María López de la Calle: «A melatonina semella unha vía prometedora para mellorar a resistencia das plantas ao estrés causado polo cambio climático»

Hoxe en día, é case imposible non escoitar a palabra melatonina cando buscamos solucións para poder conciliar o soño. Os suplementos que conteñen esta hormona producida naturalmente por animais, plantas, fungos e bacterias copan os estantes das farmacias e as mesas de noite.
A súa implicación na regulación dos ritmos circadianos e a súa orixe natural convértena nunha gran aliada para loitar contra o insomnio, reducir os síntomas do desfase horario ou axustar os ciclos de soño-vixilia en persoas cegas.
Porén, esta molécula agocha no seu interior un universo de interaccións biolóxicas e químicas moito máis amplo que non se circunscribe unicamente ao ámbito do descanso. Os procesos dos que forma parte pódense traducir en aplicacións prácticas para, entre outras cousas, minguar os efectos do estrés que pode provocar o cambio climático no reino vexetal.
Esta é unha prometedora realidade que aínda está sendo estudada e que, hai non moito, foi explorada satisfactoriamente pola nosa entrevistada de hoxe, María López de la Calle.
O seu currículo impresiona e, como en moitas ocasións, a súa viaxe comeza no noso campus. Deu os seus primeiros pasos da súa andaina científica estudando o Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria no Campus Terra e, tras unha abraiante traxectoria colmada de logros académicos e éxitos profesionais, agora traballa man con man coa Secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación como Conselleira Técnica do seu Gabinete, que se di pronto.
Conversamos con ela para que nos relate como é o seu día a día traballando no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, por que centrou gran parte da súa actividade investigadora arredor dun obxecto de estudo como o tomate e como a melatonina podería ser unha das claves para loitar contra os estragos que o cambio climático pode causar a nivel global
-Na actualidade, ostenta o cargo de Conselleira Técnica no Gabinete da Secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación. En que consiste, a grandes liñas, o seu traballo?
-O meu traballo consiste, principalmente, en dar asesoramento técnico. Preparo todo tipo de material técnico que se poida precisar: resumos executivos, notas informativas, etc. Tamén, xunto cos meus compañeiros de gabinete, son un pouco o nexo de unión ou o punto de coordinación entre o gabinete e outras unidades do Ministerio: busco información que poida precisar a secretaria de Estado ou o gabinete do Ministro nun momento determinado e avalío e analizo esas propostas que poidan xurdir noutras unidades.
-Cal foi o proceso que lle permitiu chegar onde está hoxe? Porque acceder a este tipo de postos non parece, cando menos, unha tarefa fácil...
-Un xefe meu de hai xa uns cantos anos dicía que hai dúas formas de chegar a un posto concreto: ou porque es a persoa indicada ou porque es moi pesada. Esa sería un pouco a resposta á galega, facendo patria. Pero, en realidade, eu chego a este posto grazas a un proceso de selección bastante clásico, ao que se lle sumou ter un pouco de sorte e a carambola de estar no momento e no lugar adecuados.
Eu aprobo a oposición ao corpo de enxeñeiros agrónomos do Estado, entro no Fondo Español de Garantía Agraria e, paralelamente, aparece a Secretaría de Estado no Ministerio de Agricultura como tal. Nese momento xurde a necesidade de crear un gabinete técnico e dáseme a oportunidade de poñer en valor o meu currículo previo á administración. Aí valoraron a visión global do meu perfil ao ter traballado en diferentes equipos e, como comentaba antes, paso un proceso clásico de currículo e entrevista, algo que non é habitual na administración pública.
-Centrándonos no seu día a día, vostede traballa directamente coa Secretaria de Estado que é, sen dúbida, unha figura moi singular. Por un lado fai política, pero tamén realiza moito traballo técnico, enfróntase á realidade do sector...
-Si. A Secretaria de Estado, Begoña García Bernal, é unha persoa que posúe unha sensibilidade moi especial co territorio, coas mulleres, coas explotacións e cos problemas reais do medio rural. É unha persoa á que lle gusta ir ao propio territorio, coñecer os problemas de primeira man e tratar de darlles solución.
Nós, polo tanto, tamén estamos implicados en todo isto. Cada vez que ela viaxa, que asiste a unha reunión ou que lle da foro a unha parte do sector agrario, que é moi complicado pero tamén moi importante e estratéxico, aí estamos nós dándolle forma a esas reunións e brindándolle un asesoramento técnico que lle permita afrontar a súa axenda diaria.

