Óscar Cruz: «Non se valora a problemática dos incendios forestais ata que non ocorren»
Entre os anos 1983 e 2016, segundo os datos máis actualizados, en Galicia orixináronse máis de 100.000 incendios. Unha cifra, sen dúbida, cuxa dimensión custa concibir, pero cuxas consecuencias non resulta complicado intuír. Foron 1,8 millóns as hectáreas queimadas, un 60% da superficie total do país, co que iso implica: perda de biodiversidade, degradación do solo, contaminación de acuíferos, proliferación de especies invasoras…
Á luz deste desalentador dato nace a imperiosa necesidade de atallar esta problemática desde a súa orixe, poñendo o foco na prevención e na importancia de actuar desde unha xestión estrutural eficiente, aplicando estratexias multidisciplinares que involucren a tódolos axentes sociais antes, durante e despois da propagación do lume.
Unha perspectiva que define a filosofía de traballo do noso entrevistado de hoxe, Óscar Cruz de la Fuente, Doutor en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética pola USC e docente e investigador posdoutoral na área de Ecoloxía do Campus Terra.
A súa prolífica carreira investigadora, centrada no estudo dos efectos do lume e no seguimento de comunidades de plantas entre outras cousas, caracterizouse durante todos estes anos por unha fervente paixón polo traballo de campo, algo que, ademais, extrapola ao seu labor como docente.
Hoxe charlamos con Óscar Cruz sobre as claves da loita contra os incendios forestais, as consecuencias que poden desencadear as especies exóticas invasoras no noso territorio e o seu paso como membro do comité científico do I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra.
-O seu labor investigador pivota, entre outras cousas, arredor da recuperación pos-incendio de ecosistemas atlánticos ibéricos. Cales son as estratexias que se seguen para paliar os efectos do lume? Que importancia teñen a ordenación territorial e a gobernanza rural neste aspecto?
-Unha das principais liñas tería que ser unha xestión forestal sostible, promovendo o valor dos ecosistemas forestais presentes e o adecuado aproveitamento dos recursos que proveen. Tamén tentar apoiar o mantemento da agricultura tradicional, gandaría extensiva e silvicultura.
Esta actuación debería ser importante para xerar territorios con valor natural, social e económico, menos vulnerables aos incendios forestais e para colaborar na redución do despoboamento de zonas rurais e de montaña. Por último, unha boa educación ambiental desde os colexios para valorar a importancia que hai entre a relación incendios forestais-sensibilización da sociedade.
Unha boa ordenación do territorio pode facer que os incendios forestais que se están producindo debido ás condicións climáticas que estamos a vivir nos últimos anos non cheguen a alcanzar a cantidade de hectáreas queimadas que se producen cada ano.
Pero, para iso, non só a gobernanza rural ten que cumprir esta función, senón tamén os estamentos máis altos, xa que non se valora a problemática dos incendios forestais ata que non ocorren, e logo, só se chega a falar de catástrofes naturais durante pequenos períodos de tempo despois diso. Necesítase mais concienciación ambiental en todos os estamentos da sociedade.
-Ao fío deste tema, que papel poden chegar a xogar figuras como os montes veciñais en man común?
-Sabendo que unha cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponden a monte veciñal en man común, creo que xogan un papel moi importante. É necesario recoñecer o labor que fan os montes veciñais ao achegar xeración de riqueza e creación de emprego.
É necesario que haxa unha fronte común dos montes veciñais á hora de manter os montes e o seu crecemento, e poder xestionalo de forma conxunta para que haxa heteroxeneidade nos montes e non homoxeneidade de plantacións como ocorre en moitos lugares de Galicia, facendo que os incendios forestais sexan imposibles de parar en moitas rexións, tanto aquí como en España.
-Vostede converteuse en Doutor en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética pola USC grazas á súa tese doutoral, na que exploraba a relación entre os incendios forestais e a propagación de certas especies invasoras na nosa contorna. Que consecuencias podería ter desatender estas dinámicas? De que ferramentas dispoñemos para combater esta lacra?
-As especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade no mundo. A globalización tivo a súa parte positiva de poder achegarnos a todo o mundo, pero tamén a súa parte negativa achegándonos a especies vexetais que poden ser daniñas na contorna.
Creo que non se está atendendo correctamente ás dinámicas das especies invasoras, porque, principalmente, é moi custoso economicamente eliminar estas especies do medio. Facer unha gran actuación nun territorio unha vez non fai que se elimine esta especie dese lugar. Moitas veces é difícil eliminar cunha soa acción as especies invasoras, debido ao sistema radicular que presentan, necesitándose meses ou anos para poder eliminalas.
