Irene Ortiz Leal: «O TFG foi o xerme da miña tese doutoral e da continuidade na carreira investigadora»
Irene Ortiz Leal, profesora Axudante Doutor de Anatomía na Facultade de Veterinaria do Campus Terra (USC), combina unha dobre formación en Farmacia e Veterinaria e un doutoramento en Neuroanatomía que lle permite tender pontes entre o molecular, o experimental e o clínico. A súa tese comparou os sistemas olfativo e vomeronasal en can, lobo e raposo, revelando un menor desenvolvemento sensorial no can doméstico vinculado á domesticación e á selección de trazos sociais. Estes resultados, con ampla repercusión e produción científica, reforzan unha idea central: a domesticación transforma tamén o encéfalo e as capacidades sensoriais.
A súa axenda investigadora prioriza o enfoque comparado do olfacto e a comunicación química en múltiples especies para comprender mellor tanto a bioloxía animal como as bases do olfacto humano. As estancias no Instituto Max Planck, a Universidade de Edimburgo e a Freie Universität Berlin ampliaron a súa caixa de ferramentas metodolóxicas e teceron colaboracións esenciais.
En paralelo, a súa docencia aposta por sesións prácticas participativas, modelos anatómicos, conexión con outras materias e a exploración nun futuro de formatos innovadores (mentoring, podcasts, clase investida) para soster a motivación do alumnado.
Esta entrevista é unha viaxe de enorme interese ao redor da súa carreira profesional…
-A súa formación combina Farmacia e Veterinaria, ademais dun doutoramento en Neuroanatomía. Como influíu esta dobre perspectiva na súa forma de abordar a investigación e a docencia en anatomía?
-Desde logo, a formación en Veterinaria foi fundamental para a investigación e docencia en anatomía. Deste xeito, a carreira deume unha formación ampla, aplicada e comparada da anatomía, onde puiden descubrir a gran diversidade que existe entre especies e a relación entre estrutura e función nun contexto tanto académico como clínico.
Por outra banda, a miña formación en Farmacia aportoume coñecementos en Bioquímica e Fisioloxía a nivel molecular, algo que resultou fundamental cando comencei a traballar en Anatomía, xa que no laboratorio traballamos con conceptos anatómicos, pero tamén a súa relación funcional mediante receptores, e as súas cadeas de transducción.
Ademáis, a carreira de Farmacia proporcionoume unha base moi completa no manexo do laboratorio que complementou a miña experiencia e facilitou a miña aproximación á investigación. Grazas a iso, puiden manexar con maior seguridade técnicas moi utilizadas, como a inmunohistoquímica, o cálculo de dilucións ou os métodos estatísticos para a análise de resultados. Mirando atrás, creo que a carreira de Farmacia foi indispensable na miña formación; e sobre todo foi, xunto con Veterinaria e a aproximación á investigación no TFG, o xerme da miña paixón pola investigación.
Os coñecementos e habilidades adquiridas en ambas as dúas carreiras confluíron no meu doutoramento en Neuroanatomía, e permitíronme integrar coñecementos moleculares, experimentais e aplicados, así como me axudaron a formular preguntas máis amplas, cuestións desde o nivel microscópico ata o macroscópico.
E na docencia, os coñecementos de ambas carreiras permítenme transmitir a anatomía como unha disciplina en directa relación coa Fisioloxía ou a práctica clínica, imprescindible para a comprensión dos conceptos polo alumnado, e sobre todo para a súa motivación no aprendizaxe.
-A súa tese centrouse na Neuroanatomía comparada dos sistemas olfativo e vomeronasal en cánidos. Que achados principais destacaría deste traballo e que achegan ao coñecemento da domesticación animal?
-O estudo comparou a morfoloxía e funcionalidade dos sistemas olfativo e vomeronasal (o sistema que encárgase da percepción de feromonas e outros compostos químicos) en cans domésticos, lobos e raposos. Os nosos resultados demostraron que tanto o lobo coma o raposo posúen un grao de desenvolvemento maior nestes sistemas que o can doméstico. Esta diferenza é evidente tanto nas estruturas anatómicas que detectan as moléculas (neuroepitelio) coma nas áreas cerebrais que procesan a información (bulbos olfatorios).
