Ir o contido principal

Marta Rodríguez: «A innovación na viticultura de precisión é a clave para que os viñedos podan adaptarse ó cambio climático»

Marta Rodríguez obtivo a principios de ano o seu doctorado en Enxeñaría Agrónoma pola USC
Marta Rodríguez obtivo a principios de ano o seu doctorado en Enxeñaría Agrónoma pola USC
Doutora en Enxeñaría Agrónoma e técnico superior de apoio á investigación no Campus Terra, Marta Rodríguez centra os seus estudos no desenvolvemento da viticultura de precisión en clave de innovación

É ben sabido que o cultivo da vide e a elaboración do viño susténtanse nunha dilatada tradición que se remonta miles de anos atrás, xogando un papel central en culturas como a grega ou a romana nas que existía un culto arredor dunha divindade, Dioniso e Baco, respectivamente, e do que esta representaba: auténtica paixón polo viño.

Unha paixón que se apoia nun universo infinito de sabores, propiedades e matices que varían en cada botella. Pero que, en lugares como Galicia, tamén se fundamenta no respecto por un sector produtivo que contribúe a xerar un 1,4% do PIB do país, ocupando un 3,5% do noso territorio e involucrando a máis de 200.000 viticultores.    

Unha paixón, tamén, compartida por Marta Rodríguez Fernández dende que ten uso de razón, e que a levou a construír a súa traxectoria profesional arredor deste microcosmos tan particular en busca dun futuro capaz de dar resposta a desafíos tan perentorios como o do cambio climático.  

Técnico superior de apoio á investigación no Campus Terra e Doutora en Enxeñaría Agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela, Marta Rodríguez defendeu a principios deste ano a súa tese doutoral ‘Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático’, un resumo perfecto das súas inquedanzas científicas sobre as que se asenta unha carreira investigadora moi prometedora.

Hoxe entrevistámola para que nos abra as portas ao fascinante mundo da viticultura de precisión, para que nos descubra que tecnoloxías serán as protagonistas de aquí a uns anos e para que nos conte cales son os retos que poñen en perigo a produción de viño en Galicia.

-Que é a viticultura de precisión? Que tecnoloxías se están utilizando na actualidade para levala a cabo?

-A viticultura de precisión é unha práctica agrícola avanzada que emprega tecnoloxías e datos para xestionar de maneira precisa os viñedos, optimizando tanto a produción como a calidade do viño.

O seu obxectivo principal é adaptar o manexo do viñedo ás características particulares de cada zona do terreo, buscando maximizar o rendemento e minimizar o impacto ambiental, axustando insumos como a auga, fertilizantes...

Actualmente, as tecnoloxías máis empregadas baixo a viticultura de precisión son Sistemas de Información Xeográfica (SIX), sensores no viñedo, drons, satélites, imaxes multiespectrais e hiperespectrais, modelos predictivos, Big Data, robótica, maquinaria automatizada... 

-E no futuro, que tecnoloxías prevé que xogarán un papel preponderante na agricultura de precisión?

-Na viticultura de precisión, o futuro estará marcado polo uso da intelixencia artificial (IA), sensores, tecnoloxía de datos e outras innovacións que optimizarán cada etapa do proceso do cultivo de uvas e viño.

Os avances que se prevé que terán un rol preponderante son: sensores de campo e seguimento en tempo real, uso de drons para o manexo do viñedo, enfermidades, estrés hídrico... intelixencia artificial, análises preditivo, vehículos autónomos e robótica no viñedo, estudos de zonificación do terreo, modelos climáticos, adaptación o cambio climático...

-Poden aplicarse estas novas técnicas en todas as variedades por igual? Como afecta a orografía á viticultura de precisión?

-As técnicas de viticultura de precisión pódense aplicar a practicamente todas as variedades de uva, pero a súa implementación e efectividade poden variar segundo as características específicas de cada variedade, así como o tipo de viño que se busca producir.

Ademais, a orografía do terreo xoga un papel crucial na aplicación destas técnicas. A orografía ou configuración do terreo é un factor esencial na viticultura de precisión, xa que afecta directamente ó microclima, exposición solar e drenaxe en cada parte do viñedo. Os terreos montañosos e as pendentes pronunciadas, por exemplo, adoitan presentar variacións do microclima e condicións que requiren dun manexo aínda máis detallado.

