Paula Rodríguez Villamayor: «Descubrimos que hai unha rexión concreta do cerebro, análoga a nosa amígdala, que está implicada na persistencia da agresión»

O cerebro, e en particular o humano, está considerado como unha das estruturas máis complexas do universo. É un vasto e insondable océano de procesos químicos e eléctricos que non só permite a existencia propiamente dita, senón que determina como esta é percibida .
Acción e reacción. Causa e efecto. Todo o que acontece nos intersticios da materia gris ten a súa orixe concreta e as súas consecuencias. E, pese aos titánicos avances científicos que levamos acadados como sociedade, moitas delas aínda nos resultan descoñecidas.
Establecer conexións previamente inexploradas e apostar pola innovación metodolóxica é esencial para poder comprendernos a nós mesmos e ao resto de especies coas que compartimos o noso planeta. E isto é, precisamente, unha das pezas centrais do labor investigador de Paula Rodríguez Villamayor.
Graduada en Veterinaria no Campus Terra, Doutora en Ciencias Veterinarias pola Universidade de Santiago de Compostela, membro do grupo de investigación Acuigen... O seu currículo é, sinxelamente, abraiante. Tanto pola súa extensión como pola calidade dos fitos descritos nel.
Estancias internacionais en centros do máis alto nivel, multitude de premios e recoñecementos de gran prestixio, proxectos pioneiros cunha gran repercusión social e científica... E o mellor de todo é que aínda queda moito camiño por percorrer. Un camiño que, sen dúbida algunha, temos claro que lle permitirá colleitar todos os éxitos que foi cultivando cun gran esforzo, paixón e dedicación.
Actualmente, Paula Rodríguez Villamayor atópase no outro lado do Atlántico como bolseira dunha das prestixiosas axudas Fulbright, o que lle permite levar a cabo o seu labor investigador no Instituto Zuckerman da ben recoñecida Universidade de Columbia. Alí, cóntanos, atópase inmersa nun proxecto fascinante: o estudo dos comportamentos sociosexuais do peixe betta relacionados coa agresividade.
Os froitos que xa está dando este traballo, que se antollan moi prometedores, artéllanse como o elemento central da entrevista de hoxe. Nela, botamos man das estimables reflexións, experiencias e coñecemento de Paula Rodríguez Villamayor para comprender a transcendencia dos resultados da súa investigación, así como para coñecer as súas dinámicas de traballo e o camiño que tivo que percorrer para chegar até onde se atopa a día de hoxe.
-Desde xaneiro do ano pasado, goza dunha bolsa Fulbright como investigadora posdoutoral na Universidade de Columbia. Explíquenos, en que consiste o seu traballo?
- Actualmente estou traballando cun modelo de peixe que está emerxendo como especie modelo, o peixe betta, que é un peixe agresivo por natureza. Estamos estudando os seus comportamentos sociosexuais co fin de descifrar as bases neurolóxicas e moleculares deste comportamento para que, nun futuro, poidan ser trasladalas á especie humana e axudar así na investigación de trastornos psiquiátricos que cursen con agresión.
No noso día a día, traballamos con machos e femias de diferentes tipos de peixes, seleccionados segundo os seus niveis de agresividade. A comparativa entre estes suxeitos permítenos ver os seus patróns de agresión, que posteriormente son relacionados con cambios ou modificacións no sistema nervioso.
Por exemplo, os machos son máis agresivos que as femias. E queremos saber que está acontecendo no seu cerebro para que isto sexa así. Para iso, traballamos a nivel de circuíto, é dicir, comunicacións entre diferentes rexións do cerebro. Como se comunican esas rexións para levar a cabo as condutas agresivas?
A partir dese punto, traballamos a nivel de expresión xénica, vendo que xenes no cerebro se expresan de forma diferente nas diferentes condicións ás que están sometidos e ver que tipos de células están a expresar os seus xenes. Tamén traballamos con edición xenética, extraendo e engadindo xenes que temos visto que poden estar implicados na agresión.
Particularmente, a min fascíname o comportamento animal e a relación que este garda coa plasticidade dos sistemas sensoriais e do cerebro. A miña liña de investigación sempre estivo centrada en entender como o ambiente e os diferentes órganos sensoriais, en interacción co cerebro, poden modular as conductas.
