Ir o contido principal

Paulino Martínez: «A acuicultura é a produción do futuro»

Paulino Martínez é catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria
Paulino Martínez é catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria
Paulino Martínez, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria, debulla as claves da xenética aplicada á acuicultura na entrevista de hoxe

Segundo a última proxección de poboación humana realizada pola ONU, para o ano 2050 prevese que habitarán o planeta preto de 10.000 millóns de persoas, 2.000 millóns máis que na actualidade.

Este dato enténdese moito mellor se vai da man doutro: para cubrir a futura demanda alimentaria, este incremento de poboación requirirá aumentar a produción anual de alimentos nun 70% con respecto aos niveis actuais. Sen dúbida, un reto sen precedentes a nivel global. 

Neste contexto, a acuicultura configúrase como unha das solucións con máis potencial para facer fronte ao reto da alimentación, conxugando conceptos clave como a sustentabilidade, a innovación ou a eficiencia produtiva.

Esta semana, precisamente, celébrase o Día Mundial da Acuicultura. E non hai mellor maneira de conmemorar esta data que conversar con Paulino Martínez Portela, unha das voces máis consolidadas no panorama internacional da xenética aplicada á acuicultura e a conservación de recursos.

Catedrático de Xenética da Facultade de Veterinaria do Campus Terra e coordinador do grupo de investigación Acuigen, Paulino Martínez fálanos hoxe sobre o papel que pode xogar a acuicultura na loita contra a fame, a evolución do sector acuícola nos próximos anos ou a importancia que ten para el a transferencia de coñecemento a empresas e administracións.

-A acuicultura está relacionada con boa parte dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), se non con todos: erradicación da fame e a mellora da saúde, o aumento da sustentabilidade ambiental dos océanos… É realmente consciente a sociedade da dimensión da súa importancia?

-O que percibo eu como consumidor directo de peixe e de molusco é que, en comparación con fai uns cantos anos, a xente compra moito máis peixe de acuicultura. Antes sempre se dicía “non, eu quero peixe fresco”, ou “o peixe de acuicultura é de baixa calidade”. Entón, o que vexo agora é unha transformación, polo menos a nivel de compra.

Creo que a percepción do gran público nestes momentos ten que ver coa impresión de que están comprado un produto de calidade a un prezo, ademais, moito máis alcanzable.

Con respecto aos ODS, o grao de conversión na acuicultura de penso en carne é dos mellores que hai, o que a converte nunha produción moi sostible en todos os aspectos. Tamén cabe destacar que a necesidade de auga é mínima se se compara, por exemplo, co vacún.

Sen dúbida, desde o punto de vista actual, a acuicultura é a produción do futuro. Conséguese un moi bo produto: san, seguro e cun prezo moi competitivo. A isto súmaselle a situación que viven moitos caladoiros cos estragos producidos pola súa sobreexplotación. 

Outro punto interesante é a cantidade de especies que se cultivan en acuicultura: estamos a falar dunhas 500 en todo o mundo, fronte ás 4 ou 5 liñas de vacún ou porcino. Atopámonos nunha fase moi interesante dada a enorme diversidade de especies cun gran potencial para ser producidas segundo distintos niveis de esixencia e de uso de tecnoloxía.

-O grupo Acuigen, ao que pertence, é un referente en xenética aplicada á acuicultura. Cales son as súas principais liñas de investigación na actualidade?

-Nós temos dúas liñas de investigación vencelladas á acuicultura: unha delas ten que ver coa xestión das pesqueiras e a súa sustentabilidade, mentres que a outra garda relación coa mellora das producións en cultivo.

Somos líderes en peixes planos, como o rodaballo e o linguado, pero tamén traballamos con outras moitas especies no Mediterráneo, como a dourada e a robaliza. De feito, as principais empresas do Mediterráneo traballan connosco, e tamén estamos a traballar con equipos de Centroamérica.

É dicir, estamos moi abertos a todos os campos de investigación dentro da acuicultura e tamén cos moluscos, dado que ultimamente incrementouse moito a preocupación polos moluscos en Galicia polos estragos que están a producir certas patoloxías. Como exemplo están o berberecho, que desapareceu practicamente por culpa da Marteilia, e a ostra plana, desaparecida por causa da Bonamia

Entón, o que facemos fundamentalmente en Acuigen é aplicar ferramentas xenéticas e xenómicas para dar resposta ás problemáticas que nos expoñen tanto as empresas que producen peixes como as que producen molusco, así como a propia Xunta de Galicia. Da mesma forma, estivemos coordinando un comité para os recursos xenómicos na acuicultura a nivel mundial coa FAO, entre outras cousas.

-O polbo é unha icona indiscutible de Galicia a nivel cultural, social, etc. Veremos nalgún momento ao polbo como unha especie con potencial acuícola?