Estes descubrimentos suxiren que o proceso de domesticación do can non só alterou as características físicas e comportamentais, senón que tamén tivo un efecto significativo no encéfalo, e nestas estructuras en concreto. A menor capacidade sensorial olfativa e vomeronasal do can, en comparación cos seus parentes salvaxes, pode ser unha consecuencia da selección artificial. Durante a domesticación, os humanos priorizaron capacidades como a docilidade e a sociabilidade sobre outras capacidades coma olfactiva, e por tanto, parece lóxico pensar que esta involución dos sistemas olfactivos podería estar relacionada co feito de que o can xa non precisa depender de xeito tan extremo do olfato para a caza, a defensa territorial ou a busca de parella, xa que os humanos se encargan de cubrir moitas destas necesidades.
Estos achados poden axudar a comprender mellor como a domesticación é un proceso que afecta á bioloxía dunha especie a un nivel funcional, non só na súa aparencia ou comportamento, e como todo este proceso e a influenza dos seres humanos permitíu a evolución das capacidades sensoriais nos animais domésticos.
En definitiva, estou moi contenta cos resultados da miña tese e a súa repercusión; diversos medios fixéronse eco dos resultados da mesma, como Diario Veterinario, Animal´s Health, La Voz de Galicia ou El Progreso; e dos resultados da tese puidemos publicar 6 artigos científicos directamente relacionados, así como 8 achegas a congresos científicos relacionadas cos resultados.

-No pasado realizou estancias en institucións de prestixio como o Instituto Max Planck, a Universidade de Edimburgo ou a Freie Universität Berlin. Que impacto tiveron estas experiencias no seu desenvolvemento investigador e docente?
-As miñas estadías en centros de prestixio como o Instituto Max Planck, a Universidade de Edimburgo ou a Freie Universität Berlin foron e seguen sendo imprescindibles no meu desenvolvemento profesional, xa que desde o punto de vista da investigación, sírvenme para ampliar a miña visión científica ao exporme a novas perspectivas, metodoloxías e enfoques de traballo que enriquecen a miña forma de abordar o meu traballo. Ademais, puiden coñecer de primeira man tecnoloxías e infraestruturas de vangarda ás que non tiña acceso previamente, algo fundamental para enriquecer o meu punto de vista aplicado as miñas propias investigacións, e que no futuro, poden complementar o noso traballo.
Por último, é moi importante constatar que estas estancias son esenciais para establecer redes de colaboración con científicos de renome e participar en proxectos conxuntos de altísimo nivel, lazos profesionais que son cruciais no noso traballo actual.
Dende o punto de vista da docencia, a experiencia internacional foi igualmente enriquecedora, pois permitiume coñecer novas estratexias pedagóxicas e técnicas docentes, así como enfoques didácticos que axudan a formular a docencia dun xeito distinto. Ademais, puiden coñecer o uso que se dá a materiais e técnicas de conservación do material diferentes, e a empregar esquemas de traballo e organización da docencia distintos, o que pode mellorar significativamente a xestión e planificación do meu labor docente nun futuro.
En definitiva, a realización de estancias en distintos centros nacionales e internacionales supón un enriquecemento desde múltiples perspectivas: fortalece o traballo de investigación, impulsa o establecemento de colaboracións e repercute positivamente na docencia. É por iso que considero por tanto imprescindible o apoio institucional, tanto a nivel corporativo como económico, para non só posibilitar, senón tamén fomentar, que todo o profesorado que queira poida levar a cabo este tipo de experiencias.
-Con máis de 15 artigos en revistas de alto impacto e numerosas comunicacións en congresos, que liñas de investigación son actualmente prioritarias na súa axenda académica?
-As miñas prioridades céntranse sobre todo en avanzar no estudo dos sistemas olfativo e vomeronasal en especies diversas, un campo cun enorme potencial e aínda con moitas incógnitas por resolver. É moi interesante o punto de vista comparativo, xa que estes sistemas posúen unha enorme variedade, incluso entre animais próximos filoxenéticamente, da mesma familia ou xénero, o que permítenos entender mellor o funcionamento deses sistemas, e permítenos, máis aló do modelo do rato, acercarnos a entender as bases morfolóxicas e funcionales do sistema olfactivo humano.
-Como profesora axudante de Anatomía na Facultade de Veterinaria, que metodoloxías utiliza para motivar ao alumnado e facilitar a comprensión dunha disciplina tan visual e práctica como a anatomía?