-Vostede foi beneficiaria dunha bolsa de investigación na Universidade de California, en Davis. Cóntenos, como foi a súa experiencia? Percibiu algunha diferenza palpable entre a investigación en Estados Unidos e a de aquí en España?
-O certo é que si. Si que existen certas diferenzas.
En primeiro lugar, dicir que como experiencia persoal para min foi terriblemente enriquecedora. Primeiro, porque é unha das universidades máis importantes do mundo, especialmente en ciencias agrarias. Poder traballar aí, nun centro de referencia mundial, foi un auténtico privilexio. Ademais, teñen ao seu alcance unha serie de ferramentas tecnolóxicas moi potentes.
Pero, cal é a principal diferenza?
Se nos circunscribimos estritamente ao campo de traballo, é certo que Europa e España evolucionaron moito. Hai investigadoras e investigadores de primeiro nivel, así como tecnoloxía punteira, pero teño a sensación de que aló é moito máis sinxelo captar fondos de investigación.
Tanto a colaboración co sector privado como o acceso á financiación fan que estes procesos sexan máis inmediatos, o que supón unha serie de facilidades que aquí non se dan con tanta frecuencia: aquí temos o capital humano necesario, ás veces o tecnolóxico, pero en moitas ocasións a dimensión económica non é suficiente.
En canto á experiencia persoal, podo dicir que vivir en California foi realmente espectacular. É certo que decidín volver a España porque non quería vivir aló o resto da miña vida, gústame moito estar aquí. Pero paseino moi ben no tempo que pasei aló, traballando e convivindo con amigos. Foi unha experiencia que non cambiaría.
-Alí investigou, entre outros proxectos, como afectaban, a nivel molecular, a salinidade e as altas temperaturas ás plantas de tomate. Cales foron as súas conclusións?
-O que vimos nós, en primeiro lugar, é que a resposta das plantas sometidas ao estrés por salinidade e ao estrés por alta temperatura por separado non era a mesma que ao sometelas a unha combinación dos estreses. Do mesmo xeito, tampouco era a adición dos estreses por separado. Isto é especialmente interesante se temos en conta que os estreses case sempre se producen de maneira combinada: é moi raro ter un sen o outro.
Entón, o que tratamos de comprender eran os mecanismos que a planta pon en funcionamento para dar resposta a esta situación concreta. Polo tanto, en California, seguindo o meu traballo previo no CSIC, o que fago é un estudo de secuenciación de ARN mensaxeiro, o que nos permite dilucidar a implicación de distintos xenes na resposta da planta ao estrés. Atopámonos cunha activación e una sinerxía da ruta da prolina e do ascorbato. Ao activárense, detoxifican as especies reactivas de osíxeno, permitíndolle á planta reducir o estrés a nivel celular.
Tamén captaron a nosa atención unha serie de factores de transcrición, que son os que “poñen os xenes a funcionar”, por así dicilo. Imaxinemos que temos un libro con moitas receitas de cociña, que serían o ADN, para facer diferentes pratos, as proteínas. Os factores de transcrición serían o cociñeiro que decide que receita concreta se vai cociñar ese día.
-En relación con este tema, desde a distancia dá a sensación de que un dos seus obxectos de estudo predilectos é o tomate. Cal é a razón pola cal escolleu esta froita para dedicarlle gran parte da súa etapa como investigadora?
-Sen dúbida algunha, o tomate marcará a miña vida, xa que vivín seis anos sepultada por tomates. O tomate é un cultivo cunha importancia económica tremenda a nivel mundial. É un dos cultivos máis importantes, máis consumidos e que xera maior valor a nivel mundial.
Pero, por outra banda, é unha excelente ferramenta de investigación. É un modelo fantástico nun laboratorio porque ten un xenoma coñecido e público, está moi ben estudado, co cal partimos dunha ampla base de traballo xa feito que nos permite avanzar de forma máis áxil.
Ao traballar tanta xente no tomate, é máis doado xerar coñecemento nese entorno e compartir novos descubrimentos.
Tamén é unha planta relativamente doada de manexar nun laboratorio cun ciclo de vida curto. Ademais, o seu comportamento pode ser extrapolable ao de outros cultivos de interese agrícola. Creo que todos estes factores fano ideal.