Ademais, grazas ao comportamento xerminativo das especies exóticas invasoras, se se atopan en zonas de incendios forestais poden estimularse pola calor e facer que haxa unha explosión da súa xerminación debido aos bancos de sementes que poden xerar. Necesitamos estudar as diferentes especies invasoras desde idades temperás ata etapas adultas, e para iso necesitamos investir recursos.
Existen métodos químicos, físicos e biolóxicos para actuar ante certas especies, pero unha das formas que temos de estudo pode ser a competencia natural de especies autóctonas fronte ás especies invasoras, a través da competencia pola luz. Desde o noso grupo, tentamos estudar estes métodos para descubrir posibles especies autóctonas que poidan competir naturalmente con estas especies, e poder reducilas do medio natural.
-Un dos puntos fortes do seu perfil é o traballo de campo, no que realiza labores como o seguimento de comunidades de plantas. En que consiste a fitosocioloxía? Que datos se poden extraer do control de comunidades vexetais?
-A fitosocioloxía, desde o noso punto de vista, consiste en estudar as comunidades vexetais desde a súa composición de especies, onde unha boa estimación delas se realiza a través da cobertura de especies, dominancia de especies principais ou coberturas por estratos verticais das comunidades estudadas.
Ao levar a cabo métodos de mostraxe das comunidades forestais, onde se produciron incendios forestais, queremos tentar estudar como se comporta un incendio forestal nunha zona e comparalo o mellor posible con zonas que non foron incendiadas e que se atopan próximas aos lugares queimados. O ideal sería estudar as mesmas comunidades antes e despois do incendio.
Podemos obter datos do seguimento de comunidades vexetais como diversidade de familias principais, diversidade de grupos funcionais, composición de especies, especies dominantes, coberturas de especies leñosas e herbáceas etc. Ao final, os datos resultantes poden ser utilizados da mellor forma na que se queira para explicar as situacións que nos atopamos nestes ecosistemas.
-E como docente, que papel xogan as saídas e a experimentación no terreo na educación do seu alumnado? Que visión teñen as novas xeracións deste tipo de traballos?
-Sempre crin, desde que eu estudaba en León, que unha saída de campo é mellor que 5 horas de clase presencial. Cando saes e experimentas no terreo, tes máis inquietudes, máis preguntas. Ves cousas que os libros non che ensinan, porque che achegan ás situacións reais.
Ao final, poder ver, escoitar, cheirar ou coller coas mans aquelas cousas que nos ensinan nas aulas e poder revertelas en campo, creo que é unha mellor forma de aprender. Por iso é tan importante que haxa recursos suficientes para poder facer máis prácticas de campo.
Creo que as novas xeracións teñen ganas de aprender. As leccións maxistrais pódenche axudar a ter coñecemento do que vas aprender, pero cando vas ao campo pódese ver como teñen inquietudes e chegas a coñecer aos alumnos/as de maneira máis directa, podendo explicarche situacións ou preguntas que en clase non fan.
-E xa para rematar. Vostede participou hai uns días no I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra como moderador dun dos bloques temáticos sobre o cambio climático, biodiversidade e infraestruturas verdes. Que nos pode contar desta experiencia? Como valoraría o desenvolvemento do Congreso?
-Participar no I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra foi estar nun congreso desde o outro lado, onde tentas facer o máximo posible para que se desenvolva da mellor forma posible. Sempre participei realizando pósters ou presentando comunicacións orais, pero non como membro dun comité científico.
Creo que o Campus Terra, con esta acción, deu a coñecer o que se fai neste campus, que é moitísimo. Darse a coñecer persoas dos distintos ámbitos deste campus e doutras universidades, que intercambien ideas e promover conexións con outros investigadores, foi unha moi boa idea.
Moitas veces, empezar a carreira investigadora sen ter o coñecemento suficiente do que vai pasar é un factor de incertidume para moitas persoas, que pode chegar a facer que se decanten por continuar na investigación ou non. Creo que facer este congreso axudou a moitas persoas a poder dar este paso, e ademais puidemos realizar un congreso diferente onde, á parte de aprender, púidose gozar.
Pola miña banda, formar parte da creación deste congreso foi gratificante e deume a entender a cantidade de traballo que hai detrás dunha organización dun evento como este. Espero que se repita nos próximos anos e que poida facerse como referente para os mozos investigadores de España e outros países.