carreira onde o único que importa é publicar. Os investigadores temos que ser conscientes e responsables sobre a calidade científica-técnica que debe ter un traballo.
Relacionado con isto, nestes momentos temos tamén outro problema, que é encontrar revisores formados nun campo específico que estean dispostos a investir o seu tempo gratuitamente en revisar unha publicación. Como exemplo, a min me leva de media dous ou tres días revisar axeitadamente unha publicación e enviarlle as miñas correccións e suxestións aos editores, e é un traballo que fago de xeito altruísta e que apenas me repercute como mérito a nivel profesional (de feito, fágoo moitas veces no meu tempo libre as fines de semana).
Ás veces un pode pensar se ese tempo empregado en revisar publicacións alleas non estaría mellor consumido en publicar os teus propios traballos, pero claro, se os que deben revisar o teu traballo pensan igual, entón ninguén publica resultados... Ao final é como o peixe que se morde a cola, e posiblemente nun futuro isto nos obrigue a expornos se esta é a forma máis adecuada de facer e comunicar ciencia.
-Polo que respecta ao seu labor docente… Que habilidades considera fundamentais para a nova xeración de científicos en Veterinaria e mesmo noutros campos?
-Coido que o que son habilidades técnicas, é dicir, as destrezas, as novas xeracións as traen moito máis traballadas durante os Graos do que as traballabamos nós, que posiblemente tiñamos máis carga teórica e moita menos práctica.
Hoxe en día penso que necesitan outro tipo de habilidades máis de tipo social/emocional, como a resiliencia, ese termo que está tan de moda ultimamente. A carreira investigadora é un traballo de desgaste, onde se queres acabar dedicándote a el hai que dedicar moitas horas e moito sacrificio, amén de que, en termos xerais, non é o sector máis atractivo a nivel económico; trátase dun traballo moi vocacional.
Logo, por outra banda, considero imprescindible saber traballar en equipo e valorar as opinións dos demais. Hai que ser conscientes de que ninguén pode facelo todo ou saber de todo.