A poeta Olga Novo aborda a relación cultural de Bretaña con Galicia nunha tese presentada na Facultade de Humanidades
A poeta e ensaísta Olga Novo aborda a relación cultural de Bretaña con Galicia na súa tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC baixo o título ‘O soño dunha Armórica Galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea’.
Olga Novo, que exerceu a docencia nas Universidades da Alta Bretaña, en Rennes, e da Bretaña Sur en Lorient, presenta nesta investigación, dirixida pola profesora da USC na Facultade de Humanidades e escritora Carmen Blanco e pola tamén docente na Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, un amplísimo panorama, de máis de oitocentas páxinas, da prolongada relación cultural de Bretaña con Galicia, dende a historiografía romántica do século XIX ata o poesía celtista de Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en varias universidades bretoas e Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña.
Na súa investigación de doutoramento, Novo aborda en detalle a presenza de Bretaña en Galicia na época da revista galeguista Nós, dedicando capítulos específicos a Cabanillas, Risco, Otero Pedrayo e aos intelectuais galegos daquela época que investigaron persoalmente na vella Armórica, como Castelao e Bouza Brey. Seguidamente tratou das conexións literarias durante a posguerra, primeiro en autores tan celtófilos como Fole, Carballo Calero ou Cunqueiro, e logo, nos que posteriormente estableceron relacións máis políticas co nacionalismo bretón, como Manuel María e Ferrín.
No treito final do seu estudio, Olga Novo ocupouse do celtismo dende a perspectiva feminista de Carmen Blanco e da "Bretaña libertaria" de Claudio Rodríguez Fer, cunha cita do cal comeza a tese que a propia Novo presentou en catro linguas: galego, español, bretón e francés, e coa que acadou o doutoramento internacional.
Tribunal internacional de tese e cualificación
O doutor e galicista Antón Figueroa presidiu o xurado internacional encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Olga Novo, un tribunal do que tamén formaron parte María Lopo, doutora pola Universidade de Alta Bretaña e especialista en celtismo literario, ademais do poeta e filólogo bretón Gwendal Denez, doutor en Filoloxía celta pola Universidade de Rennes. Os membros do xurado acordaron por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese realizada por Olga Novo.