-A unidade de análise do comportamento do FBI ten alumeado series marabillosas como Mindhunter, Mentes criminais, etc. Seguramente, esta unidade estaría encantada de contar co teu traballo unha vez conclúas se hai certas conexións neuronais que determinan até onde chega o noso grao de agresividade...
-Si, estaría moi ben, a verdade. Cabe mencionar que nós non queremos eliminar a agresividade. O que queremos é determinar, de xeito preciso, a súa orixe.
Eu estudiei o Grao en Veterinaria, e sempre traballei con animais. Interésame moito poder chegar á mente humana, pero realmente os animais son os que nos poden contar como e por que suceden os comportamentos innatos. A agresividade marca a evolución das especies. Os máis fortes son os que rematan por prevalecer.
Publicamos hai unhas semanas o noso último traballo, onde vimos que hai unha rexión concreta do cerebro dos peixes betta que está implicada na persistencia da agresión. Cando eliminamos esa rexión concreta do cerebro, a través dunha serie de cirurxías in vivo, somos capaces de relacionar os cambios na conduta dos animais con esa rexión específica que, determinamos, corresponde coa amígdala dos mamíferos.
Ao extraela vimos que, cando os animais non teñen esa rexión, seguen a iniciar a conduta agresiva, pero esta non se mantén no tempo. É dicir, decae co tempo. O que conclúe entón este traballo é que esta rexión, análoga á amígdala, está implicada na persistencia da agresión.
Polo tanto, con respecto á especie humana, non se busca eliminar a agresión. O que se persegue é que, cando esta sexa un problema, poida ser abordada e atenuada. A agresividade é un comportamento fundamental e necesario, pero en certas patoloxías que cursan con agresión, como a esquizofrenia, ou determinados tipos de autismo, a idea é freala para que non se converta nun problema serio á larga.

-O seu currículo académico é impresionante. Desde a cualificación extraordinaria no Grao de Veterinaria ata o doutoramento excelente cum laude con premio extraordinario da USC, agora coa bolsa Fulbright… foi un sacrificio moi duro ou gozou do camiño?
-Desfruteino, pero non foi un camiño sinxelo tampouco, non me regalaron nada. Todo o que conseguín foi con moito esforzo e constancia. Os méritos acadados poden chamar a atención, pero teño unha lista máis longa de solicitudes rexeitadas que de méritos conseguidos. Isto é moi habitual en ciencia.
Entón, efectivamente, desfrutei do camiño ata agora, con mellores e peores momentos, como en tódolos aspectos da vida. Estar facendo posdoc na Universidade de Columbia é unha oportunidade única. Non foi sinxelo chegar ata aquí, pasei por unha rolda de entrevistas duras. Precisas dun percorrido dilatado no que apoiarte, moita paciencia e dedicación.
Nos momentos de máis presión laboral, pregúntome, onde estaría se non é aquí? Esta reflexión axúdame a valorar o afortunada que son de estar onde estou. Encántame a ciencia, e encántame o que fago. Ademais, creo que o ambiente de traballo é prioritario. Agora mesmo teño uns compañeiros encantadores cos que da gusto traballar. Tamén tiven compañeiros moi bos e oportunidades moi atractivas ao longo do meu percorrido, grazas especialmente a todos os grupos de investigación internacionais, nos que sempre me sentín moi acollida e valorada e cos que aínda colaboro.
Aínda que me considero moi afortunada de traballar no que me gusta, penso que non é convinte romantizar a profesión. Atopar un balance entre o traballo e a vida persoal é clave para acadar o éxito laboral a medio e longo prazo. Por iso, é fundamental agradecer a todos os colectivos que traballan incansablemente para mellorar as condicións laborais dos investigadores. Oxalá nun futuro próximo poidamos contar con postos de traballo dignos no ámbito da investigación.
-Entón, como está sendo a túa experiencia na Universidade de Columbia? Cales son as grandes diferencias que percibes respecto doutras aventuras internacionais das que falaremos posteriormente? Porque foron moitas e moi variadas...
-Dende a miña experiencia persoal, aquí, nos Estados Unidos e en concreto, na Universidade de Columbia, o primeiro que me dixeron cando cheguei foi: cal é o seguinte gran descubrimento no teu campo de traballo que podes facer? Aquí queren que, nada máis chegar, penses en grande. De primeiras, non poñen o foco en intentar ir paseniño.
