Ir o contido principal

José Manuel Rus: «Hai que favorecer a convivencia entre o rural e as cidades»

José Manuel Rus é xerente da Moexmu desde 1998.
José Manuel Rus é xerente da Moexmu desde 1998.
O xerente da Moexmu, graduado na facultade de ADE do campus de Lugo, analiza nesta entrevista a situación e os retos de futuro do sector gandeiro

Coidar o rural é, tamén, enchelo de futuro e de persoas con proxectos vitais. A receita de José Manuel Rus é dun sentido común esmagador e dun profundo coñecemento tamén. Á fin e ao cabo, desde 1998 é o xerente de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), un dos certames de referencia (senón o máis importante) para o sector gandeiro galego.

Un dato. A Moexmu recibiu o ano pasado o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural e o Premio Agader do Sector Agrogandeiro. «Xa é raro recibir dous premios tan prestixiosos ao mesmo tempo», recoñece orgulloso.

Rus estudou ADE no Campus de Lugo a mediados dos 90, para realizar despois un posgrao en Xestión e Dirección Comercial de Cooperativas e Pemes tamén na USC. Esa formación universitaria, unida ao seu profundo coñecemento do sector gandeiro (en casa tiñan unha pequena explotación gandeira), dalle unha visión global sobre a situación do sector, sobre o seu presente e os desafíos de futuro.

De todo iso conversamos nesta charla...

-O próximo mes de abril celebrarase a 41 edición da Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta). Que supón para vostede este fito? 

-Nun evento destas características, no que a organización recae na veciñanza, que neste caso son empresarios e empresarias, aínda que tamén participan as institucións, ten mérito chegar a estas 41 edicións. 

Cando en marzo se nos concedeu o Premio Aresa, moita xente que non estaba nas comisións organizadoras vivírono como éxito propio. Pasou algo similar cando se fixo a homenaxe dos 40 anos da Moexmu, que viu moitísima xente de Muimenta e dos pobos cercanos.  

Mesmo no festival Pozomouro que organizan uns rapaces daquí, a xente de Muimenta acode aínda que a música non é a que preferirían. Fano para apoiar aos mozos e mozas do pobo. 

-Logo… O segredo da Moexmu, a Festa da Filloa ou de Pozomouro está no tecido veciñal de Muimenta? 

-Sí, seguro que si. Cada pobo organízase á súa maneira, pero toda a xente colabora aínda que a organización recae nunhas persoas concretas. 

-41 anos da Moexmu ben merecen un aplauso, pero é que no marco da exposición celebraranse tamén a 39 edición do Concurso de Gando Frisón, a Exposición de Rubia Galega e a Poxa de Gando Selecto. Cal é, na súa opinión, a relevancia para o sector gandeiro galego destes certames? 

-Non son imparcial co tema, pero a valoración dos gandeiros é boa e non poderíamos chegar ata aquí se non fose así. Nós non interrompimos nunca a celebración da Moexmu, nin o concurso, a exposición ou a poxa, e o gandeiro sabe que ano tras ano estivemos aí. 

O gando que vén a Moexmu é importante. Por citar un exemplo, en sete das oito últimas edicións o gando de Rei de Miñotelo gañou en Moexmo, pero é que nos concursos nos que participou en España tamén gañou, e mesmo nos certames en Europa quedou nas primeiras posicións.

A calidade das gandeirías da Terra Chá é moi elevada, pero aquí tamén veñen gandeirías do resto da província, así como de Pontevedra e A Coruña moi recoñecidas. 

-O cariño co que fan este traballo parece outro dos segredos da mostra. 

-Os gandeiros din que os tratamos moi ben. Todos os anos nos xuntamos con eles e temos o mal vicio de escoitalos. Nós dende a organización vemos cousas que ao mellor a eles non lles convencen pero cando as explicamos o entenden, e á inversa tamén. Temos mellorado coas súas aportacións.

Esa filosofía de proba-erro ten sido clave para consolidar o camiño que nos trouxo ata aquí. 

-Vostede estudou ADE no Campus de Lugo a mediados dos 90 e, ao rematar, fixo un posgrao sobre Xestión e Dirección Comercial de Cooperativas e Pemes. Como recorda aquela etapa? 

-Persoalmente, é unha das mellores etapas que vivín. Acórdome moito dunha frase do profesor de Dereito, José Benito, que nos dixo recén chegados á carreira unha gran verdade: «Non é o mesmo pasar pola universidade, a que a universidade pase por un». 

As miñas mellores amizades veñen daí. Relacionarme con xente de distintos sitios, clases sociais, ideoloxías… Foi unha etapa inolvidable. 

A nivel académico aprendín moitas cousas que logo puxen en práctica. No meu caso non foi a típica carreira que chapabas e olvidabas, senón que estudei e aprendín moitas cousas que logo puxen en práctica nos traballos que tiven na niña carreira profesional. 

-Galicia en xeral e Lugo en particular é unha potencia gandeira. Ten sentido para vostede que un grao como o de ADE ofreza unha formación específica relacionada co sector? 

-Por suposto que si. En Galicia, ADE está presente en varios campus e a potencia gandeira da provincia de Lugo, sobre todo Terra Chá, A Mariña e Chantada, require de persoas nas granxas que están cos seus pais ou nunha SAT e poidan ter unha formación específica sobre xestión, regulación… Obter todo ese coñecemento específico é moi valioso. 

