Ángeles López Cabarcos, coordinadora do Máster en Dirección de Empresas: “Campus Terra da USC posúe un enorme valor de marca”.
Até o 4 de agosto, podes solicitar a túa admisión no Máster en Dirección de Empresas que se imparte no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. A súa coordinadora, Ángeles López Cabarcos, explícanos como, dende esta titulación, forman os directivos do futuro.
Campus Terra (C.T.): Cales son os obxectivos fundamentais do seu Máster?
Ángeles López Cabarcos (Á.L.C.): O Máster en Dirección de Empresas é o que coñecemos como un MBA (marca coñecida e recoñecida en todo o mundo). Os seus contidos están centrados nas áreas/materias que compoñen o núcleo duro da dirección de empresas, isto é: Organización de empresas, Dirección comercial, Economía financeira e Contabilidade. Sendo así, o obxectivo do máster é dotar os alumnos/as das competencias directivas máis relevantes, proporcionándolles unha visión global e integradora das áreas funcionais da empresa dende unha perspectiva práctica e aplicada.
C.T.: Cales son as principais saídas profesionais do seu Máster?
Á.L.C.: A experiencia demostra que a procedencia dos nosos alumnos é moi variada. Nun principio o MDE diríxese a graduados/as en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Enxeñaría e Dereito. Aínda que tamén está dirixido a graduados/as de calquera outra titulación universitaria que queiran adquirir coñecemento ou desenvolver a súa carreira profesional no mundo da empresa. O noso máster ten como unha das súas principais vantaxes a súa enorme versatilidade. Ao final do máster (e tomando en consideración a carreira de procedencia), o alumno/a poderá dirixirse a gran variedade de opcións que propón o ámbito público; traballar en postos de dirección de empresas medianas-grandes en moi diferentes áreas –finanzas, recursos humanos, estratexia, comercio internacional, contabilidade, produción ou mercadotecnia–; ou tomar a iniciativa de crear o seu propio proxecto empresarial.
C.T.: Por que considera que un alumno debe decantarse polo seu Máster e por un Campus como o Campus Terra da USC?
Á.L.C.: No noso ámbito estamos bastante afeitos a falar de marcas e a considerar e medir o seu valor. Creo que é indubidable e incuestionable o valor da marca USC e dentro dela do recentemente nado Campus Terra. Sen ningunha dúbida, estudar no Campus Terra da USC significa estudar nun campus cun enorme valor de marca. Da mesma forma, MBA é outra marca cun gran valor se temos en conta o seu elevado grao de coñecemento-recoñecemento en todo o mundo, considerando, ademais, que é unha das titulacións máis demandada polos empregadores ao longo dos últimos anos. Por último, o cadro de persoal de profesores/as que participan no MDE están totalmente comprometidos/as co mesmo, facendo que o nivel de compromiso dos alumnos/as sexa tamén moi elevado e que, en definitiva, a experiencia formativa resulte moi enriquecedora e proveitosa para todos.