A spin-off do Campus Terra Tastelab selecciona catadores o 31 de maio ás 18.00h en Veterinaria
Tastelab, unha empresa especializada en tecnoloxía de análise sensorial e spin-off do Campus Terra, que ofrece os seus servizos á industria alimentaria, pero tamén a todos aqueles axentes interesados en coñecer os gustos e preferencias dos consumidores a fin de integralos no desenvolvemento dos seus respectivos produtos, busca padais para a cata de novos sabores e contribuír a detallar os seus matices.
Esta acción promovida pola empresa que dirixe Maruxa García desenvolverase o vindeiro 31 de maio, a partir das 18.00 horas, na sala de catas da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, e está orientada a persoas que gocen degustando novos produtos alimentarios. Os participantes deben apreciar sabores e dar a súa opinión respecto dos matices que detectan os seus padais.
Esta primeira sesión que se encadra na fase inicial do proceso de análise sensorial prolongarase durante dúas horas e permitiralles aos responsables de Tastelab seleccionar ao número de candidatos e candidatas acaídos/as para despois conformar un panel de catadores máis experimentados.
As persoas interesadas en participar neste proceso poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico info [at] tastelab.es (info[at]tastelab[dot]es) ou tamén a través dos números de teléfono 982 818 019 e 673 380 688. Tamén se pode obter máis información respecto da actividade da empresa na web www.tastelab.es.