-Unha das súas últimas investigacións pivota ao redor da melatonina como mitigadora dos efectos do estrés abiótico en plantas. Cales foron os resultados deste traballo? Que outras vantaxes pode achegar esta molécula á saúde dos vexetais?
-A melatonina é un pouco a molécula de moda, non? Eu que son un pouco fashion victim non quixen deixar de apuntarme ao carro da melatonina.
Na nosa investigación, o que vimos é que esta molécula melloraba a capacidade antioxidante, axudando a reducir as especies reactivas de osíxeno ao igual que a prolina e o ascorbato, como comentaba antes. Ao aplicala de xeito esóxeno ás plantas de tomate, vimos como se producía un menor estrés dentro das células, reducindo o dano celular.
Agora mesmo semella que esta molécula está implicada na regulación de outras hormonas vexetais implicadas directamente en distintos procesos fisiolóxicos, é bioestimulante... É dicir, nunha chea de procesos incríbeis. Aínda queda moito por descubrir sobre a melatonina, pero sen dúbida semella unha vía prometedora para mellorar a resistencia ao estrés biótico e abiótico e ás situacións provocadas polo cambio climático.
-Son moitas as persoas que dan os seus primeiros pasos no Campus Terra e que, en cuestión de poucos anos, acaban investigando en centros referencia a nivel mundial. Moitas desas persoas acaban volvendo para continuar a súa actividade científica no noso campus. Cal cre que é a clave deste fenómeno? Que fai do Campus Terra un xerador de talento tan potente?
-Para min, o Campus Terra é un lugar excelente, con moitas cousas a destacar e ao que persoalmente lle debo, polo menos, o 75% dos logros profesionais da miña vida.
O trato e a calidade docente do campus parécenme excepcionais. O claustro de profesores é marabilloso. Hai unha relación de achegamento co alumnado moi importante. Ademais, é un persoal cualificado. Moitos deles teñen relacións con universidades no estranxeiro e están involucrados en distintos proxectos de investigación, o que lles da unha proxección internacional moi valiosa.
Poder estudar no Campus Terra é unha marabilla se temos en conta que é un campus cunha conexión moi forte co territorio, que está moi especializado e que está moi vencellado ao sector produtivo. Todo isto facilita a transferencia de coñecemento e permite basear ese coñecemento na práctica.
Para unha enxeñeira agrónoma coma min, por exemplo, formar parte deste campus ten moitas vantaxes. Eu quixen internarme no mundo da investigación e nunca tiven barreiras de ningún tipo no campus. Dende Elvira López Mosquera e Socorro Seoane, que son unhas excelentes profesoras e profesionais e que me abriron as portas do seu laboratorio, no que din os meus primeiros pasos, até a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), que é un lugar marabilloso no que tamén traballei. Cada paso que din no campus foi como un trampolín.
Eu teño estado en contacto con moitas outras universidades, e creo que o trato tan personalizado que brinda o Campus Terra ao seu estudantado por ser un campus relativamente pequeno esvaece un pouco os límites do que se pode facer. Estou segura de que, se a un alumno ou alumna se lle ocorre unha idea para montar unha empresa ou para poñer en marcha un proxecto, vai a haber alguén ao outro lado que o escoite, que de cabida a este tipo de propostas.
Para min, o campus é un segredo que me encanta contar, e que creo que debemos contar todas e todos. Sempre que teño ocasión digo que é preciso darlle unha oportunidade ao Campus Terra porque, sen dúbida, é un lugar marabilloso con xente marabillosa.
-E xa para finalizar, onde se ve nun futuro próximo? Pensou xa nos seus seguintes pasos, aínda que sexa a nivel aspiracional?
-Agora mesmo a verdade é que non me podo mollar moito, acabo de aterrar como quen di. Cada vez que entro a traballar aquí, no Palacio de Fomento, aínda vou mirando a teito e alucinando cos frescos e cos cadros que me vou atopando polos corredores. Entón, aínda non teño a capacidade de imaxinarme a min mesma noutro lugar. Estou desfrutando moito do proceso, aprendendo moito, asentándome e tratando de absorber todo o que podo dos meus compañeiros e do meu entorno.
Estou moi agradecida por esta oportunidade e tamén por permitirme a min mesma vivir no presente.