Roberto Bande: «A colaboración entre diferentes áreas de coñecemento é fundamental para poder dar resposta aos retos da sociedade»
Hoxe en día, o progreso científico non se podería entender sen a interdisciplinariedade: unha abordaxe innovadora que promove a colaboración entre distintas disciplinas académicas que permite atravesar o limiar dos límites establecidos.
Este concepto, sobre o que se constrúe o ADN do Campus Terra, basease na cooperación, na comunicación e na creación de novas perspectivas para poder achar a solución aos problemas que enfronta a nosa sociedade, que distan de ser sinxelos.
E, precisamente no seu epicentro atopase a economía, un área de coñecemento cunha natureza simbiótica que leva moitos anos demostrando a súa capacidade innata para integrarse na estrutura de coñecemento dos diferentes universos académicos.
Co fin de achegarnos a este mundo tan fascinante e comprender as mecánicas que o rexen, conversamos con Roberto Bande Ramudo, investigador e docente no departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra e presidente da Asociación Galega de Ciencia Rexional.
-Vostede acumula máis de 25 anos de traxectoria docente e investigadora. Como evolucionou o seu enfoque sobre o ensino da economía na universidade?
-O ensino universitario ten mudado de xeito substancial dende que comecei a impartir docencia alá polo ano 1998.
Por entón as aulas aínda estaban masificadas, e era sinxelo atoparte con grupos de máis de 150 persoas. A docencia nese contexto impedía o uso de metodoloxías nas que os estudantes puideran participar dun xeito máis dinámico e interactivo nas clases. Afortunadamente fomos evolucionando cara un modelo menos masificado, no que o contacto co estudantado é mais directo.
Con todo, hai xa moitos anos que fun incorporando pequenos elementos que hoxe en día son habituais nas clases, pero que por entón eran moi novidosos, como o uso de xogos de rol para explicar o funcionamento do mercado interbancario e o papel do banco central na determinación da oferta monetaria; a gravación en vídeo das clases para o seu uso posterior no campus virtual por parte do estudantado ou o uso de simuladores macroeconómicos para a resolución de complexos problemas de política económica.
Este ano comecei a introducir a gamificación, aínda que queda moito por aprender nese sentido. O caso é non quedarse estancado e ir probando cousas novas.
-Desde a súa experiencia como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, que retos principais identifica na formación dos futuros economistas?
-Máis que na formación, que eu creo que é axeitada e comparable á formación que se lle da a unha persoa estudante de economía ou administración de empresas en calquera universidade de prestixio do mundo, o reto fundamental é que sexan capaces de aplicar todo o instrumental teórico e práctico a contextos reais, de xestión de políticas públicas ou de xestión empresarial.
Dende o punto de vista dos docentes, moitos debemos de afondar no uso de análise de caso, de simulacións, de usar o traballo en grupo titorizado polos docentes, etc. É dicir, toda unha serie de metodoloxías que lle permitirá ao estudantado ser capaz de entender como pode aterrar todo o acervo de coñecemento que se lles imparte para a resolución de problemas concretos.
-Ao longo da súa carreira traballou na consolidación do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), un referente europeo. Cales considera que foron as principais achegas do grupo nos últimos anos?
-Temos avanzado moito e en moitas áreas e ámbitos. Co paso do tempo fómonos especializando na aplicación de técnicas de avaliación de impacto, ben sexa de políticas públicas ou de determinadas actuacións. Moi posiblemente esta sexa a nosa maior fortaleza como grupo.
Entre as achegas máis importantes eu destacaría a análise de impacto local do Camiño de Santiago, que nos encargou Turismo de Galicia, e que permitiu abrir moitas sub liñas de traballo, e a análise de impacto económico na provincia de Lugo do Campus Terra, que nos encargou a propia USC e que evidenciou a importancia da nosa universidade para a contorna.
Tamén temos feito a memoria de impacto económico e social da Zona de Baixas Emisións de Cidade Real, sendo, por certo, unha das poucas ZBE que non foi tombada pola xustiza, precisamente pola calidade da memoria técnica que fixemos dende o grupo.
Temos desenvolvido proxectos sobre políticas sociais, turismo rural, políticas de emprego... En definitiva, somos un referente a nivel europeo na aplicación de todas estas técnicas en tan diferentes contextos.

-Tamén ten participado en proxectos de investigación que abordan cuestións de gran impacto, como o cambio climático na acuicultura. Que desafíos presenta integrar a análise económica en áreas tan interdisciplinarias como esta?
