Ir o contido principal

O 2022 gaña ritmo en Lugo grazas ás propostas culturais do Campus Terra

O 2022 gaña ritmo en Lugo grazas ás propostas culturais do Campus Terra
O 2022 gaña ritmo en Lugo grazas ás propostas culturais do Campus Terra
Os novos obradoiros de fotografía, cine e teatro conforman os “Espazos Cultura” para as vindeiras semanas
Lugo

Xaneiro é o mes por excelencia dos cambios, das novas etapas e, como non, dos propósitos. Pero encher libretas con listaxes de tarefas que logo rematan gardadas nun caixón pode non servir de moito. Para facer de guía neste camiño, aparece en forma de estrela Polar a programación cultural do Campus Terra para o segundo cuadrimestre deste curso académico 2021-2022.

 

A completa constelación que forma parte dos “Espazos Cultura”, promovida pola Área de Cultura da USC do Campus de Lugo, continúa a brillar co comezo deste ano 2022. Ao abeiro dos espazos de Fotografía, Cine e Teatro da USC chegan novos obradoiros e actividades de formación cultural nos que o máis complicado será escoller e o máis doado adquirir coñecemento.

 

Neste senso, erguer o pano desta programación será función das persoas participantes no taller aberto de teatro que terá lugar o 31 de xaneiro na Aula de Teatro e Danza situada na Facultade de Veterinaria. E, como subir a un escenario e actuar está cheo de maxia, a Compañía de Teatro USC-Lugo abrirá as súas portas a novas incorporacións. Estas persoas recibirán as orientacións do actor e director Aarón Navia, quen impartirá as súas sesións de formación e mais os ensaios na mesma localización.

 

Se entre os desexos para este ano está o de aprender a narrar historias en formato audiovisual, no Campus de Lugo hai dúas moi boas opcións. Por unha banda, asistir ao curso “Pensar e contar unha serie de TV” da man de Pepe Coira permitirá ao público desenvolver unha idea ata convertela nun proxecto axeitado para o formato televisivo. Pola outra, afondar na creación de cine co móbil tan só será cuestión de acudir ás sesións do obradoiro impartido por Iago Sant sobre as novas linguaxes cinematográficas.

 

Para completar esta programación cultural, o fotógrafo lugués Adra Pallón será o encargado de ofrecer unha nova edición do módulo de expresión a través da fotografía no Salón de Actos da Casa do Saber.

 

Se queres gozar de novas competencias artísticas, e riscar as tarefas pendentes da túa listaxe, lembra formalizar a túa inscrición en calquera das actividades no correo cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), onde tamén podes solicitar máis información sobre os seus contidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.