Ir o contido principal

O Campus Terra da USC, berce da innovación no sector primario

El Campus Terra de la USC, cuna de la innovación en el sector primario
El Campus Terra de la USC, cuna de la innovación en el sector primario
O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois, inaugurou este xoves, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a ‘Xornada de divulgación de...
Lugo

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois, inaugurou este xoves, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a ‘Xornada de divulgación de resultados: Grupos Operativos en Galicia’, na que se deron a coñecer os resultados dos proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, promovidos pola Consellería do Medio Rural.

 

Neste senso, Barreiro Lois definiu o Campus Terra como o “espazo axeitado para acoller actividades de divulgación no ámbito agrícola, gandeiro e forestal, razón pola que ofreceu a súa colaboración para organizar un evento que facilita a difusión dos resultados dos primeiros proxectos de Grupos Operativos de Galicia, iniciados a mediados de 2016 e que rematan na actualidade”.

 

A Xornada estivo estruturada en tres bloques. No primeiro deles, moderado polo xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, Roberto Lamas, tiveron cabida os avances dos proxectos desenvolvidos no eido da Dixitalización: ‘Deseño de ferramentas para minimizar o impacto sobre o medio natural nas aplicacións de xurro de explotacións de porcino’, ‘Deseño dunha aplicación informática para a mellora na xestión de terras da Cooperativa CUSOVIAME’, ‘e-Monte. Plataforma innovadora de compra/venta de lotes de madeira entre propietarios forestais e empresas’, ‘Integración de datos multiespectrais e agroclimáticos na xestión dun viñedo como apoio á toma de decisións en viticultura de precisión’, e ‘Posta a punto da técnica de rego por goteo como base para a produción sustentable dos cultivos en A Limia’.

 

A continuación, Emilio Martínez, técnico de Xestión de I+D da USC, moderou a mesa relativa a aqueles proxectos que contribuíron a facer achegas en materia de Economía Circular: ‘Alternativas para a bioxestión de zurro de porcino para a fertilización agrícola’, ‘Novas alternativas de cultivo para a comarca de A Limia’, ‘Viabilidade do aproveitamento integral dos bosques de castaños da cooperativa’, e ‘Granxas de leite galegas en harmonía coa natureza e biodiversidade agraria’.

 

Finalmente, na sesión relativa aos proxectos de Produción Primaria, moderada por Pedro Fiz Rocha, tamén xestor do Campus Terra, abordouse a valorización do leite de vacún producida en explotacións ecolóxicas e convencionais de Galicia, a mellora da produción e da calidade proteica dos forraxes mediante o desenvolvemento de técnicas que incrementen a eficiencia na utilización do nitróxeno, a creación dunha metodoloxía para optimizar a produción de carne de xatos procedentes de Agrigga Carne, S.C.G, o estudo da planificación moderna dunha plantación de castaños para froito en ecolóxico, así como o proxecto ‘El Dorado Verde’, centrado na extracción da resina do pino en maior cantidade e calidade sen danar a árbore.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.