-Esta é unha pregunta clave, pois considero que un dos principais problemas que atopamos é a motivación do alumnado. Este accede á carreira con moita motivación, e mesmo, comenza as clases de anatomía co mesmo entusiasmo e motivación, pero a medida que vai avanzando o curso, esa motivación inicial pérdese. É lóxico pensar que poden sentirse abrumados por tanta información xunta de tantas disciplinas diversas. Polo tanto, creo que é moi importante que o alumnado se sinta motivado e implicado desde o primeiro momento nas clases, presentando a información de diferentes formas, como por exemplo, mediante a utilización de modelos anatómicos variados durante as sesións prácticas, ademais do guion e das mostras de disección, que lles permiten comprender mellor as estruturas e interiorizar a súa organización espacial. Ademais, intentamos conectar a anatomía con outras disciplinas da carreira, para que perciban a súa aplicabilidade real e a importancia que ten tanto na clínica coma na investigación.
As sesións son sempre dinámicas e participativas, especialmente as prácticas, nas que creo importante que o alumnado non sexa un mero receptor de coñecemento, senón parte activa do proceso de aprendizaxe; sempre fomentamos a participación do mesmo nas diseccións e na manipulación das mostras, e fomentamos que estea implicado no seu proceso de aprendizaxe.
Neste momento, tamén estou valorando a incorporación nun futuro doutras técnicas innovadoras, como o mentoring, que xa se aplicara en Anatomía hai uns anos con moi bos resultados e que podería volver a ser unha ferramenta moi útil para reforzar a aprendizaxe e a motivación. Ademais, estou aberta a explorar outras técnicas innovadoras, como a creación de podcasts ou a clase invertida, co obxectivo de seguir mellorando a motivación e a comprensión da materia.
-Dirixiu múltiples traballos fin de grao sobre especies moi diversas, desde cánidos ata réptiles. Que criterios segue para guiar aos estudantes en proxectos de investigación tan variados?
-Dirixir Traballos de Fin de Grao (TFG) é moi gratificante, non só pola propia titorización, senón tamén por descubrir aos alumnos/as o mundo da investigación e o apaixoante mundo da neurociencia. Para isto é, de volta, moi importante que o alumnado se sinta motivado e que sinta que o titor vai axudarlle no que precise.
Polo tanto, un dos primeiros criterios que seguimos no noso grupo de investigación é sempre intentar adaptar, na medida que sexa posible, os temas de investigación ás súas preferencias, ofertando temas que abranguen distintas estruturas neuroanatómicas como o sistema olfativo, a amígdala ou o hipocampo, e mesmo aceptando proxectos relacionados, pero directamente propostos por eles, como o estudo do sistema auditivo do coello, o mesmo, de especies que eles mesmos aportan como o gecko, o petauro...
A miña función principal, polo tanto, non é só a de supervisora, senón a de intentar ser unha fonte de axuda e inspiración que os motive a involucrarse co seu proxecto. O obxectivo final é que as súas primeiras experiencias en investigación sexan o máis enriquecedoras e apaixonantes posibles para que desenvolvan un verdadeiro interese pola ciencia, e que os coñecementos adquiridos os axuden na súa futura vida profesional.
De feito, nalgúns casos, estas primeiras experiencias en investigación teñen un impacto directo e palpable na traxectoria profesional do alumnado. No meu propio caso, por exemplo, o TFG foi o xerme da miña tese doutoral e da continuidade na carreira investigadora, o que finalmente derivou na obtención dunha praza de axudante doutor.
-Que relevancia cre que teñen as súas investigacións anatómicas non só para a veterinaria, senón tamén para áreas como a biomedicina, a conservación de fauna silvestre ou a conservación do noso medio?
-O noso traballo céntrase nos sistemas olfactivo e vomeronasal, sistemas que demostráronse imprescindibles na comunicación química dos animais e na regulación das conductas sociosexuais destes animais. Así, o estudo en diversos animais como os cans, raposos, coellos o na rata toupa permitíronnos mellorar o noso entendemento.
Por exemplo, cando os cans teñen un sistema vomeronasal non funcional ou non desenvolto non son capaces de adaptar a súa conducta á súa contorna, exhibindo conductas inapropiadas e dificultando a súa correcta socialización con outros individuos da súa especie.
Outro exemplo é o estudo que fixemos do impacto que ten a parasitación dos corzos en Galiza polo parasito cefenemia, que se aloxa na cavidade nasal destes animais e produce grandes cambios nos epitelios respiratorio e olfativo, puidendo repercutir no seu benestar.
Por último, o estudo do sistema vomeronasal da rata toupa impulsou o deseño de estratexias prometedoras para o control biolóxico, sostible e respectuoso das poboacións desta especie, que preséntase actualmente como unha praga importante nos cultivos non só de Galiza, senón tamén doutras rexións incluso de Francia, destrozando os cultivos e degradando os terreos. Deste xeito, este estudo preséntase como unha estratexia para a conservación sostible e efectiva do noso medio.

