Ir o contido principal

Campus Terra, Concello de Ribadeo e Indurot impulsan o proxecto Life Fluvial cun orzamento de máis de tres millóns de euros

Campus Terra, Ayuntamiento de Ribadeo e Indurot impulsan el proyecto Life Fluvial con un presupuesto de más de tres millones de euros
Campus Terra, Ayuntamiento de Ribadeo e Indurot impulsan el proyecto Life Fluvial con un presupuesto de más de tres millones de euros
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC, o Concello de Ribadeo e o Instituo de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da...
Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC, o Concello de Ribadeo e o Instituo de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo impulsan o proxecto europeo Life Fluvial ‘Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica’, un programa transnacional que xurde como resultado da colaboración entre oito organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal e que conta un orzamento de 3.032.223 euros, dos que a Comisión Europeo financiará o 75% (2.274.167 euros), logo de considerar prioritarias as actuacións deseñadas ao abeiro deste proxecto.

 

O obxectivo xeral do Life Fluvial, un proxecto liderado en Galicia polo Ibader e presentado este martes no consistorio ribadense nunha sesión na que participaron o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e os directores do Ibader da USC, Pablo Ramil Rego, e do Indurot da Universidade de Oviedo, Jorge Marquínez García, ademais doutros responsables técnicos destes institutos universitarios, pasa por mellorar o estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000.

 

O Life Fluvial desenvolve nas súas actuacións unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica localizadas en Asturias, Galicia e na rexión norte de Portugal. As accións contempladas ao abeiro desta actuación estratéxica deben executarse antes do 31 de agosto de 2021, cando espiran os catro anos do prazo concedido para o desenvolvemento deste programa, que botou a andar o pasado 1 de setembro.

 

O proxecto achega estratexias de xestión transnacional que permitan mitigar e corrixir os efectos negativos derivados de ameazas xa identificadas, tales e como o son as especies invasoras ou a intensificación de de usos ou problemas fitosanitarios que están na xénese da deteriorización e fragmentación dos hábitats dos corredores fluviais. Estas ameazas inciden sobre a calidade e continuidade dos bosques higrófilos, hábitat principal ao que vai dirixido o proxecto, considerado de carácter prioritario (91E0* Bosques aluviais con Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) e peza clave no mantemento da composición, estrutura e funcionalidade dos corredores fluviais. Outro dos obxectivos do Life Fluvial é o de evitar a expansión destas ameazas a outros territorios da UE. Daquela, cómpre sinalar que o proxecto considera outro hábitat obxectivo: 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que representa a continuidade co tipo de hábitat 91E0*.

 

Actuacións específicas

As actuacións específicas formuladas polos promotores do Life Fluvial para combater a degradación dos hábitats e as ameazas detectadas son diversas e contemplan diversas accións, tales como o son o desenvolvemento dun modelo transnacional de xestión sostible de corredores fluviais para a mellora do seu estado de conservación, mediante a restauración da composición, estrutura e funcionalidade dos seus tipos de hábitats, a mellora da conectividade e a redución da fragmentación.

 

O control de flora exótica e invasora, a mellora do estado fitosanitario dos corredores fluviais, mediante a retirada parcial de árbores mortas; a difusión e sensibilización dos valores naturais, beneficios socioeconómicos e servizos ecosistémicos prestados polos corredores fluviais, ademais da formación e capacitación técnica dos axentes implicados na xestión e conservación dos corredores fluviais, son outras accións previstas.

 

As actuacións propostas contemplan medidas preparatorias para a avaliación previa dos enclaves de actuación, indicadores comúns para o seguimento, planificación técnica das accións, proxecto de expropiación, así como a adquisición de terreos lindantes coa ribeira fluvioestuarina no municipio de Ribadeo, nos que se procederá á eliminación de ecucalipto para logo proceder á restauración dos hábitats naturais.

 

A definición de oito accións de conservación en tramos altos, medios e baixos de distintas cuncas fluviais de nove espazos Natura 2000 de Galicia, Asturias e Portugal, para proceder ao control de especies invasoras, así como á eliminación de ameneiros mortos e á restauración de cuberta vexetal natural. O Life Fluvial contempla tamén medidas de monitorización para medir o impacto do proxecto sobre os hábitats obxectivo, a fin de avaliar o impacto socioeconómico do proxecto, valorar o impacto sobre as funcións ecosistémicas, así como para analizar o progreso do proxecto. A difusión dos resultados do proxecto e a sensibilización pública a través dun plan de comunicación, deseño, elaboración e instalación de materiais e equipamentos informativos, ademais da creación dunha web, son outras da accións previstas.

 

Amplo respaldo social

A dimensión transnacional do Life Fluvial resultou clave para que a Comisión Europea catalogara este proxecto como prioritario. De feito, ademais das universidades de Santiago de Compostela e de Oviedo, no Life Fluvial tamén participan o Instituto Superior de Agronomía (SPA) da Universidade de Lisboa, as asociacións InterEO e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Concello de Ribadeo, así como outros administracións locais e provinciais de Lugo e da Coruña, e mesmo varios concejos asturianos. As confederacións hidrográficas Miño-Sil e do Cantábrico, Xunta de Galicia e Principado de Asturias e Tragsa, unido ao apoio prestado por outras entidades e administracións, resultou clave para o éxito deste proxecto.

 

O Life Fluvial tamén recibiu o respaldo de máis de 50 proxectos nacionais ou internacionais, organismos públicos, entidades locais, asociacións, centros de investigación e científicos de varios países, que outorgaron un apoio incondicional á candidatura ao considerala de gran interese de cara á posta en marcha de estratexias de xestión sostible en corredores fluviais, e a súa aplicación a outros territorios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.