Ir o contido principal

O Campus Terra da USC, presente na última reunión do padroado da Fundación Triptolemos

El Campus Terra de la USC, presente en la última reunión del patronato de la Fundación Triptolemos
El Campus Terra de la USC, presente en la última reunión del patronato de la Fundación Triptolemos
O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da USC no Campus Terra, Andrés Barreiro Lois, acaba de participar na reunión do padroado da Fundación Triptolemos, celebrada na Universidade...
Lugo

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da USC no Campus Terra, Andrés Barreiro Lois, acaba de participar na reunión do padroado da Fundación Triptolemos, celebrada na Universidade de Lleida, que desde a súa creación en 2002 desenvolve unha visión global do sistema alimentario e centra os seus esforzos na súa dinamización e a creación de confianza,  coa convicción de que unha sociedade sustentable e equilibrada non é posible sen un sistema alimentario social que posúa estas mesmas características.

 

Barreiro Lois acudiu ao acto en representación do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida da USC aínda que tendo moi presente que o ámbito de actuación deste foro atópase en clara consonancia co do Campus Terra, o campus da USC especializado no uso sustentable da terra e os seus recursos. Xunto a el, interviñeron no acto o presidente de Triptolemos e ex subdirector xeral da FAO, José Mª Sumpsi; os vicepresidentes da Fundación, José Luís Bonet (presidente de Alimentaria e Fira de Barcelona, Cámara de Comercio de España) e Francesc Torres (reitor da Universidade Politécnica de Cataluña); e do reitor da UdL e presidente da CRUE, Roberto Fernández, ademais dunha trintena de representantes de universidades, empresas e institucións de toda a xeografía española.

 

No transcurso da reunión, abordáronse as accións nas que se atopa inmersa a Fundación tales como as actividades nos salóns Alimentaria e Food Tech Barcelona 2018; a presentación da 8ª edición da Guía da innovación no sistema alimentario; a xornada “As fake news: consecuencias para as empresas e os consumidores”;  programas de entrevistas e presenza en congresos das súas 26 universidades; as axudas ás mobilidades de doutores no convenio asinado coa Fundación Bancaria “La Caixa”; a proxección internacional das actividades da Fundación; relacións con empresas; as actividades da Cátedra UNESCO sobre "Ciencia e innovación para un desenvolvemento sustentable: produción e seguridade alimentaria global"; e as actividades da REDE de 17 Campus de Excelencia con actividade agroalimentaria (REDE CEIAA), coa presenza do seu Presidente e reitor da Universidade de Córdoba, José Carlos G. Villamandos, entre outros.

 

Con anterioridade ao padroado da Fundación, celebrouse o plenario da reunión da REDE CEIAA, na que se abordou a proposta de estudo das interaccións entre a empresa e os propios campus; a proxección internacional destes últimos; así como a elaboración do “libro branco das ciencias gastronómicas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.