Ir o contido principal

Juan Luis Fernández: «Non podemos deixar de lado, nunca, a gran verdade de que “se aprende facendo”»

Juan Luis Fernández é Profesor Titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra
Juan Luis Fernández é Profesor Titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra
Juan Luis Fernández, docente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, profunda na importancia de levar a ciencia ás aulas

Compartir o valiosísimo coñecemento que se xera tódolos días no ámbito universitario é un feito que debería ser irrenunciable nunha sociedade que se quere aberta ao progreso. Porén, non sempre é unha tarefa doada.

Loitar contra recursos limitados coma o tempo ou o financiamento propicia, en moitas ocasións, que este cometido quede relegado a un segundo plano. Por iso, tódolos esforzos por establecer canles de comunicación eficaces e accesibles, así como tecer pontes entre a academia e a cidadanía deben ser recoñecidos e celebrados.

E máis se se fan dende unha perspectiva que aposta polo poder da man. Que rescata o valor da materialidade e da educación práctica. Algo que Juan Luis Fernández Lorenzo, o noso entrevistado de hoxe, defende a capa e espada. 

Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Profesor Titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, membro do Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia e do Grupo de Investigación de Referencia Competitiva AGROFORECOL...

O dilatado currículo de Juan Luis Fernández non é máis que un reflexo dunha consolidada traxectoria que leva máis de tres décadas pivotando arredor dun singular microuniverso: o do cultivo in vitro de especies vexetais. As posibilidades que esta técnica semella ofertar a nivel científico, medioambiental e económico antóllanse inabarcábeis. Pero tamén o son a nivel educativo e divulgativo.

Hoxe falamos con el para que nos abra as portas do seu particular mundo...

-A súa actividade científica, en liñas xerais, pivota arredor do cultivo in vitro de especies de interese agroforestal e ecolóxico. Que vantaxes achega este xeito de traballar con respecto ás técnicas tradicionais?

-O cultivo in vitro de tecidos vexetais é unha biotecnoloxía que pode responder a múltiples obxectivos.

Se a finalidade é a clonación masiva de planta seleccionada, comparado cos métodos tradicionais, como a estacaxe, o enxerto ou a porbaixa, presenta a vantaxe de permitir a multiplicación en condicións controladas e asépticas, en espazos moi reducidos e nun tempo moi curto.

Pero tamén pode ser usado con outros fins que as técnicas tradicionais non permiten acadar, como a eliminación de viroses nas plantas mediante o illamento de meristemas (tecidos responsables do crecemento vexetal) ou o microenxerto. 

-Que papel pode xogar a propagación vexetal in vitro na loita contra o cambio climático? E na protección da biodiversidade?

-O cultivo in vitro é unha ferramenta de grande utilidade en ambos terreos. Por exemplo, en condicións in vitro pódese abordar o estudo e a selección de materiais vexetais máis resistentes á seca, ao asolagamento, ao frío, ás altas temperaturas ou a pragas e doenzas que poden facerse máis frecuentes como consecuencia do cambio climático.

En canto á conservación da biodiversidade vexetal, o cultivo in vitro permite crear coleccións de materiais de interese ecolóxico, económico ou científico, tanto mantendo cultivos activos como conservando o material vexetal a temperaturas extremadamente baixas mediante crioconservación en nitróxeno líquido.

-Vostede tamén traballa no rexuvenecemento de especies vexetais a través de microenxertos in vitro. Como se leva a cabo esta técnica? Cales poden ser as súas aplicacións máis inmediatas?

-Hai dúas cousas que os/as científicos/as especialistas en cultivo in vitro de plantas coñecen dende xa hai unhas décadas.

En primeiro lugar, canto máis pequeno é o fragmento de meristema (o punto de crecemento a partir do cal xorden novos brotes nas xemas) que se consiga illar in vitro a partir de material adulto, máis rexuvenecidas estarán as plantas que obteñamos del. 

En segundo lugar, se microenxertamos ese meristema sobre un padrón (un portaenxertos) xuvenil, este último favorecerá o rexuvenecemento do meristema. Polo tanto, o microenxerto de meristemas é unha das vías máis prometedoras no rexuvenecemento de árbores adultas e, ao rexuvenecer as árbores, estas poden ser clonadas máis facilmente.

O cultivo in vitro de tecidos vexetais permite o estudo e a selección de materiais vexetais máis resistentes ao cambio climático
O cultivo in vitro de tecidos vexetais permite o estudo e a selección de materiais vexetais máis resistentes ao cambio climático

-Vostede é o responsable do Laboratorio de Micropropagación do noso campus. Que labores teñen lugar nestas instalacións? Pode falarnos dalgún proxecto que estea a desenvolverse actualmente no Laboratorio?

