Ir o contido principal

Javier Bueno: «A mecanización actual permite aumentar a precisión e facer máis sostibles os procesos de produción agrícola e forestal»

Javier Bueno é investigador e docente da área de Enxeñaría Agroforestal no Campus Terra
Javier Bueno é investigador e docente da área de Enxeñaría Agroforestal no Campus Terra
Javier Bueno, investigador e docente da área de Enxeñaría Agroforestal no Campus Terra, centra o seus estudos na Agricultura de Precisión e na mecanización agrícola e forestal

Nunha comunidade global en constante crecemento, incrementar a produtividade e a eficiencia agrarias é ineludible. Dar resposta á crecente demanda alimentaria pasa, ademais, por facelo baixo unha perspectiva sostible que permita desenvolver un modelo de produción respectuoso co noso medio.

Unha das mellores estratexias para acadar estes obxectivos é a da Agricultura de Precisión, que conxugada cunha mecanización efectiva do sector agrícola permite, ademais, facer fronte ao contexto de despoboamento do rural que vive o noso país. 

Para afondar nesta materia tan relevante para os tempos que corren, conversamos hoxe con Javier Bueno Lema, investigador e docente da área de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do noso campus, membro do Grupo de Investigación BioMODEM e vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo entre 2014 e 2018.

-Nos últimos anos dirixiu proxectos como MilloPreciso, centrado no cultivo de millo forraxeiro en Galicia mediante técnicas de precisión. Que melloras concretas achega a Agricultura de Precisión a este cultivo estratéxico na produción gandeira galega?

-A Agricultura de Precisión consiste en tomar as decisións en base a datos coa finalidade de optimizar a produción agrícola e gandeira.

No caso do millo forraxeiro, cando o colleitamos con picadoras de forraxe equipadas con sensores que permiten medir a produción do cultivo de forma xeo-referenciada, obtemos en torno a 1.000 datos por hectárea que nos permiten coñecer con gran precisión o rendemento en cada zona da parcela.
Isto posibilita elaborar mapas de rendemento que poden ser utilizados para realizar a distribución de semente, fertilizante ou produtos fitosanitarios de forma variable, aportando a cantidade correcta en cada zona da parcela.

Con esta nova forma de xestionar o aporte de insumos podemos aumentar as producións, reducir os custes de produción e mellorar a sustentabilidade ambiental do cultivo. 

-Outro dos seus proxectos máis recentes é PurinPreciso, que aborda a aplicación intelixente de xurros como fertilizante. Que tecnoloxías están a permitir optimizar este proceso e reducir o seu impacto ambiental?

-O xurro é un recurso das explotacións gandeiras que, utilizado para a fertilización orgánica dos cultivos, permite aforrar no uso de fertilizantes minerais. Pero un dos problemas que ten é que é un produto heteroxéneo, cunha composición variable que, a menos que o analicemos, non sabemos a cantidade de nutrientes que contén.

No proxecto PurinPreciso estamos a desenvolver un sistema intelixente que mediante sensores que miden a condutividade eléctrica do xurro no tanque distribuidor, permite coñecer a cantidade de nutrientes que contén e controlar a súa aplicación na parcela.

Deste xeito podemos saber, por exemplo, os quilogramos de nitróxeno que estamos aplicando con ese xurro por hectárea e regular a dose para non superar a cantidade que necesita o cultivo. Con iso evitamos sobredosificacións e o impacto ambiental que provocarían.

-Agrolab_Biogal aposta polo uso de tecnoloxías de espectroscopia NIR de baixo custo para a análise de contaminantes. Ata que punto estas ferramentas poden contribuír a unha xestión máis sostible dos recursos agrogandeiros?

-Co proxecto de Agrolab-Biogal vaise desenvolver un NIR de baixo custe para tratar de conseguir máis precisión que coa medida da condutividade eléctrica na análise de nutrientes do xurro.

Os modelos actuais de NIR dispoñibles no mercado para montar en tanques distribuidores teñen un custe elevado, polo que a súa difusión é reducida. O obxectivo é mellorar a precisión, sobre todo en nutrientes como o fósforo onde a conductimetría non ofrece bos resultados, pero a un custe máis asumible para os usuarios.

-Leva máis de tres décadas formando a estudantes no ámbito da mecanización agraria e forestal. Como cambiou o ensino neste campo desde que iniciou a súa traxectoria docente en 1991?

-A evolución da tecnoloxía é constante e, nestes 34 anos de experiencia docente, a mecanización foi evolucionando dende o uso de máquinas baseadas principalmente en compoñentes mecánicos e hidráulicos, a un papel cada vez máis importante da electrónica.