-Teño as miñas dúbidas. Desde fai uns cantos anos que se traballa co polbo, pero nunca houbo resultados tanxibles como tal. É certo que fai 3 ou 4 anos, dous grupos de investigación conseguiron sacar adiante a fase larvaria, por exemplo, e que está a ser aplicada por algunhas empresas.

Pero o polbo ten un problema adicional, en relación coa acuicultura, xa que é un animal considerado como moi intelixente, e hai controversia ao redor de canto estrés se lle pode producir ao telo confinado en tanques de cultivo.

Creo que aínda falta percorrido para poder manter unha produción sostible e viable a nivel comercial.

Polo de agora, o polbo non é unha especie cun alto potencial acuícola
Polo de agora, o polbo non é unha especie cun alto potencial acuícola

-En proxectos como Resalber investígase a resistencia do berberecho á salinidade. Que retos científicos supón este tipo de investigacións?

-En Resalber estamos a avaliar a tolerancia á salinidade porque co contexto de cambio climático que vivimos na actualidade, debido ás choivas torrenciais de primavera ou inverno xérase unha baixada drástica da salinidade no fondo das rías, que é onde se aloxan importantes bancos de moluscos. E este fenómeno produce mortalidades masivas.

Concretamente, estamos a traballar con berberecho en Galicia, pero tamén coa ameixa xapónica nun proxecto a nivel europeo. A idea principal é ver se existe unha compoñente xenética importante que se poida explotar para conseguir liñas máis tolerantes ás caídas de salinidade. E, efectivamente, vemos que si que hai unha herdabilidade para este carácter

-Como se traslada a investigación básica en xenética de poboacións a solucións prácticas para o sector acuícola e ás comunidades costeiras?

-Coa investigación en xenética de poboacións podemos identificar como está estruturada xeneticamente unha poboación e recoñecer as variacións xenéticas que serven para adaptarse a condicións ambientais locais, o cal resulta moi útil para os diferentes sectores acuícolas a nivel non só local, senón internacional.

-Vostede publicou máis de 230 traballos científicos. Cal considera que foi a súa contribución máis relevante para a comunidade científica e para o sector produtivo? Quedaría cunha especificamente ou citaría varias das que sente especialmente satisfeito?

-A primeira que se me vén á mente é a da miña tese doutoral (1993) que fixen sobre o nulo impacto das repoboacións que se fixeron coa troita común aquí, e que foi publicada na revista Aquaculture. Por mor desta publicación cambiou a política da Xunta e de todas as administracións españolas neste tema, algo que me parece realmente importante.

Sobre publicacións máis recentes, gustaríame destacar algunhas publicacións que estamos a facer en relación cos mapas de regulación xenética derivados do proxecto europeo AQUA-FAANG. É dicir, que non soamente ten xenes, senón que tamén rexións que controlan a expresión deses xenes, polo que o seu coñecemento é decisivo á hora de realizar unha selección xenómica máis precisa.

Vivimos na “era da xenómica”, xa que baixaron os custos da secuenciación e de todas as tecnoloxías en xeral, o que nos permite profundar nas nosas investigacións a niveis nunca coñecidos.

-A transferencia de coñecemento a empresas e administracións é un dos piares do seu traballo. Que exemplos destacaría de colaboracións exitosas neste ámbito?

-Particularmente destacaría a xenética da conservación dos recursos naturais. Nós orientamos a todas as administracións de España, en practicamente todas as Comunidades Autónomas, na xestión da troita común.

Por dicilo dalgunha maneira, colaboramos nas políticas para a xestión dos recursos naturais en España.

Desde o punto de vista empresarial, temos un vínculo moi estable coas grandes empresas de peixes como Pescanova, Solt Sexa Farm ou Ovapiscis. O valor que ten a selección xenética é o seu stock de reprodutores, cuxas características son moldeadas en cada xeración segundo as necesidades do mercado. 

Ademais, ultimamente estamos a traballar moito con moluscos, pero coa intermediación da Xunta neste caso dado que é un sector retallista con moita actividade de confrarías, o que implica traballar tamén con menos recursos.

-Mirando ao futuro, que avances cre que marcarán a próxima década na xenética aplicada á acuicultura e á conservación de recursos?

-Desde o punto de vista técnico, de aquí a 10 anos non soamente se coñecerá a secuencia completa dos nucleótidos, senón tamén que xenes ocupan cada posición e cales son os elementos reguladores que controlan que ese xene se acenda ou se apague. Xa estamos a ver grandes avances no coñecemento do que se chama panxenoma. 

Doutra banda, desde o punto de vista da evolución da acuicultura per se, está claro que nos movemos cara á sustentabilidade, tanto en termos de elección de especies herbívoras ou fruxívoras que teñan un menor impacto ambiental, como a substitución de dietas por elementos vexetais.

E por outra banda está tamén o reto das patoloxías. Hai moito traballo por facer aínda, pero, por sorte, temos unhas ferramentas cada vez máis potentes que nos permiten abordar estes retos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2025.