Rosa Romero: «Os nosos montes son garantes da vida sostible»

O aproveitamento dos montes aporta a humanidade moitos beneficios económicos, como a madeira e os produtos forestais, o cales están estreitamente vencellados a ámbitos como o da construción, moblaría, carpintería ou o papel. Así, segundo o Informe Anual da Cadea Monte-Industria para o período 2022-2023 elaborado pola Universidade de Vigo, o valor económico aproximado das masas arborizadas de Galicia é duns 43.000 millóns de euros. Unha cifra que, dun xeito contundente, evidencia esta realidade.
Porén, os montes gorecen dentro dos seus lindes unha infinidade de recursos cuxo aproveitamento pasa moitas veces desapercibido. As chamadas producións complementarias, como a apicultura, a gandaría extensiva ou a micoloxía artéllanse como elementos clave da explotación eficiente, rendible e sostible dos ecosistemas forestais.
Do mesmo xeito, non debemos esquecer os beneficios ambientais, sociais e culturais que aportan os montes ao conxunto da poboación: son fundamentais na captura de CO2 -axudando polo tanto a mitigar o cambio climático-, son reguladores climáticos -manteñen a humidade do aire e reducen a temperatura-, protexen o solo, prevén a erosión, purifican a auga -fíltrana e almacénana, garantindo a súa calidade e salubridade- e, ademais, son un dos maiores reservorios da biodiversidade do noso planeta -incluíndo o 80% das especies terrestres-.
Fomentar todas estas potencialidades do monte e poñer en valor un concepto máis amplo da Enxeñaría Forestal son algúns dos piares sobre os que se asenta o labor investigador e docente da nosa entrevistada de hoxe, Rosa Romero Franco.
Rosa Romero é, ente outras moitas cousas, profesora no departamento de Produción Vexetal do Campus Terra, membro do grupo AGROFORECOL e, dende hai case tres anos, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), converténdose na primeira muller en ostentar este cargo.
A súa consolidada traxectoria abrangue máis de 30 anos marcados por unha fonda paixón e dedicación polo reino vexetal, os cales se transfiren directamente á súa actividade docente, divulgadora e de xestión. E que, tamén, agardamos que esta pequena conversa lle faga xustiza.
-A Enxeñaría Forestal abarca un amplo abanico de estudos e aplicacións. Que aspectos desta disciplina resúltanlle máis fascinantes e cal foi a súa principal motivación para dedicarse a este campo?
-O Grao en Enxeñaría Forestal e o Mestrado en Enxeñaría de Montes, impartidos na EPSE, abarca unha gran cantidade de aspectos imprescindibles para o desenvolvemento económico social das persoas e tamén contribúen a dar respostas a algún dos grandes desafíos da humanidade actual, como o cambio climático, a desertificación, a regulación hídrica, o mantemento da biodiversidade, a fixación de CO2 atmosférico ou a protección do solo contra erosión. Porén, nestas estúdanse moitos aspectos que me resultan extremadamente atractivos aínda que a miña docencia se centra no estudo da flora e vexetación dos bosques e das plantacións forestais (Botánica Forestal) e tamén nos produtos forestais non madeireiros (Producións complementarias do Bosque).
Eu empecei como docente a impartir a materia de Botánica Forestal e o fixen sendo consciente de que tiña que tratar de ensinarlle os estudantes que esa era unha materia fundamental para calquera enxeñeiro forestal ou de montes, xa que non se pode actuar sobre o que non se coñece. Tamén lles insisto en que o que eu explico nas aulas é unha parte pequena da Botánica Xeral: céntrome nas plantas máis importantes no campo forestal (fundamentalmente arbóreas e arbustivas) pero sen esquecer as que teñen algún tipo de protección ambiental.
Para poder facer os traballos típicos dun Enxeñeiro Forestal, como son a xestión e a ordenación do medio, ver o tipo de aproveitamentos económicos e non económicos dunha zona de monte, ou traballar na prevención de riscos como os incendios, hai que coñecer previamente as plantas e as súas características morfolóxicas e ecolóxicas. So así se poderán tomar as decisións mais acertadas.
Sempre lles digo os meus alumnos que a Botánica Forestal é a un enxeñeiro o que o un esqueleto é a un traumatólogo. Intento que a miña paixón polo coñecemento da flora autóctona chegue os meus estudantes. Intento transmitirlles que as intervencións no medio natural deben de ser respectuosas co propio medio e os seus integrantes e para iso teñen que coñecer en profundidade todos os seus compoñentes.
-Unha parte central do seu corpus investigador céntrase en plantas como a Arnica montana, moi valiosa para industrias como a farmacéutica. Que particularidades fan desta especie un recurso tan valioso e que desafíos enfronta a súa conservación?