-Os traballos que realicei co Profesor Gonzalo Rodríguez e o seu grupo de investigación evidencian que a colaboración entre diferentes áreas de coñecemento é fundamental para poder dar resposta aos retos da sociedade.
Nos traballos aos que fai referencia traballamos cóbado con cóbado con investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, cos que desenvolvemos un proxecto que analizaba o impacto do cambio climático sobre a incidencia das mareas vermellas e o efecto sobre a produción do mexillón.
A partir dos datos de produtividade por batea que estimaron os biólogos como consecuencias da maior incidencia de mareas vermellas, os economistas analizamos o impacto sobre os prezos nos mercados, e polo tanto sobre a rendibilidade das explotacións.
Noutros traballos analizabamos a integración de mercados acuícolas e de peixe salvaxe a través do comportamento dos prezos. Todo isto pon de manifesto que estas colaboracións son moi importantes para poder ofrecer respostas máis completas dende a ciencia aos diferentes problemas aos que se enfronta a sociedade, como é o cambio climático e o quecemento global.
-No proxecto europeo ReFist sobre o deseño de sistemas financeiros en Europa, contribuíu ao desenvolvemento de modelos SVAR. Que aprendizaxes clave extraeu deste traballo no contexto poscrise de 2008?
-A aprendizaxe máis importante é que o deseño do armazón financeiro e institucional é fundamental para que a resposta a unha crise tan importante como a de 2008 teña éxito, e creo que os gobernos aprenderon da experiencia: a resposta á COVID-19 ou á crise enerxética derivada da guerra de Ucraína demostrou que o que nós formulabamos no seu momento nese proxecto tiña unha lóxica, e quero pensar que parte do éxito na resposta a estas crisis débese ás nosas aportacións.
Nun aspecto máis concreto, este proxecto permitiu abrir unha liña de investigación moi interesante na que traballamos na relación a nivel macro entre o desemprego, o consumo e o crecemento económico, que foi a base para desenvolver proxectos posteriores.
-Nas súas investigacións profundou en temas como o aforro por motivo precaución. Que importancia ten este comportamento na economía actual, especialmente en contextos de incerteza?
-A incerteza é a maior inimiga dos axentes, xa que impide unha toma de decisións adecuada, como poden ser as decisións de consumo ou o investimento. Nun contexto no que a guerra comercial desencadeada polos EEUU, agravada polo ataque estadounidense a Irán, e que non fai senón introducir incerteza en todos os ámbitos da vida, preocúpame o impacto que pode ter sobre as decisións de consumo/aforro e polo tanto sobre a capacidade da economía para financiar os investimentos, máxime nun contexto de débeda pública en máximos.
A incerteza pode provocar un aumento no aforro das familias, polo que haberá menos consumo (e menor demanda agregada). Porén, a maior dispoñibilidade de fondos financeiros non ten por que canalizarse cara o investimento privado dados as elevadas ratios de endebedamento público, que poden acabar absorbendo todo ese aforro, especialmente se o gasto militar aumenta. Agardo que non, pero pode producirse unha ralentización no crecemento económico mundial.
-Un dos seus proxectos recentes analizou o impacto económico do Campus Terra na provincia de Lugo. Cales foron os principais resultados e que papel cre que debe xogar a universidade no desenvolvemento territorial?
-Como comentaba antes, neste proxecto analizamos o impacto económico do campus na provincia de Lugo. Demostramos, a través de técnicas estendidas e consolidadas, que un pequeno campus universitario, con 6 facultades, é capaz de xerar un retorno moi forte en termos económicos, de produción e de emprego.
O que evidencia o estudo é que a sociedade debe coidar o campus, debe preocuparse porque o campus funcione e dispoña de recursos para o seu desenvolvemento. A presenza do estudantado na cidade ten un enorme retorno, que se estende por toda a provincia a través dos efectos indirectos e inducidos.
A actividade ordinaria da USC tamén ten un impacto moi relevante. A USC xoga un papel esencial no desenvolvemento territorial. Ollo, non é só o retorno económico. Hai cousas que por falta de datos non puidemos calcular. Por exemplo, cal é o impacto dos titulados no campus sobre a economía a través da súa actividade profesional. No campus formamos profesionais capacitados para desenvolver tarefas complexas en sectores punteiros, e iso é algo que nos debe facer reflexionar sobre a dimensión real do campus para a provincia.