A implementación de robótica no viñedo terá un rol preponderante na viticultura de precisión do futuro
A implementación de robótica no viñedo terá un rol preponderante na viticultura de precisión do futuro

-Na súa tese doutoral, defendida este mesmo ano, profunda na importancia que teñen e terán este tipo de estratexias no contexto de cambio climático que estamos a vivir. Cales son as consecuencias climáticas máis inmediatas ás que se enfronta a produción vitivinícola? E a longo prazo?

-A produción vitivinícola enfróntase a unha serie de consecuencias climáticas inmediatas e a longo prazo, que afectan á calidade, rendemento e características das uvas e do viño. Estas consecuencias están impulsadas principalmente polo cambio climático, que altera as condicións ambientais e xera desafíos tanto a curto como a longo prazo.

As consecuencias climáticas inmediatas están relacionadas co aumento das temperaturas, que afectan á maduración das mesmas, episodios de calor extremo, vagas de calor, estrés hídrico das plantas... seca e variabilidade nas precipitacións ó longo da campaña, así como fenómenos climáticos externos, sarabias, tormentas intensas ou xeadas fóra da temporada que afectan ós viñedos de maneira inmediata.

A longo prazo, as consecuencias do cambio climático na produción vitivinícola están máis ligadas ó desprazamento das zonas de cultivo a medida que as temperaturas medias aumentan, cambio de perfil sensorial dos viños, aumento no risco de enfermidades e pragas, estrés hídrico acumulativo e esgotamento dos recursos, perda da biodiversidade e cambios no ecosistema.

Para afrontar estas consecuencias, os produtores vitivinícolas están explorando novas variedades de uva máis resistentes á calor e á seca, adaptando prácticas de manexo sostible e usando tecnoloxías de viticultura de precisión para optimizar o rego, poda e outros factores.

Tamén se estudan técnicas de manexo de dosel vexetal e cubertas vexetais para reducir o impacto de radiación solar e preservar a humidade do solo. A innovación na viticultura de precisión, xunto co uso de técnicas sostibles, é a clave para que os viñedos podan adaptarse ó clima cambiante e continuar producindo viños de alta calidade nun contexto de crecente variabilidade climática. 

-Vostede leva un tempo traballando nun proxecto consistente en avaliar agronómica e enolóxicamente o tratamento con ozono en variedades de Ribeira Sacra. Cales son os achados desta investigación até o de agora?

-O tratamento con ozono en variedades de uva é unha práctica innovadora que ofrece múltiples beneficios na viticultura, principalmente na protección contra enfermidades e na redución do uso de pesticidas e outros químicos, o cal axuda a manter una produción máis sostible. O ozono, que é un poderoso axente oxidante, ten a capacidade de eliminar patóxenos e pragas de maneira eficaz sen deixar residuos tóxicos nas uvas ou no medio ambiente.

-Como podemos observar, o núcleo da súa labor investigadora está en estreita relación co mundo do viño. Que a levou a dedicarse a este campo en concreto?

-Crecer nunha rexión tan rica en historia vitivinícola, rodeada de viñedos e da tradición de viños galegos, é algo que me inculcou un respecto profundo pola arte da viticultura e o valor do traballo de xeracións, unha paixón que levo nas veas gracias as miñas raíces.

Crecín vendo como a miña familia coidaba da viña, seguindo unha tradición transmitida de xeración en xeración: ese amor polo viñedo e o proceso de converter a uva en viño inspiroume a querer comprender cada detalle que fai a cada botella de viño tan especial.

Fascíname descubrir como o solo, o clima e as prácticas vitícolas afectan á uva, e como cada pequeno axuste pode dar a lugar a un perfil aromático ou sabor completamente diferente. Ademais, a investigación neste campo brinda a oportunidade de aportar futuro á viticultura, axudando ós viticultores a adaptarse a novos desafíos como o cambio climático e a sustentabilidade. Cada avance no coñecemento de variedades autóctonas e prácticas sostibles é unha maneira de protexer e potenciar o noso legado, e que en cada copa, póidanse saborear séculos de historia, esforzo e paixón.

-E xa para rematar. Que consello lles daría ás novas xeracións que queren comezar a súa andaina no mundo da investigación científica?

-Para as novas xeracións interesadas na investigación científica, afondar neste mundo é tanto un desafío como unha oportunidade de transformación. A ciencia require de paixón, perseveranza e unha constante disposición para aprender e adaptarse. A investigación científica é un camiño esixente, pero cheo de satisfaccións. Non só contribúes ó coñecemento, sino que tamén te formas como persoa capacitada para resolver problemas, pensar criticamente e aportar ó mundo. 

É unha viaxe fascinante e farache crecer en moitas dimensións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2024.