Ir o contido principal

A USC agranda a súa pegada no Courel

La USC agranda su huella en O Courel
La USC agranda su huella en O Courel
A USC rende unha particular homenaxe aos veciños de Seoane do Courel e deixa constancia de que a “gratitude e xenerosidade” mostrada no seu día por esta veciñanza resultou crucial para facer...
Lugo

A USC rende unha particular homenaxe aos veciños de Seoane do Courel e deixa constancia de que a “gratitude e xenerosidade” mostrada no seu día por esta veciñanza resultou crucial para facer realidade a Estación Científica do Courel, un centro singular da USC integrado na súa rede de infraestruturas de apoio á investigación e desenvolvemento tecnolóxico, en cuxas instalacións o reitor Juan Viaño descubriu este sábado unha placa conmemorativa que dá testemuño do agradecemento da institución académica compostelá a todos os veciños e veciñas  de Seoane do Courel que no seu día tiveron a iniciativa de ceder os terreos sobre os que se levantou unha instalación universitaria inaugurada hai xa 7 anos.

 

O principal obxectivo da Estación Científica do Courel é potenciar a cooperación entre os diferentes grupos de investigación da USC, xa que se trata dun centro multidisciplinar que dá soporte a diversos proxectos, ao tempo que posibilita unha mellor execución e maior rendibilidade científica das investigacións que se realizan na contorna, sinalou Viaño. O reitor da USC salientou tamén que este centro universitario singular contribúe ao desenvolvemento e á dinamización da comarca courelá, a través da organización de diversas actividades formativas e de divulgación, así como de transferencia de tecnoloxía, abertas á participación da cidadanía.

 

Alén de manifestar publicamente a gratitude e o recoñecemento da USC ao pobo de Seoane do Courel, o reitor tamén quixo facer extensible o seu agradecemento ás administracións local, provincial e autonómica. Daquela, Viaño resaltou a colaboración sustentable que manteñen coa USC o Concello de Folgoso do Courel, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, un apoio que incide no bo funcionamento da Estación Científica do Courel.

 

O reitor Juan Viaño descubriu esta placa de agradecemento ao pobo courelá no marco dun acto público no que participou un nutrido grupo de veciños de Seoane, encabezados pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, así como unha ampla representación académica e científica, entre a que estaban os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, e Servizos Culturais do Campus Terra da USC, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente.

 

O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez; a xefa en Lugo do Servizo de Coordinación da Área Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, María José Gómez, e os profesores e investigadores da USC Celia López Besteiro, Augusto de Castro Lorenzo e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, tamén participaron neste acto cívico e de confraternidade, no que o enxeñeiro de Montes courelá José Manuel Blanco López, que exerce como técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, construíu un documentado relato non exento de emotividade sobre a historia de Seoane do Courel.

 

“Seoane do Courel é unha vila fundada polos romanos hai uns 2.000 anos e as súas minas auríferas de A Toca e Torubio chegaron a reportar o 4% do ouro que precisaba o Imperio Romano nos primeiros séculos desta era”, dixo Blanco López, para logo recordar tamén a presenza dunha orde monástica dependente do mosteiro de Samos ou o paso pola localidade dos Reis Católicos no seu camiño cara a Composta en 1486, ano no que os reis Isabel e Fernando aprobaron o censo xurisdicional do Courel, que recoñece como vila a localidade de Seoane, que aínda conserva hoxe a capitalidade municipal de Folgoso do Courel.

 

Obxectivos e servizos

O director da Estación Científica do Courel, o catedrático da USC Antonio Rigueiro, lembrou na súa intervención algunhas das peripecias que forman parte da historia da Estación Científica do Courel, para logo detallar os servizos  e as posibilidades que ofrece este centro singular da USC. Nos seus 900 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas e baixo cuberta, a Estación Científica do Courel dispón de sala de conferencias (60 prazas), laboratorios de docencia e investigación (16 e 8 prazas respectivamente), salas de estar e traballo ademais de residencia para 8 investigadores. A planta baixa alberga a aula e os servizos xerais, polo que pode ser utilizada de xeito independente para todo tipo de actos.  Asemade, este centro da USC está dotado de equipamento informático, conexión a internet e material óptico (microscopios e lupas) de investigación.

 

A Estación Científica do Courel está preparada para acoller no seu seo a organización de cursos e conferencias así como visitas relacionadas coas actividades docentes de diferentes niveis (ESO, BAC, titulacións universitarias de Grao e Máster, estudos de posgrao e doutoramento, Cuarto Ciclo, etc.). Así mesmo, está concibida como residencia de investigadores que realicen o seu traballo nese ámbito.

 

Esta centro universitario pretende tamén, salientou Rigueiro, servir de instrumento dinamizador da socioeconomía da bisbarra, facilitando as súas instalacións a institucións, entidades locais e asociacións para realizar distintas actividades. Busca así contribuír ao desenvolvemento comarcal e á mellora do nivel de vida da poboación rural mediante a realización de actividades formativas enfocadas ao manexo das tecnoloxías da información e a comunicación, o fomento do uso sostible dos recursos naturais e a formación en materias específicas vinculadas coa produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais de orixe local.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.