-Dende hai máis de dúas décadas, o noso laboratorio dedícase tanto á docencia como á investigación. Por el pasan estudantes do Grao de Enxeñaría Forestal e dos Mestrados de Agronomía e de Montes. Tamén desenvolven nel os seus proxectos de STEM os e as estudantes de secundaria de diversos institutos de Galicia.

No eido científico, desenvolvemos protocolos de micropropagación dun bo número de especies de interese ecolóxico e económico, entre as que destaca o castiñeiro (tanto variedades galegas produtoras de castaña certificada como híbridos resistentes á doenza da ‘tinta’, que poden ser usados directamente para produción de madeira ou como portaenxertos das variedades). Actualmente, estamos desenvolvendo investigacións no cadro dun Doutoramento Industrial relacionadas con esta temática.

Pero tamén producimos clons de moreira seleccionados para seren usados como alimentación para o gando, variedades ornamentais demandadas por viveiristas, como acivros híbridos, ou plantas de uso medicinal como Arnica montana, entre outras.

Recentemente, participamos nun proxecto de conservación e reintrodución da especie endémica Centaurea ultreiae, que está presente nunha área moi pequena dos concellos de Carballo e Coristanco, para protexer á especie do impacto da instalación de aeroxeradores no territorio onde está presente.

Outra liña na que estamos traballando, cun certo grao de altruísmo, pois traballamos nela cun financiamento relativamente reducido, é a creación dunha colección in vitro de clons de árbores senlleiras. Neste momento, conservamos in vitro clons dos castiñeiros do “Val da Fonte” (Courel) e “Ramil” (Triacastela), que se calcula que poden ter arredor de 500 anos, e tamén un clon do ciprés da Capela do Salvador (Samos), cunha idade parella. Neste caso, ao interese científico (xenético, ecolóxico...) súmase o interese social e cultural.

-Francia, Alemaña, China, Italia, Bosnia-Hercegovina… Vostede posúe un currículo no que destaca un extenso número de estancias internacionais, tanto como investigador como docente. Que papel xogan este tipo de experiencias na traxectoria profesional e persoal do persoal investigador? Con que se queda destas vivencias no estranxeiro? 

-A importancia profesional é evidente. Coñecer de primeira man como se desenvolve a investigación noutros países e establecer intercambios e colaboracións científicas nos ámbitos comúns de traballo é primordial. A experiencia docente no estranxeiro é un plus que non se pode menosprezar. Teño a convicción de que toda esa experiencia acumulada en lugares e culturas máis ou menos distantes ten un peso moi importante e positivo no enfoque da docencia na nosa universidade.

Pero teño que ser sincero e admitir que, por riba de todo, ese intercambio é tremendamente enriquecedor a nivel persoal. Saír da burbulla da túa vida cotiá e mergullarte coa xente de lugares e culturas distantes, no traballo e no resto das actividades diarias, proporciónache unha perspectiva moito máis ampla e rica sobre todo o que te rodea.

-No marco de XuvenCiencia e XuvenLab, vostede deseñou un kit de investigación para que rapaces e rapazas da ESO e Bacharelato puideran coñecer de primeira man o particular universo do cultivo in vitro de especies arbóreas. Que actividades se poden realizar grazas a este kit? Que importancia pode ter este tipo de recursos na educación das xeracións futuras? 

-Dende hai xa case 15 anos, as e os docentes que integramos o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia estamos entregados en corpo e alma á tarefa de facer a investigación na Universidade transparente á sociedade, e moi especialmente ás rapazas e rapaces que estudan nos centros de ensino non universitarios, para abrirlles o mundo da ciencia dun xeito activo e colaborativo e para espertar nelas e neles a vocación científica, o interese por coñecer e facer, ou cando menos, para proporcionarlles un punto de vista científico do mundo que lles rodea dun xeito claro e amigable.

E entre as ferramentas que nos axudan a conseguir eses obxectivos están os Kits científicos que fomos desenvolvendo ao longo destes anos e que agora proporcionamos a través de XuvenLab.

Concretamente, o actual Kit Vitroplant permite realizar ao longo do curso académico, nos centros de ensino secundario, ao menos 8 actividades relacionadas co cultivo in vitro de plantas, como a preparación de medios de cultivo, o establecemento e multiplicación in vitro de explantos, o enraizamento in vitro ou in vivo, chegando ata a aclimatación das vitroplantas, para que estas poidan desenvolverse na natureza.

Nós pensamos que neste mundo actual no que as TIC xogan un papel central como recurso para o estudo non podemos deixar de lado, nunca, a gran verdade de que “se aprende facendo”, e os nosos Kits están deseñados baixo esa filosofía. As rapazas e rapaces tocan a ciencia coas súas propias mans.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2025.