A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC impulsa a celebración das primeiras catas de maridaxe de pan en Galicia
A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC impulsa esta semana a celebración das primeiras catas de maridaxe de pan en Galicia, unhas sesións a través das que se pretende valorizar este produto alimentario, ademais de definir que pans son os máis acaídos para acompañar os diferentes pratos de comida despachados en cada restaurante
O obxectivo último destas actividades é, alén de sensibilizar sobre o valor e a importancia do pan no menú, instruír os profesionais do sector da hostalería sobre as particularidades que ofrece cada tipo de pan, ademais de traballar a prol da futura elaboración de cartas específicas de pan, de xeito semellante ao que sucede con outros produtos alimentarios, tal e como sinalou a directora da Cátedra do Pan e do Cereal. María Ángeles Romero salientou neste senso que este tipo de actividades de maridaxe de pan teñen un cometido complementario do labor de caracterización das propiedades e características sensoriais básicas dos diversos tipos de pan que están a desenvolver o panel profesional de catadores de pan constituído ao abeiro desta cátedra.
As novas actividades de maridaxe impulsadas pola Cátedra do Pan e do Cereal, promovida polo Grupo Da Cunha en colaboración coa USC coa finalidade de afondar na investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, desenvolveranse este martes e mércores en tres localizacións diferentes: A Coruña, Culleredo e Santiago de Compostela. A xornada organizada en A Coruña comezará ás 13.00 horas no CIFP Paseo das Pontes, un centro educativo no que se imparte un módulo formativo de panadería. As persoas interesadas en participar nesta sesión poden inscribirse de balde a través do número de teléfono 679 893 853.
Xa en quenda de tarde, o Restaurante La Grosería, de Culleredo, acubillará a segunda xornada de maridaxe de pan. Este primeiro ciclo de sesións de maridaxe de pan, unha actividade pioneira en Galicia e coa que tamén colabora a spin off da USC Tastelab, chegará ao seu colofón o mércores 28 de febreiro, a partir das 12.00 horas, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, con sede en Santiago de Compostela.