O Campus Terra da USC esperta un crecente interese como destino universitario entre a comunidade estudantil chinesa
O profesor de español na Universidade de Shandong e responsable dunha empresa que ofrece servizos a estudantes chineses interesados en ampliar a súa formación no estranxeiro, He Long Peng Xi, vén de realizar unha estadía no Campus Terra da USC para coñecer polo miúdo a súa oferta académica e de servizos.
No seu periplo por Lugo, os integrantes da delegación chinesa encabezada por He Long Peng Xi visitaron as facultades de Humanidades e Administración e Dirección de Empresas, así como a Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, centros nos que mantiveron reunións informativas e de traballo cos seus respectivos equipos de dirección, para logo participar nunha xuntanza co vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo e director do Campus Terra, Javier Bueno.
Respecto das opcións máis demandadas pola comunidade estudantil, este axente sinalou que os estudos das ramas de Humanidades e Ciencias Sociais constitúen a oferta máis atractiva para a comunidade chinesa, que tamén valora as facilidades que ofrece a USC para a aprendizaxe do idioma español, ben a través dun curso intensivo, ben a través doutras sesións formativas impartidas polo Centro de Linguas Modernas.