Isto foi acompañado de melloras na calidade do traballo, aumentos da capacidade de traballo, incremento da eficiencia, redución do impacto medioambiental e melloras na seguridade e comodidade dos operarios.

A mecanización adáptase aos cambios que acontecen no medio rural. Ante un escenario de cada vez menos poboación vivindo nas zonas rurais, as máquinas cada vez son máis grandes porque as explotacións tamén o son, e menos dependentes de man de obra, con maior presenza da automatización e, incluso, robotización.

A nova maquinaria agrícola conta cunha maior presenza de automatización e robotización
A nova maquinaria agrícola conta cunha maior presenza de automatización e robotización

-Un dos eixos da súa docencia é a agricultura de precisión, un campo en plena expansión. Que competencias considera fundamentais para que os futuros enxeñeiros agroforestais poidan afrontar os retos da dixitalización agrícola?

-Os futuros Enxeñeiros do medio rural vanse atopar que as máquinas cada vez xeran máis datos ao mesmo tempo que fan os traballos. Isto é debido a que a presenza de sensores electrónicos que toman eses datos ten un custe moi reducido en comparación co prezo da máquina.

A maquinaria agrícola e forestal hoxe en día é a maior fonte de datos dixitais e, ademais, a máis barata. Por tal motivo cada vez ten máis importancia saber analizar e xestionar grandes cantidades de datos dixitais para transformalos en información útil que permita mellorar a eficiencia dos procesos produtivos.

Ese é o fundamento da Agricultura de Precisión, ser máis eficientes na utilización dos recursos (sementes, solo, auga, fertilizantes...) e producir o mesmo ou máis cun menor custe e cun maior respecto ambiental.

Isto conséguese fundamentando a toma de decisións en datos, en información, en coñecemento. As novas tecnoloxías van condicionar a competitividade de moitas producións agrarias e a súa supervivencia no mercado, polo que o seu coñecemento vai ser un dos retos importantes no futuro.

-A súa participación en numerosos proxectos de I+D+i reflicte un forte compoñente aplicado do seu traballo como investigador. Como se articula a colaboración entre universidade, sector produtivo e administracións no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o agro?

-Se as universidades queremos seguir sendo útiles na formación dos técnicos que van desenvolver o seu traballo no medio rural do futuro, temos que estar en contacto permanente cos sectores produtivos, coas empresas e coa administración que as regula.

Esta colaboración é fundamental para adaptar o traballo docente e investigador ás necesidades da sociedade que nos financia como universidade pública. Por iso debería ter un maior peso a transferencia de tecnoloxía na actividade universitaria.

Os proxectos de investigación e innovación en colaboración co sector produtivo e as administracións permiten detectar as novas necesidades de formación que van aparecendo e estar actualizado nos coñecementos que demanda a sociedade. Estas colaboracións son fundamentais para estar en contacto cunha realidade que cada vez cambia a maior velocidade.

-Nun contexto de cambio climático e esixencias ambientais crecentes, que papel pode xogar a mecanización agraria e forestal na transición cara a sistemas de produción más resilientes e sostibles?

-A introdución de novas tecnoloxías como, por exemplo, os sistemas de guiado por satélite, o control electrónico da maquinaria, a robótica e a intelixencia artificial, están a provocar que a mecanización cada vez faga os traballos con maior eficiencia e precisión.

Isto permite reducir as cantidades dos principais insumos utilizados na agricultura (sementes, fertilizantes, produtos fitosanitarios...) e distribuílos con maior precisión.

Como se adoita dicir, trátase de conseguir aplicar o produto correcto, na cantidade correcta, no lugar correcto e no momento correcto.

Así, redúcense os posibles impactos negativos sobre o medio ambiente que poden provocar cando non se xestiona ben a distribución deste insumos.

A mecanización actual permite aumentar a precisión e facer máis sostibles os procesos de produción agrícola e forestal.

-Mirando ao futuro, en que liñas de investigación considera que debe focalizarse a enxeñería agroforestal para dar resposta aos desafíos do sector nos próximos anos?

-Na actualidade o principal problema nas zonas rurais é a dispoñibilidade de man de obra. Polo tanto, mirando ao futuro, todas as tecnoloxías que permitan realizar os traballos cunha menor dependencia da dispoñibilidade de persoal, cun menor custe de produción, cunha maior eficiencia no uso dos recursos e cun menor impacto sobre o medio ambiente, van a ser prioritarias para o medio rural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2025.