En España, por exemplo, á hora de pedir proxectos ten que estar todo moi ben xustificado. É máis sinxelo conseguir financiación se existe unha aplicación real no propio proxecto. Pola contra, aquí podes conseguir moita financiación con cuestións básicas, o que permite facerte preguntas moito máis ambiciosas porque tes unha ampla marxe de fracaso. Tes marxe para equivocarte e volver a intentalo.
Outra diferencia que percibín, a título persoal, é que aquí non lle confiren tanta importancia ao número de publicacións que teñas feito, ao teu currículo. O que máis conta para un posto de traballo é a entrevista onde contes a túa liña de investigación e os descubrimentos relevantes que fixeches: non é prioritario que o teu traballo xa estea publicado.
Ao final, a investigación ten unha cuestión biolóxica detrás moi importante. Estás sempre pensando no seguinte paso importante que podes levar a cabo. Aí é onde máis aprendes. Véxoo aquí, sobre todo, nos estudantes. Esta forma de investigar e traballar fomenta moito o pensamento crítico, e propicia que te cuestiones en todo momento por que queres facer o que fas, cales son os teus obxectivos.
Tamén creo que é moi enriquecedor, por exemplo, a inmersión total no campo de investigación, a través de seminarios, charlas, cursos, actividades de divulgación, etc. En concreto, temos seminarios semanais onde se invita aos científicos máis relevantes no meu campo de traballo, os cales falan sobre os últimos avances científicos, moitos deles aínda sen publicar. Aprender da xente máis experta e de Premios Nobel no meu campo de investigación é realmente un soño feito realidade.
-Vostede traballou no Roslin Institute en Edimburgo, fixo prácticas no King’s College en Londres, na Universidade de Bristol, no Francis Crick Institue e na Royal Veterinary College, agora está en Nova York… é vostede un cú inquieto ou o seu desexo de explorar, aprender e investigar condiciona a súa carreira?
-Pois creo que un pouco dos dous. Sempre fun moi inquieta, encántame viaxar e expoñerme a novos retos e aventuras, e este traballo permíteme isto. Pero tamén é certo que en investigación a experiencia internacional é valorada moi positivamente.
Traballar en diferentes ambientes, con xente de culturas totalmente diferentes, noutro idioma... enriquece non só a parte profesional e científica, senón tamén te fai medrar como persoa. Tiven a oportunidade de estar en centros punteiros a nivel mundial e en laboratorios onde me saíron moitas colaboracións e liñas de traballo complementarias.
Sempre está ben establecer esa liña de colaboracións. No meu caso particular, comecei bastante cedo, o que me axudou a entender a ciencia dun xeito colaborativo. Ao traballar en equipo, os esforzos multiplícanse, favorecendo que os avances teñan lugar moito máis rápido.
-Cambiando un pouco de terzo, a súa tese doutoral foi, nun exercicio de síntese case extremo, sobre o comportamento reprodutivo do coello, un animal sobre o que xa investigara previamente en proxectos de alto nivel. Que lle atrae desta especie? Hai algo singular que aos profanos na materia se nos poida escapar?
-A orixe da miña paixón polos coellos remóntase aos tempos nos que estaba estudando a carreira. Lémbrome que estaba en terceiro de Veterinaria, no Campus Terra, e unha amiga miña tiña un coello, chamado Zelda, que rompera unha pata e, como consecuencia diso, o pobre sufría moito estrés.
Entón fixemos un traballo de patoloxía animal sobre o estrés en coellos. O traballo gustoulle moito a unha das nosas profesoras e propúxonos asistir a un congreso en Madrid a presentalo, gañando finalmente o premio ao mellor traballo.
Esa foi a orixe, por así dicilo. Despois comecei a miña tese con coellos no departamento de Anatomía, no que nunca se tivera traballado con coellos. Despois, eu quixen valorar a súa aplicación en cunicultura e comezamos a colaborar cos departamentos de Reprodución, Xenética e Bioquímica... Foi un proxecto moi multidisciplinar que incluíu estudos morfolóxicos, xenómicos e de comportamento, co obxectivo de valorar a implicación do sistema olfactivo e as feromonas nas conductas reprodutivas, para así poder optimizar e mellorar as producións cunícolas.
Este proxecto iniciouse de cero coa miña tese, polo que o recorrido ata conseguir financiación non foi fácil, pero a base de moito traballo e dedicación conseguimos un proxecto do plan nacional. A día de hoxe, considero isto o maior logro da miña tese.