A gandeiría dos anos 50 non ten nada que ver coa gandeiría dos 90, e a dos 90 coa de hoxe moito menos incluso. As granxas fóronse profesionalizando de forma moi acusada nestes anos. 

Hoxe, o gandeiro ou a SAT ten que estar moi pendente de temas legais, de trámites burocráticos…

Facer un estudio de costes a 3 ou 5 anos, por exemplo, é algo valioso que moitas granxas encargan a asesorías que ao mellor non están familiarizadas coas particularidades da súa actividade. É por iso que o Campus de Lugo pode e debe xogar un papel moi relevante ao proporcionar eses coñecementos tan críticos para o sector primario, non só para os gandeiros. 

-Hai uns días lía unha entrevista cun empresario español que ten un grupo altamente diversificado con máis de 50.000 empregados na que dicía que dende hai tempo está investindo de forma moi intensa en todo o que ten que ver co sector primario. Ten lóxica, neste momento todo o hype dos inversores parece estar arredor da IA e a tecnoloxía, pero o que non poderemos é renunciar a alimentarnos. Que lle parece esta reflexión? 

-A reflexión pode vir da pandemia perfectamente. Hai xente que aínda non se enterou que na pandemia o sector que funcionou perfectamente foi o primario; a gandeiría, a alimentación… Moitos deses sectores que a xente mira non digo con desprezo pero si ao mellor con certa distancia demostraron entón a súa importancia para o conxunto da sociedade. O que di este empresario quédase incluso curto. 

Dicimos moito hai que potenciar o rural, apoialo, queremos que a xente viva no rural, pero vou poñer de novo un exemplo: para facer esta entrevista tivemos que esperar 10 minutos porque a fibra non chega ben ao rural. 

Si ao rural lle quitas servicios sanitarios ou educativos, obligas á xente a escaparse ás cidades. Se a iso lle sumas que traballo tampouco hai, salvo que sexa no sector gandeiro ou pequenos negocios persoais que morren cando o propietario se xubila porque non hai relevo, pois aí tes un círculo completo e vicioso para explicar o que ocorre. 

Hai que potenciar o rural. Por certo, que aquí temos o problema inverso da vivenda respecto das cidades. Temos casas baleiras que se caen porque non hai quen as habite. 

A conselleira do Medio Rural dixo na entrega dos Premios Agader que «vivir no rural e do rural é posible». Eu engadiría «vivir o rural».

-O que plantexa é un plan de acción máis amplo. 

-Durante moitos anos se nos vendeu aquilo de escapar das vacas, fuxir do rural. Eu mesmo fun un deles. Hoxe estanse a ver moitos pobos no rural nos que se pechan colexios, que teñen problemas cos médicos... Hai que favorecer a convivencia entre o rural e as cidades, defender e incentivar que a xente poida vivir no pobo e traballar onde vive ou mesmo na cidade si quere. Para iso tamén son precisas vías de comunicación, que ás veces deixan moito que desexar. 

Si, efectivamente, o plan é máis global, porque unhas cousas están conectadas coas outras. 

-Volvendo a Moexmu, os días 4, 5 e 6 de abril celebrarase a mostra con 22 seccións a concurso. Cales son as cifras de participación e negocio que prevén para este ano? 

-No 2024, o sábado e domingo recibimos unha media de 10.000 persoas cada día. De expositores, o ano pasado foron 125 e 25 gandeirirías entre concurso, exposición e poxa. Entendemos que na edición deste ano, as cifras andarán por aí tamén. 

A nivel de negocio, eu insisto moito en que hai que diferenciar negocios. Por exemplo, os de artesanía teñen que aproveitar eses días para vender, mentres que os de maquinaria veñen máis a expoñer e as operacións cérranse máis adiante. Hai casas comerciais de tractores que veñen á Mostra e que esa semana non venden, pero si o fan dúas ou tres semanas despois. 

Para as gandeirías que veñen concursar, gañar un premio supón unha mellora na súa puntuación que logo tradúcese en negocio. Quero dicir que as vías de xeneración de negocio da Mostra son moi diversas. 

Polo que respecta ao orzamento da Moexmu, a edición do 2024 tivo un custe de 148.558 euros. 

-E a última, pola súa experiencia no sector, cales son os retos do sector gandeiro para os próximos anos? Mellora xenética, uso da tecnoloxía, regulación... Onde están os desafíos? 

-Un deles, non sei si o máis importante, é a man de obra. Non a teñen, e a pouca que hai soe ser inmigrante, que moitas veces fai o traballo que non queremos facer. Digoo porque as veces xorden debates que non sei si teñen moito sentido. 

No caso da regulación, primeiro de todo hai que dicir que si está é por algo, pero tamén é certo que os gandeiros están con frecuencia máis pendentes dos trámites burocráticos que da súa propia actividade, polo que un traballo para simplificala seguro que non viría mal. 

E coas novas tecnoloxías, quizais o máis importante é permitirlles facer todos estes trámites dun xeito máis áxil porque no rural hai moitas zonas que nin sequera teñen acceso a Internet. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2025.