Ir o contido principal

Campus Terra, Medio Rural e Gradiant explican ante a EIP-AGRI a evolución do Polo de Innovación Dixital en Galicia

Campus Terra, Medio Rural y Gradiant explican ante la EIP-AGRI la evolución del Polo de Innovación Digital en Galicia
Campus Terra, Medio Rural y Gradiant explican ante la EIP-AGRI la evolución del Polo de Innovación Digital en Galicia
O director xeral de Gradiant, Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia, Luís Pérez Freire, e Alfonso Ribas Álvarez, en representación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal),...
Lugo

O director xeral de Gradiant, Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia, Luís Pérez Freire, e Alfonso Ribas Álvarez, en representación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, presentaron este xoves, en Kilkenny (Irlanda), as actividades realizadas ata o de agora no marco do Polo de innovación Dixital, así como os futuros pasos que se realizarán a fin de impulsar a dixitalización do sector agroalimentario en Galicia. O seminario ‘Polos de innovación dixital: principais correntes na dixitalización da agricultura’, organizado pola Asociación Europea para a Innovación do Agro (EIP-AGRI), acolleu a presentación desta iniciativa impulsada polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e Gradiant.

 

Tomando como partida a situación actual de Galicia na que o agroalimentario eríxese nun eido chave para a economía da comunidade, Pérez Freire e Ribas Álvarez expuxeron un panel no que resumiron as sinerxías establecidas ata o de agora no seo do polo, o cal participa nos partenariados temáticos 'Trazabilidade e Big Data' e ‘Agricultura de Alta Tecnoloxía’, áreas dentro da plataforma de especialización intelixente S3P Agrifood da Comisión Europea. Asemade, puxéronse de manifesto os avances obtidos nos obradoiros celebrados e dirixidos a recoller contribucións de todos os axentes da cadea de valor e innovación no sector agroalimentario e no sector TIC, incluíndo a representantes de cooperativas e industrias, clústers e asociacións empresariais, membros de centros tecnolóxicos e grupos de investigación, representantes de empresas TIC, así como técnicos da administración pública involucrados na innovación deste eido.

 

O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) decidiron unir forzas e apostar pola creación dun Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario (“Digital Innovation Hub” na terminoloxía da Comisión Europea) no que conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector.

 

Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos, etc.

 

A EIP-AGRI pretende proporcionar un interfaz entre a agricultura, a bioeconomía, a ciencia e outros usuarios, tanto na Unión Europea como a nivel nacional e rexional, con vistas a mellorar a eficacia de medidas relacionadas coa innovación tanto da Política Común Agrícola como da Unión pola Innovación do Programa Marco de Investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.