Ir o contido principal

Adrián Casanova: «A divulgación científica resulta máis necesaria que nunca nestes tempos de ‘infodemia’»

Adrián Casanova é investigador posdoutoral no Campus Terra
Adrián Casanova é investigador posdoutoral no Campus Terra
Apaixonado da divulgación científica, docente e investigador posdoutoral no Campus Terra, Adrián Casanova centra a súa labor investigadora na xenética e xenómica da conservación e a ecoloxía

Formar ás xeracións futuras, estimular o pensamento crítico ou promocionar o intercambio de información de alto valor entre membros da comunidade científica son algunhas das consecuencias directas que pode aportar unha divulgación científica eficaz na sociedade da información na que vivimos.

Porén, esta é unha práctica que, en moitas ocasións, adoita estar situada nun segundo plano ó non recibir os recursos que precisa para desenvolverse correctamente, pese á gran cantidade de beneficios que pode achegar en múltiples aspectos das nosas vidas.

Por iso é de crucial relevancia poñer en valor o traballo de investigadoras e investigadores como Adrián Casanova Chiclana. Doutor en Bioloxía pola USC, investigador posdoutoral no Campus Terra e un apaixonado confeso da docencia e da divulgación, Adrián Casanova ten moi claros cales son os valores que quere para a comunidade científica da que forma parte.

A valorización do traballo en equipo, a confección de redes de colaboración e promoción de sinerxías de carácter multidisciplinar son algúns destes conceptos sobre os que gravita a súa perspectiva como investigador, unha óptica moi prezada nos tempos que corren e que vos presentamos nesta entrevista.

Hoxe falamos con Adrián Casanova, entre outras cousas, sobre a aplicación da xenética e da xenómica na conservación de especies, a situación actual de Galicia en termos de supercomputación e bioinformática e o seu paso polo I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra. 

-Que papel xogan a xenética e a xenómica na conservación das especies?

-Aportan información de utilidade para identificar especies ou poboacións vulnerables así como contribuír ao deseño de plans de xestión e conservación dos recursos naturais.

A modo de exemplo, se nunha especie vexetal existise unha elevada diferenciación xenética entre poboacións silvestres, en principio deberían empregarse en repoboacións ou reintroducións de sementes ou propágulos procedentes das poboacións máis “similares” xenéticamente, que non necesariamente son as máis próximas xeograficamente.

Con todo, tense que traballar cunha visión holística, traballando con outras disciplinas, como a ecoloxía, xunto con todos os axentes do territorio.

-Cales serían as posibles repercusións dunha diminución da variabilidade xenética? Cal é a situación de Galicia?

-A diversidade xenética é a materia prima da adaptación e evolución das poboacións naturais. Unha diminución podería implicar unha redución da súa viabilidade futura. De Galicia a modo xeral, non teño información para ter unha opinión fundamentada. No meu traballo, no eido da conservación, adoito investigar con especies ou poboacións vulnerables polo que a miña percepción global podería estar nesgada. 

-Unha das súas liñas de investigación actuais centrase, entre outras cousas, na aplicación da xenética e xenómica de poboacións na xestión de especies piscícolas e bivalvos de interese comercial. Cales foron os seus achados até o de agora?

-Antes de nada gustaríame incidir en que os achados en ciencia adoitan ser colectivos. Nos que eu participara de forma máis estreita estarían o deseño dunha ferramenta xenética para identificar correctamente entre dúas especies comerciais de peixe plano, rodaballo e curuxo, a partir dunha mostra de tecido ; e a identificación en berberecho (Cerastoderma edule) e ostra (Ostrea edulis) de rexións xenómicas con variantes nucleotídicas (por exemplo Polimorfismos de Nucleótido Único) ou estruturais que puideran estar potencialmente relacionadas coa resistencia a enfermidades coma a marteliosis  e bonamiosis , respectivamente. Ambas enfermidades, cun elevado custo socioeconómico.

Na actualidade estou traballando cos primeiros datos xenómicos de árnica (Arnica montana), dentro dun equipo multidisciplinar do Campus Terra (Xenética-Produción vexetal-Ecoloxía), co fin de determinar variables xenómicas que poidan estar relacionadas cos diferentes quimiotipos existentes desta planta, presentando estes diferentes propiedades antiinflamatorias e alerxénicas.

Tamén estou participando, nunha colaboración coa Universidade de Granada, na primeira aproximación xenómica dunha especie comercial de crustáceo (camarón soldado ou quisquilla; Plesionika edwardsii) para obter información de utilidade para a xestión deste recurso pesqueiro.