Ao final, os coellos son unha especie moi agradecida para investigar, pois non só os resultados teñen impacto a nivel de ciencia básica, senón tamén a nivel traslacional, ao ser unha especie usada en produción animal. De feito, durante a miña tese colaboramos coa empresa de cunicultura Cogal, aos que lles debo un agradecemento infinito por toda a axuda prestada.

-Tamén participou en investigacións sobre o linguado senegalés, no que se depositaron moitas esperanzas dentro do sector acuícola, ou sobre a produción animal sostible. Atráenlle outros campos ou ve a súa carreira centrada no universo da cunicultura?
-Como se pode comprobar, non centrei o meu labor investigador nunha especie concreta. Interésame máis a cuestión biolóxica, o meu traballo sempre estivo centrado en entender a relación entre as condutas fundamentais como a reprodución ou a agresión, e a súa modulación a través do sistema nervioso.
Traballar con modelos animais diversos e incluso raros é unha ferramenta de traballo moi útil para facer comparativas e entender a evolución do comportamento. Tamén, traballar con especies non modelo, evitando o rato ou o peixe cebra, permite percibir mellor certos comportamentos ao non estaren estes moi estereotipados.
Actualmente, o meu grupo de investigación, Acuigen, ten unha liña de traballo moi potente no sector da acuicultura e na optimización das producións acuícolas. Cando me unín ao grupo ninguén traballaba co sistema olfactivo e a súa potencial implicación na reprodución.
Unido a miña experiencia no campo do olfato e a súa relación coa reprodución, co extensa experiencia do grupo en acuicultura, xurdiu a oportunidade de explorar o sistema olfactivo no linguado e a súa implicación na reprodución da especie, coa intención de mellorar a produción e o mercado. Cando estiven na Universidade de Edimburgo, conseguimos un proxecto internacional colaborativo coa USC que nos permitiu avanzar nas investigacións. É un proxecto moi atractivo, que foi medrando co tempo, e que agora é unha das liñas de traballo do grupo Acuigen, no cal aínda estamos traballando grazas a concesión dun proxecto do plan nacional recentemente.
-E, en relación a isto, podería parecer que hai outros campos de investigación, como a reprodución, o engorde ou o estudo de patoloxías, que teñen moito máis traballo científico no que apoiarse ca o campo da conduta, por exemplo.
-Si, dende logo, no ámbito da conduta os estudos non son tan robustos. Os programas de mellora xenética están mais centrados en conseguir maiores taxas de crecemento, ou ciclos reprodutivos mais curtos. Porén, a xenética do comportamento é un campo emerxente e moi atractivo que se aliña cos obxectivos europeos a prol da mellora do benestar animal.
Non soamente é importante que o animal produza máis, senón que é fundamental que estea san e non sufra estrés. Determinar as bases xenéticas e moleculares das conductas animais pode contribuír a mellorar o seu benestar, o que á súa vez está ligado á optimización das producións.
-Noutro orde de cousas, no pasado recibiu tamén numerosos premios, algúns deles dotados economicamente, en convocatorias relacionadas co emprendemento. Vese no futuro emprendendo ou dedicándose a tarefas de xestión? Alguén co seu currículo e experiencia parece un caramelo para o tecido empresarial...
-A ciencia e a industria, levadas da man, poden ofrecer resultados moi robustos e satisfactorios. Durante a miña tese colaborei coa industria: participei en varias actividades de emprendemento, algunha delas premiadas pola USC como o Premio Argos, e dirixín un proxecto financiado pola Xunta centrado na aplicación dos meus resultados da tese ao sector cunícola.
Entón, aínda que a día de hoxe, a dirección da miña carreira profesional está enfocada á ciencia, non descarto esa póla emprendedora. Teño unha vea empresarial, gústame a xestión e, como xa comentei, a miña experiencia co tecido industrial e con convocatorias de emprendemento sempre foi moi positiva.
-E a última, onde se ve a 5 ou 10 anos vista?
-Creo que esta é a pregunta que máis me fan, e para a que menos respostas teño. Fai pouco máis de un ano non sabía que ía a estar vivindo en Nova York. A miña filosofía é centrarme en cal é o seguinte paso a dar.
Agora son posdoc, unha etapa que considero necesaria e moi enriquecedora para gañar a experiencia e a confianza necesarias para converterse en investigadora independente. Entón, quero aproveitar ao máximo a miña estancia aquí.