-Polas súas propiedades antiinflamatorias, a Arnica montana resulta moi útil no tratamento de lesións, golpes e contusións. Ademais, é moi demandada pola industria farmacéutica, a cal obtén a súa maior parte de provisión do medio natural, sendo Galicia un gran subministrador desta materia prima.
Esta demanda, que é crecente xunto co cambio de uso de zonas do territorio onde aparece de forma natural, levou ao esvaecemento ou incluso á desaparición de moitas poboacións nas áreas de distribución, incluída Galicia.
De feito, está incluída na directiva de Hábitats da UE, Indicando que os países membros onde aparece deben tomar medidas que regulen a súa colleita para evitar a súa desaparición. En Galicia, pola contra, non se fai nada no relativo a esta regulación da colleita.
As nosas investigacións permitíronnos identificar dous quimiotipos diferentes, sendo un deles mais abundante que o outro, o cal está relacionado tamén coa variabilidade xenética da especie. Este tipo de investigacións é moi importante, tanto dende o punto de vista económico como de conservación da biodiversidade.

-Nun dos seus últimos traballos identificaron distintas liñaxes xenéticas nesta especie. Que implicacións ten este achado para a conservación e para o seu uso na industria farmacéutica?
-A presenza de diferentes grupos xenéticos ten un elevado interese na conservación da especie, porque moitos deles son endémicos e se poden atopar adaptacións locais.
Ademais, estes grupos xenéticos mostran unha asociación cos dous quimiotipos identificados na especie, representando os resultados atopados unha posible base xenética nesta diferenciación bioquímica (a confirmar en análise de ambiente común (common garden))
-As plantas medicinais e aromáticas son un recurso con potencial económico pero que precisan dun esforzo de conservación. Como pode equilibrarse o seu aproveitamento sostible coa protección das súas poboacións naturais?
-Antes de nada é preciso facer un estudo exhaustivo da distribución e tamaño das poboacións, do seu grao de diferenciación xenética e dos ambientes ecolóxicos nos que aparecen. Tamén dos riscos e ameazas que actúan sobre elas. Logo, determinar o nivel de aproveitamento que poden soportar e, por último, lexislar para garantir esa continuidade a medio e longo prazo das poboacións.
Para garantir a supervivencia das especies e poboacións de plantas medicinais tamén se poden realizar estudos de posible domesticación dalgunhas desas poboacións naturais e determinar a rendibilidade do seu cultivo. De feito, na EPSE fixemos xa estudos de cultivo coa árnica con bos resultados en canto a produtividade e rendemento químico
-A súa investigación sobre as producións complementarias do bosque destaca a importancia de explorar produtos distintos á madeira. Que recursos emerxentes cre que teñen maior potencial no contexto da bioeconomía e a sostibilidade?
-En xeral, creo que a sociedade cando pensa na Enxeñaría Forestal so ten en mente o aproveitamento madeireiro, mentres que as producións complementarias son as grandes esquecidas. De feito, non son excluíntes, pois ao mesmo tempo que facemos unha plantación para obter madeira podemos complementala con outros aproveitamentos.
Na categoría de producións complementarias, os chamados produtos forestais non madeireiros, non só se inclúen os que aparecen de forma natural, senón tamén o seu cultivo, clave para evitar a sobre explotación (como soe pasar). Polo tanto, como producións complementarias, ademais das plantas medicinais atópanse os cogomelos, o mel, a cortiza da sobreira, os pequenos froitos, o sabugueiro... Os nosos montes teñen unha gran potencialidade dende todos os puntos de vista, pero deben de ser xestionados de unha maneira eficiente, con regulacións promovidas pola administración competentes, de cara a manter os recursos.
Por poñer un exemplo, os meus compañeiros de departamento, Antonio Rigueiro e Roque Rodríguez, traballaron na valorización dos soutos e chegaron á conclusión de que é a plantación forestal mais rendible por hectárea se se aproveita o seu froito, a castaña, así como a súa leña e os cogomelos.
-Tamén traballou na avaliación de métodos alternativos para o control de vexetación nas marxes das estradas, sobre todo de especies invasoras. Existen solucións innovadoras para substituír aos métodos tradicionais e minimizar así o impacto ambiental?
-Nese campo fixen unha pequena colaboración, e os métodos alternativos probados, (sal, vinagre) a corto prazo resultaron tan eficaces como os herbicidas. Dende o meu punto de vista, en grandes extensións, para que a eliminación de vexetación nas marxes das estradas non sexa un perigo para o ambiente, creo que o mais recomendable é facer rozas.
