Patricia Cazón: «O Congreso vai permitir que un número moi amplo de voces atopen unha plataforma para expresarse»
Iniciarse no mundo da investigación é algo que se adoita afrontar con ganas e ilusión. Pero estas emocións ás veces vense turbadas polo temor de non saber por onde empezar ou cales son os pasos que se deben seguir.
Isto fai patente a existencia dunha demanda de espazos de reunión para aquelas persoas que comecen a súa andaina no mundo da investigación. De lugares de encontro como o I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora, creado e organizado polo Campus Terra.
Baixo o nome ‘Raíces do Coñecemento’, este encontro internacional diríxese ao estudantado de grao, mestrado, predoutoral e novo persoal investigador que queira iniciar ou consolidar a súa carreira investigadora. Celebrarase dentro de poucos días, entre o 14 e 16 de outubro e terá lugar no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do noso campus.
Co fin de coñecer un pouco o funcionamento do Congreso, dilucidar o papel que pode xogar na traxectoria profesional dos mozos investigadores que participen nel e saber que podemos esperar ver neste foro, falamos hoxe con Patricia Cazón Díaz.
Doutora pola USC e investigadora posdoutoral na área de Tecnoloxía de Alimentos do Campus Terra, Patricia Cazón centra o seu traballo, entre outras cousas, no aproveitamento de subprodutos e residuos para a fabricación de materiais biodegradables. Os achados das súas liñas de investigación fan fincapé na importancia de nutrir unha economía circular real, co obxectivo de alcanzar un crecemento sostible.
Patricia Cazón estará presente no Congreso non só en calidade de membro do comité científico, senón como participante activa do encontro. Conversamos con ela brevemente para que nos conte desde dentro cales poden ser as claves do éxito deste prometedor evento.
-Vostede forma parte do comité científico do Congreso. Que é, en síntese, o Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora e cales son os seus obxectivos?
-A principal idea era crear un evento que en certo xeito fose unha primeira toma de contacto para estudantes ou investigadores nas primeiras etapas da súa carreira con outros compañeiros que están na súa mesma situación. Queriamos crear un espazo que lles permitise intercambiar ideas e promover as súas propias conexións e sinerxías tanto con investigadores dos seus mesmos campos de coñecemento como de áreas complementarias.
Ademais, buscabamos ofrecer unha visión real e completa da carreira investigadora, abordando tanto o ámbito académico como o sector privado. Por iso, contaremos cunha sesión especial na que representantes das principais Axencias e Institucións Públicas que promoven a investigación explicarán as actuais convocatorias para investigadores pre e posdoutorais, así como as novidades e estratexias da carreira investigadora.
Doutra banda, contaremos cunha sesión especial coa participación de representantes de empresas de alto impacto no tecido empresarial de Galicia e cunha destacada actividade I+D+i, que nos darán unha visión do papel que xogan os investigadores no sector privado. Haberá unha mesa de diálogo cos asistentes para fomentar o intercambio de ideas sobre a integración da investigación na empresa.
-Máis de 125 rexistrados, investigadores de distintas universidades presentes... A priori, todo indica que o congreso vai ser un éxito...
-Si, así é. Polo ritmo das inscricións xa esperamos que o congreso sexa un éxito. Espertou moito interese. Creo que axudou o formato, a través de intervencións curtas, o que vai permitir que un número moi amplo de voces atopen unha plataforma para expresarse. Ao longo dos 3 días do evento, poderemos asistir a un total de 70 comunicacións e ver ata 35 paneis acompañados de breves presentacións. Con este formato, queriamos darlles a oportunidade e o momento a todos os participantes de expoñer os seus traballos. Para algúns será o seu primeiro Congreso, unha oportunidade para gañar experiencia e internarse un pouco máis no mundo da investigación.
Ademais, tamén está permitido acudir como asistente a distintas sesións sempre que o aforo non estea completo.
-O Congreso estrutúrase en nove liñas de investigación: produción vexetal sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación, tecnoloxías ómicas, cambio climático, unha única saúde e cultura no medio rural. En que consistirá o seu panel?
-No meu caso, impartirei un dos paneis do eixo de alimentación saudable e segura. En concreto, a presentación vai enfocarse no uso de biomateriais, como a celulosa bacteriana, que se aplican en contacto directo con alimentos, e a revalorización de subprodutos para a produción biotecnolóxica deste material.
Pero dentro da nosa área haberá outras comunicacións de estudantes que presentarán traballos totalmente diferentes.
-E en que consistirán?
-Un dos traballos presentados expoñerá como os alimentos de orixe animal poden actuar como vehículos transmisores de microorganismos zoonósicos ou resistentes a antibióticos.
A investigación da outra alumna céntrase na aplicación da espectroscopia NIR como ferramenta para a rápida cuantificación da composición nutricional das fariñas de cereais autóctonos de Galicia. Contaremos tamén coa participación de estudantes do INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory) que presentarán novos sistemas para garantir a seguridade alimentaria. Como podedes ver, o abano de traballos é moi amplo.
No Congreso, de feito, tamén se vai a presentar un estudo realizado cun dixestor, un equipamento tecnolóxico moi novo, e dos poucos dispoñibles en España.
-Para que serve?
-Basicamente, simula o sistema dixestivo. Permite observar como se liberan os compoñentes, como se absorben os nutrientes e como interactúa a microbiota cos distintos compostos. É unha información de gran valor para desenvolver novos alimentos funcionais como os prebióticos, por exemplo.
-Que supón para un investigador novo poder tomar parte activa neste congreso?
-Sinceramente, creo que é unha oportunidade única, xa que este tipo de eventos non son moi comúns. É fantástico porque lles permite aos investigadores novos ter unha primeira toma de contacto con esta parte do traballo ao afrontar un relatorio oral de 10 minutos ou un panel curto. É un primeiro ensaio moi valioso.
Tamén é unha forma de coñecer a persoas coas mesmas inquietudes ou parecidas, á vez que se obtén unha visión moito máis completa do que é e representa esta carreira profesional.
-O Congreso pretende crear unha contorna de colaboración entre mozos investigadores, unha sorte de punto de partida para crear sinerxías investigadoras máis potentes. En que medida iniciativas como esta axudan nese obxectivo de sumar talento e coñecemento?
-É fundamental. Con frecuencia, os investigadores vémonos limitados á hora de traballar polo noso enfoque ou a falta de coñecemento en áreas complementarias. Este tipo de congresos achégannos a persoas que traballan nos nosos campos de investigación ou disciplinas afíns. Nun breve espazo de tempo, podemos acceder de forma rápida e sinxela a coñecementos de gran valor que poden impulsar o desenvolvemento de novas ideas ou liñas de investigación.
Eu creo que a investigación hoxe ha de ser, si ou si, multidisciplinar. E congresos como este achégannos a ideas e compañeiros cos que avanzar, resolver problemas e producir traballos máis integrais.
-E a última, ademais de todos estes obxectivos, o Congreso reforzará aínda máis a visión do Campus Terra como un gran contedor de coñecemento e investigación, como un referente neste ámbito. Coincide con esta apreciación?
-Efectivamente, creo na visión de que o Campus Terra é un gran contedor de coñecemento e investigación. Un campus de especialización que é realmente un referente e que ten grupos de investigadores moi potentes que en ocasións necesitan un pouco máis de visibilidade.
Este congreso vai permitir a moitos mozos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e doutras universidades mostrar o seu traballo e todo o que están a facer.