-No seu día liderou estudos sobre os efectos rexionais da política monetaria en España. Desde a súa perspectiva, as rexións responden de forma homoxénea ás decisións do Banco Central Europeo?
-Esta é unha cuestión que aínda está a debate na literatura, e a miña intención é retomala nos próximos meses. De sobras é sabido que unha política monetaria única non serve para todos os países que formamos parte da Unión Monetaria Europea (o coñecido “one size does not fit all”), e que, polo tanto, existen asimetrías na resposta das economías aos cambios na política monetaria, lóxico cando a UME non é un área monetaria óptima segundo os estándares académicos fixados hai xa moito tempo.
A nosa aportación vai un pouco máis alá. A resposta dentro dun país a un shock monetario pode ser moi asimétrica en diferentes rexións, xa non só pola diferente composición sectorial da produción ou polas diferenzas en renda per cápita, senón porque pode haber mecanismos relacionados coa política fiscal que impiden un axuste correcto.
A nosa idea é que as políticas fiscais deberían de ir coordinadas coas monetarias para lograr obxectivos de xeito máis eficiente. Esta coordinación é necesaria xa que políticas monetarias específicas por rexións non son posibles, dado o grado de integración dos mercados financeiros.
-O seu labor investigador combina análise macroeconómica tradicional e técnicas avanzadas de econometría de series temporais e datos de panel. Cal é a importancia destas ferramentas na investigación económica moderna?
-A teoría económica xoga un papel moi importante para o avance do noso coñecemento de como funciona unha economía. Partindo de supostos elaboramos modelos, que son representacións simplificadas da realidade, que despois contrastamos empiricamente coa econometría.
Os modelos son cada vez matematicamente máis complexos, e as técnicas econométricas fan uso moi extensivo das capacidades de cálculo dos ordenadores actuais. Polo tanto, se queremos chegar a validar os modelos non queda outra que facer interaccionar estas dúas áreas da economía, que é precisamente o que levo facendo nos últimos 25 anos.
A análise pura de datos, por exemplo, as técnicas de big data, non serven moito se non hai detrás un guión que permita interpretar os resultados. Un estatístico pode atopar patróns nos datos económicos, pero é preciso que haxa unhas “lentes” que nos permitan entender eses patróns, e darlles unha explicación coherente.
Isto non difire moito de que acontecía hai 50 anos. A vantaxe é que hoxe en día é máis doado, grazas á potencia dos ordenadores, facer análises estatísticas e econométricas complexas, pero seguimos precisando dun modelo económico que nos guíe.
Por exemplo, noutro proxecto estou analizando os determinantes da sinistralidade laboral a partir dos datos dos partes de accidente dende 2001. Teño case 7,5 millóns de observacións, que agora hai que pulir, filtrar e darlles unha coherencia, grazas á teoría económica.
-Nos últimos anos coordinou proxectos innovadores en educación, como o simulador macroeconómico en Excel e a participación en proxectos europeos de educación transnacional. Como valora a integración da tecnoloxía no ensino da economía?
-A universidade non pode afastarse da tecnoloxía. Pero tampouco debemos caer no papanatismo de que o uso da tecnoloxía é indispensable. Para poder aprender a escribir é necesario un lapis e unha folla, non un megaordenador cuántico.
Para aprender economía é necesario debuxar gráficos, resolver matematicamente problemas de optimización, facer táboas de estratexias... E unha vez que todo isto está aprendido, a tecnoloxía ábrenos un horizonte espectacular de posibilidades metodolóxicas, pero o básico (o lapis e o papel) seguirán sendo ferramentas fundamentais para aprender, economía e moitas outras disciplinas.
-Finalmente, e mirando ao futuro, que liñas de investigación considera prioritarias para entender os cambios que afrontará o mercado de traballo na próxima década?
-Sen dúbida hai tres retos que teremos que afrontar dende a investigación.
En primeiro lugar, o impacto da automatización sobre a creación de emprego. As visións apocalípticas de hai uns anos tornáronse máis optimistas á vista do que está acontecendo nos mercados de traballo, pero queda moito por analizar.
En segundo lugar, o reto do envellecemento e como imos a afrontar o financiamento dun sistema de pensións nun contexto de envellecemento xeral da poboación, sen unha remuda clara, e nun contexto de substitución de traballadores por máquinas.
En terceiro lugar, o debate sobre a redución da xornada laboral e o impacto sobre a produtividade é outras das grandes cuestións que teremos que abordar nun futuro próximo.