A Ribeira Sacra, a raza bovina galega ou o rural agroecolóxico, a debate na Universidade de Verán da USC no Campus Terra
A Universidade de Verán da USC no Campus Terra celebra tres novos cursos na derradeira semana do mes de xuño e cuxo prazo de matrícula, a cal pode formalizarse neste enlace, finaliza o 16 de xuño.
Baixo a dirección de Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo, a Casa da Cultura de Monforte de Lemos celebra entre os días 26 e 30 de xuño o curso titulado ‘A Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio e terra de viños’. Os obxectivos destas xornadas consisten en descubrir o patrimonio da Ribeira Sacra, o cal fala da profundidade da fe das comunidades monásticas que alí se asentaron; coñecer a súa etnografía e a súas paisaxes únicas; así como apreciar a cultura arredor do viño que ten nos socalcos a súa máxima expresión. Consulta aquí o programa completo do curso.
Pola súa parte, a Facultade de Veterinaria do Campus Terra acolle entre os días 28 e 30 de xuño, o curso ‘100 anos da raza bovina galega. Pasado, presente e futuro da produción cárnica en Galicia’. Este curso, dirixido por José Manuel Cifuentes Martínez, pretende destacar a importancia que o gando vacún, en especial a Raza Rubia Galega, ten para a cultura, a sociedade e a economía galega. Consulta aquí o programa completo do curso.
Finalmente, baixo a dirección de Xan Neira e Martiño Neira Cervera , celebrarase, entre os días 28 e 30 de xuño, no Pazo de Tor en Monforte de Lemos, o curso ‘O Rural Agroecolóxico’. Estas xornadas abordarán o abandono da actividade agraria/gandeira que está a producirse en Galicia nos últimos decenios, o cal provoca consecuencias económicas, sociais, ambientais e culturais. Consulta aquí o programa completo do curso.