Ir o contido principal

O Campus Terra cruza fronteiras coa enerxía agroforestal e gandeira

O Campus Terra cruza fronteiras coa enerxía agroforestal e gandeira
O Campus Terra cruza fronteiras coa enerxía agroforestal e gandeira
Unha delegación da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro de Portugal visita o Campus de Lugo co fin de impulsar a mobilidade docente e do alumnado
Lugo

Dende pequenos e pequenas, cando estabamos no colexio e tiñamos clase de Coñecemento do Medio, estudabamos os tipos de enerxías que existen: renovables e non renovables. Dentro de cada unha delas atopamos varias clases, dependendo de cal sexa a súa fonte de procedencia.

 

As enerxías que moven ao Campus Terra, ademais de renovables, tamén son únicas, e unha delas recibe o nome de agroforestal e gandeira. Grazas ao seu impulso, o centro universitario pode cruzar fronteiras, e mesmo atraer a Lugo a persoas de diversos países.

 

Deste xeito é como unha delegación da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro (UTAD) de Portugal aterrou recentemente no campus para realizar unha visita ás súas instalacións. Con ela, o seu obxectivo era potenciar a mobilidade do estudantado e profesorado entre ambas as dúas institucións académicas e, ao mesmo tempo, analizar a posible articulación de posgraos interuniversitarios ou o desenvolvemento conxunto de proxectos I+D+i.

 

Neste senso, as grandes similitudes entre as titulacións e investigacións da UTAD e do Campus Terra constitúen unha boa semente para que agrome un novo convenio marco entre as dúas. Ao seu abeiro ábrense novas posibilidades de traballo como a futura convocatoria dos programas Interreg e Horizonte Europa ou o impulso de proxectos innovadores que incorporen a participación de empresas galegas e portuguesas.

 

Esta xornada de traballo non só serviu para achegarse ás finalidades compartidas e sentar as bases dun novo convenio entre ambas partes, pois a delegación universitaria aproveitou para adentrarse nas instalacións do Campus Terra e coñecer o Hospital Veterinario Rof Codina, o Cebiovet e a Granxa Experimental .

 

Igualmente, o seu paso pola Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), a Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) espertou un grande interese polas persoas representantes da UTAD nas potencialidades do Campus Terra.

 

Non hai dúbidas de que a especialización da sede universitaria de Lugo nos eidos alimentario, gandeiro e forestal convértena nun centro de referencia cunha pegada que non fai máis que viaxar internacionalmente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.