Investigadoras do Campus Terra validan o uso de salmoira como alternativa saudable ao formol para conservar material biolóxico
A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC testa a salmoira como alternativa saudable para a conservación de material biolóxico e avanza na eliminación do uso do tóxico formol como práctica cotiá nas prácticas de Anatomía Veterinaria. Os problemas e posibles riscos para a saúde que implica o formol son coñecidos desde hai tempo. A Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (AIRC) informou en 2006 de que o formol constitúe un composto canceríxeno para os humanos, polo que o seu uso debería estar prohibido.
Os riscos que depara o uso de formol non impulsou a promoción de prácticas ou técnicas de conservación alternativas menos tóxicas e máis saudables, unha dobre finalidade á que si contribúe o traballo desenvolvido por Matilde Lombardero e María del Mar Yllera, profesoras da Área de Anatomía e Anatomía Patolóxica Comparada do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.
Estas investigadoras desenvolveron unha técnica alternativa ao formol e baseada nunha idea sinxela, aínda que innovadora, que consiste no uso dunha salmoira ou solución salina saturada (sal de mesa comercial) que se perfunde durante horas polo sistema vascular coa axuda dunha bomba persitáltica. Deste xeito, o material biolóxico está sometido a un proceso de salgado desde o interior, aínda que mantén a textura dos músculos e a mobilidade das articulacións de xeito similar ás dun animal vivo e co aspecto dunha canal de abasto procedente do matadoiro.
A innovación desta técnica, testada con mostras e espécimes animais, aínda que extensible a humanos e apta para o seu uso en prácticas de Anatomía e Medicina, radica en infiltrar durante horas unha solución salina saturada procedendo ao salgado do espécime (o tempo de perfusión depende do tamaño do animal), que, logo deste proceso, tampouco require condicións de almacenamento especial ata que se proceda á súa disección. Unha vez iniciado este proceso, as investigadoras da Facultade de Veterinaria recomendan gardar o material biolóxico en cuestión inmerso nun baño de solución salina saturada.
Para realizar a perfusión dunha solución con formol, simplemente se inoculaba a través do sistema vascular certa cantidade da mestura fixadora e despois había que deixar un período de maceración, para que esta se difundise aos tecidos para fixalos. Co uso da solución salina saturada perfundida durante varias horas evítase ese período de maceración, e os espécimes poden utilizarse inmediatamente e conservarse longos períodos de tempo (anos), explican as profesoras de Veterinaria.
Lombadero e Yllera salientan asemade que este novo método, que emprega unha combinación sen compostos tóxicos, e que non xera vapores nocivos, é tecnicamente moi sinxelo, ademais de resultar moi barato (só se utiliza auga corrente e sal), polo que consideran que pode ter gran aceptación (e unha repercusión positiva na saúde de estudantes e docentes) en todas as unidades de Anatomía que precisen procesar as mostras que utilicen nas súas prácticas para prolongar a súa vida útil.
As autoras deste traballo de investigación, que aparece publicado no último número da prestixiosa revista do ámbito da Anatomía Journal of Anatomy, aplican esta nova técnica de conservación desde hai dous cursos na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC. O balance do uso deste método é máis que positivo, xa que depara unha notable mellora para a calidade docente, ao tempo que preserva a saúde de profesores e alumnos, segundo indican estas investigadoras.
O deseño deste método eficiente, saudable e alternativo ao uso do formol, é o resultado do traballo de colaboración mantido entre as profesoras Lombardero e Yllera coas docentes da Universidade de Porto Paula Ferreira Proença e María Joâo Oliveira, e con Antónico Costa-e-Silva, técnico especialista do Departamento de Anatomía do Insituto de Ciências Biomédicas Abel Salazar (Icbas) da Universidade de Porto. Esta colaboración xurdiu grazas á primeira edición (2014) do Programa IACOBUS da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia -Norte de Portugal (GNP-AECT), mediante a cal a primeira asinante do artigo, a profesora Matilde Lombardero, realizou unha estadía docente na Universidade do Porto.