A diversidade xenética é a materia prima da adaptación e evolución das poboacións naturais
A diversidade xenética é a materia prima da adaptación e evolución das poboacións naturais

-No seu labor investigador, vostede traballou con equipos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Segundo a súa experiencia, a que nivel diría que se atopa Galicia no relativo á bioinformática? De que recursos dispón a comunidade científica galega neste ámbito?

-O CESGA é fundamental e necesario. De nada serve ter unha grande cantidade de datos (Big data biolóxico) se despois non se ten unha capacidade de computación (e almacenamento) proporcional.

Creo que en Galicia temos moita sorte co CESGA e o seu equipo técnico. Ademais o CESGA é moi accesible, puiden comezar a usalo un mes despois da miña solicitude, sendo un estudante de doutoramento.

Asemade en Galicia hai varias xornadas consolidadas de persoas usuarias tanto do CESGA , de R  e demais software científico libre e gratuíto... que serven de punto de encontro para intercambiar experiencias, consellos e incluso establecer sinerxías en diferentes investigacións.

Resumindo, diría que en Galicia non imos nada mal pero hai que seguir apostando por todas estas actividades e o incremento/renovación dos recursos do CESGA segundo as necesidades da sociedade.

-Actualmente, ademais de traballar como investigador posdoutoral contratado ao abeiro das convocatorias do noso campus, vostede está rematando o Máster de Mestrado ofertado pola USC en Lugo. Como persoa que xa tiña impartido docencia na súa etapa predoutoral, que o levou a tomar esta decisión? Que ou quen espertou o seu interese pola docencia?

-Antes da investigación, participara durante anos como bolseiro na Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organizando ciclos de cine ambiental, obradoiros de horticultura urbán a golpe de sacho, roteiros de sendeirismo, etcétera. A verdade é que os desfrutaba moitísimo.

Posteriormente, xa no eido da educación formal, vivo a docencia tentando ser coma aqueles docentes de primaria, secundaria, FP e universidade que me facían desfrutar da súa materia cos medios dispoñibles. Ademais, sempre se aprende! O alumnado realiza cuestións, mostra dúbidas e ideas que obrigan ao docente a reflexionar, buscar nova información, cuestionarse... 

-Vostede, en 2018, foi un dos gañadores da VIII edición do Inspiraciencia. Que papel xoga e debería xogar a divulgación científica na sociedade de hoxe en día? Para vostede, que importancia ten facer divulgación en galego?

-Creo que a divulgación científica resulta máis necesaria que nunca nestes tempos de 'infodemia'. Considero que debería valorarse máis, a todos os niveis. O galego pódese empregar para todo, e a Ciencia non pode ser menos.

-Podería dicirnos cales son as claves dunha divulgación realmente eficaz?

-Non teño demasiada experiencia, pero diría que estimular a curiosidade da xente, a curiosidade como motor da aprendizaxe e do coñecemento (saquei isto do educador brasileiro Paulo Freire). Ser breve pero rigoroso, aportando as ferramentas para que a xente poida indagar pola súa conta se un tema lle resultara de especial interese.

Finalmente, ser humilde. Cada persoa sabe máis do que máis traballa. Así de sinxelo.

-Nestes momentos estase a organizar unha nova edición de DivúlgaT, un evento de divulgación científica organizado no campus no que vostede ten participado en ocasións anteriores. Que papel xogan este tipo de certames na promoción da transferencia de coñecemento e posta en común de achados científicos? Participará nesta nova edición?

-Estes eventos son chave para que a cidadanía coñeza e valorice o que se fai no seu entorno máis próximo e como indiquei anteriormente, estimular a curiosidade. Ademais, eu tamén aprendo porque son bastante diversos en canto a temáticas e podo descubrir cousas das cales non tiña nin idea e incluso establecer colaboracións.

Aínda o pasado outubro, co galo do 'I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra: Raíces do Coñecemento' descubrín a un equipo da USC que está a investigar sobre a resiliencia aos lumes forestais da camariña (Corema album), arbusto endémico sobre o cal estamos a analizar datos xenómicos para a súa conservación no marco do proxecto LIFE INSULAR no cal está o IBADER.

Até algúns puntos de mostraxe son os mesmos! Seguramente podamos colaborar, aínda que sexa intercambiando hipóteses e ideas... Por suposto, si que participarei!

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2024.