Ir o contido principal

V Foro de empresas EQ-ETSE

04.12.2025 | 09.00h-14.00h
Foro de empresas EQ-ETSE
Foro de empresas EQ-ETSE

O Foro de Empresas EQ-ETSE regresa este 4 de decembro á Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC como punto de encontro entre estudantes e algunhas das firmas líderes no tecido industrial galego, pertencentes a sectores estratéxicos como a enxeñaría, a enerxía ou a xestión de recursos. A quinta edición deste evento dirixido ao estudantado de grao e máster está xa consolidado no calendario académico do centro.

Entre as entidades que xa confirmaron a súa presenza atópanse multinacionais e empresas galegas punteiras como Repsol, Viaqua, Finsa, Foresa, Idom, Reganosa, Espina y Delfin, Alcoa, Xeal ou o Grupo Voltan; centros tecnolóxicos como Aimen ou Cetaqua; e o clúster Viratec. Ademais da representación empresarial, o Foro contará coa participación activa de axentes clave para o desenvolvemento profesional, como o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor) e áreas estratéxicas da USC dedicadas á Orientación Laboral e á Valorización, Transferencia e Emprendemento.

Unha xornada centrada na interacción profesional

O foro desenvolverase de 09.00 a 15.00 horas e comezará con presentacións curtas das empresas participantes, onde terán oportunidade de expor as súas liñas de negocio, os seus proxectos innovadores e os seus programas de captación de talento.

A segunda e máis substancial parte da xornada queda reservada para o espazo networking. Durante este tempo, o estudantado terá a oportunidade de interactuar de xeito individual cos representantes das empresas nos seus respectivos stands, entregar currículos, e amosar as súas habilidades e expectativas de futuro, abrindo a porta a posibles procesos de selección.

O evento está dirixido principalmente a estudantes do máster e grao en Enxeñaría Química da ETSE, estendendo a invitación aos de titulacións relacionadas e cun marcado perfil científico-técnico das facultades de Física, de Química, de Matemáticas ou de Ciencias Económicas da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2025.