-Cales considera que son os principais retos no ensino e a investigación en Anatomía Veterinaria no contexto universitario actual?
-Actualmente, e sen dubidar, considero que o principal reto tanto no ensino como na investigación en anatomía veterinaria é a falta de financiamento. Aínda que se teñen promovido iniciativas propias do Campus Terra para paliar esta carencia, e que están a funcionar moi ben, os recursos dispoñibles seguen sendo moi insuficientes. A inexistencia de liñas de financiamento estables ou a falta de recursos directos dinamita o avance dos proxectos, que en moitos casos deben abordarse desde enfoques máis austeros e, incluso, deter temporalmente á espera de máis fondos. Esta situación tamén supón un lastre para a captación de talento: a falta de contratos de investigación para o alumnado de doutoramento dificulta que os recén graduados invistan tempo e recursos na realización da súa tese, prexudicando así o relevo xeracional no ámbito académico e científico.
No ámbito docente, outro desafío importante, como xa comentei, é a motivación do alumnado. Nalgúns casos, a percepción de que a anatomía é unha materia complexa pode dificultar a implicación activa do estudantado, que a miúdo afronta a asignatura con respecto. Por iso, é fundamental buscar estratexias que fomenten a participación, facendo patente a conexión da materia con outras disciplinas, mostrando así a súa aplicabilidade clínica e investigadora.
-No seu currículo destaca a idea de contribuír a mellorar a vida das persoas a través do avance científico. De que maneira o seu traballo en neuroanatomía e anatomía comparada conéctase con ese propósito?
-Nós estudamos os sistemas olfactivos: o sistema olfactivo tradicional e o sistema vomeronasal. No ser humano, por exemplo, unha das grandes preguntas é como nós, con só 400 receptores olfactivos, somos capaces de distinguir aproximadamente un billón de olores distintos. Como é posible isto? Aínda que pareza incrible, ninguén sabe exactamente o mecanismo completo de como sucede isto, algo que contrasta co noso coñecemento doutros sentidos como a vista ou o oído, nos que entendemos o seu funcionamento e ademais, este púidose replicar nas cámaras fotográficas ou nos micrófonos.
O coñecemento de como funciona exactamente o olfacto é esencial para mellorar a vida das persoas, xa que, por exemplo, as deficiencias nas capacidades olfativas teñen un impacto grandísimo no seu benestar e calidade de vida. Isto vímolo na pandemia a causa da COVID-19, cando millares de persoas perderon o olfacto, e algunas delas de forma permanente.
De feito, a importancia da anosmia, que é a incapacidade de recoñecer olores, vai más aló da pandemia, e está moi presente na nosa sociedade, xa que a perda de olfacto é a miúdo un dos primeiros síntomas de enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou o párkinson, e o estudo dos mecanismos que vinculan estas doenzas ao sistema olfativo podería ter un impacto directo tanto no tratamento como no desenvolvemento de tests olfativos para o seu diagnóstico precoz, mesmo antes de que aparezan outros síntomas.
A comprensión de todo isto é dunha complexidade enorme. É por este motivo que un dos nosos principais obxectivos sempre é a colaboración con investigadores, tanto da mesma USC, como doutras universidades españolas, e tamén de fóra de España; xa que o estudo destes sistemas require do acceso a distintas tecnoloxías, perspectivas e recursos que só se poden atopar a través de redes de colaboración nacionais e internacionais.
-Que proxectos ou liñas de investigación gustaríalle impulsar no Campus Terra nos próximos anos?
-Nos próximos anos, o meu obxectivo é seguir afondando no estudo detallado do sistema olfactivo e o seu impacto na reprodución animal.
Queremos seguir investigando como a comunicación química e a percepción do cheiro inflúen nos comportamentos reprodutivos, xa que o coñecemento preciso destas interaccións é fundamental para o benestar e a supervivencia das especies.
Neste aspecto, a miña incorporación ao proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades busca afondar nos mecanismos morfolóxicos e funcionais da comunicación química do coello, para así, fomentar a aplicación direta destes coñecementos na mellora do benestar animal e da produtividade das explotacións cunículas.
Adicionalmente, os coñecementos relacionados con estas investigacións son importantes para o futuro desenvolvemento de estratexias para a conservación de fauna salvaxe, ou para a xestión de animais domésticos, así como para comprender mellor as propias patoloxías humanas relacionadas coa anosmia ou coas alteracións sensoriais.