A vicerreitora de Servizos do campus de Lugo reivindica unha universidade "feminina e feminista" no Día Internacional das Mulleres
O Campus Terra acolleu este mércores a celebración que do Día Internacional das Mulleres leva a cabo cada ano a Universidade de Santiago de Compostela a través dun acto que tivo lugar no auditorio da Casa do Saber de Lugo e que serviu de recoñecemento á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría pola súa traxectoria a prol da igualdade de oportunidades da USC.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi a encargada de guiar este acto, no que reivindicou a necesidade de incrementar a porcentaxe de mulleres en postos de xestión e, polo tanto, unha universidade máis "feminina e feminista". Tamén interviron no evento a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a directora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.
A intervención teatral a cargo de María Peinó e Teresa Fraga, dúas actrices da compañía de teatro USC-Lugo, que interpretaron un fragmento da peza ‘Km526’ na que representaron a Juana Capdevielle e María Zambrano, serviu de apertura do acto institucional conmemorativo do Día Internacional da Mulleres. O Espazo de Danza da USC pechou a sesión coa posta en escena da peza ‘Pulsos’, unha coreografía de Rosa Acuña e con Vicente Ávila, Sara Domingo, Sonia L. Pumarega e Álvaro Rodríguez como intérpretes.