-A agrosilvicultura foi gañando protagonismo na Política Agraria Común europea, como non podía ser doutra forma. Como ve a súa evolución e que oportunidades ofrece para a xestión sostible do territorio?
-É unha opción interesante, tanto a nivel económico como social e tamén ambiental. Mais penso que o futuro dos montes (e todos os seus posibles aproveitamentos) reside en realizar unha ordenación integral dos seus recursos. Eu, particularmente, non estou a favor das “modas”. A universidade, os técnicos formados nas escolas de enxeñaría e as administracións terían que ir da man se realmente queremos que a Terra e o Territorio sexa, ademais de economicamente rendibles e socialmente acolledores, resilientes e sostibles.

-A silvicultura está en constante adaptación ante o cambio climático. Desde a súa experiencia, que estratexias considera clave para mitigar os seus efectos nos ecosistemas forestais?
-O cambio climático afecta de maneira diferente ás distintas partes do mundo. Mesmo na Península ibérica, prevese que os seus efectos sexan dispares, moito menos intensos no extremo norte, onde nos atopamos nós, que no resto. Tendo en conta estas diferenzas e o que sabemos sobre os cambios ambientais que aconteceron en épocas xeolóxicas recentes no NW, as especies nativas do noso territorio estarían perfectamente adaptadas ao incremento de temperaturas e ás variacións nas precipitacións que se podan experimentar; ademais, sabemos que funcionan coma cortalumes moi efectivos.
Neste escenario, o papel das especies autóctonas cobra especial relevancia na planificación dos aproveitamentos forestais e na prevención e control das vagas de lume. Trátase de aproveitar as oportunidades que nos ofrecen estas especies e telas en conta na planificación dos usos do territorio, fomentando o seu emprego nas plantacións e a súa distribución en mosaico.
Deste xeito, as masas forestais serían menos propensas a padecer lumes de gran magnitude e intensidade, favorecendo a resiliencia dos ecosistemas, a conservación dos solos e a regulación do ciclo da auga. Paralelamente, a utilización de especies arbóreas autóctonas tería un efecto positivo para o mantemento de certos elementos que forman parte da biodiversidade que actualmente están en risco de desaparición.
-Por último, non queriamos deixar de preguntarlle sobre o papel da muller na sociedade actual. A enxeñería forestal e a investigación científica foron tradicionalmente ámbitos con menor representación feminina. Como foi a súa experiencia como muller neste campo e que consellos daría ás mozas que queiran dedicarse ás súas ramas de coñecemento?
-É certo que as enxeñarías en xeral son profesións masculinizadas. A Enxeñaría Forestal non é unha excepción: nas nosas aulas as mulleres non chegan ao 30% do total de estudantes matriculados.
Hai varios motivos que explican isto como estereotipos de xénero, aínda moi incrustados na sociedade actual (as mulleres son mellores para todos os campos que teñen que ver coa arte, os coidados, coa ensinanza, fronte os rapaces que son mellores en todo o que ten que ver cos campos da técnica e da enxeñaría) ou a falta de referentes femininos no eido das Enxeñaria nos libros de texto da ensinanza primaria e secundaria.
Fai falla moita pedagoxía para reverter esta situación. Dende a EPSE o intentamos todos os anos, promovendo obradoiros dirixidos por enxeñeiras do noso centro nas escolas de primaria, para achegar ás rapazas exemplos tanxibles, para que vexan que ser Enxeñeiro/a non é cuestión de xénero.
No relativo á investigación que eu realicei ao longo da miña vida teño que dicir que foi moi gratificante. Os esforzos deron vos resultados, tamén é certo que sempre estiven arroupada por persoas investigadoras sen as que sería imposible sacar adiante os traballos.
Tamén creo que é moi complicado dar consellos, tendo en conta que a carreira investigadora hai que contemplala como unha carreira de fondo. Entendo que cando unha rapaza remata os seus estudos universitarios e consegue facilmente un traballo remunerado (como é o caso das egresadas en enxeñaría na actualidade) opten por integrarse no mundo laboral.
Pero é certo que hoxe por hoxe as rapazas, a través das Bolsas do Campus Terra para inicio da investigación, teñen a posibilidade de comezar estudos de investigación nos diferentes grupos que hai na Escola e comprobar e ver se ese mundo lles interesa. Dende a miña experiencia as animaría a que o fixesen.
A presenza de mulleres tamén é imprescindible na investigación técnica, non so por xustiza histórica, axudando a combater a desigualdade de xénero, senón tamén porque está demostrado que os grupos de investigación integrados por homes e mulleres producen solucións mais innovadoras e eficientes. A diversidade garante que os avances tecnolóxicos beneficien a toda a sociedade.