Ir o contido principal

O Campus Terra sementa a sustentabilidade agroalimentaria de primeira man en cinco municipios lugueses

O Campus Terra sementa a sustentabilidade agroalimentaria de primeira man en cinco municipios lugueses
O Campus Terra sementa a sustentabilidade agroalimentaria de primeira man en cinco municipios lugueses
A sede luguesa da USC lanza o proxecto Nutrir Galicia, co que agarda colleitar o reforzo do desenvolvemento das entidades locais
Lugo

As persoas, ao inxerir certos alimentos, nutrimos o noso organismo para manter o seu funcionamento e todas as funcións vitais. Da mesma forma, os territorios con baixa densidade de poboación e reducida competitividade tamén precisan os seus nutrientes co propósito de catalizar a produción primaria e agroalimentaria.

 

A imitación deste tipo de produtos químicos xorde o proxecto Nutrir Galicia, unha iniciativa transnacional impulsada polo Campus Terra da USC e apoiada pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e polo Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), entre outras administracións.

 

Este programa ten o seu foco posto nese tipo de localidades nos que a presenza de estruturas de I+D+i con recursos humanos altamente cualificados poden contribuír a artellar estratexias de planificación empresarial e de sustentabilidade. Neste senso, os seus obxectivos atópanse aliñados cos do Campus Terra, pois ambos van na procura de guiar tanto a transformación no sector primario como a do medio rural. Entre as súas accións para acadalo destacan a formación de profesionais, a investigación aplicada e tamén a transferencia de coñecemento nas súas distintas correntes de especialización.

 

Non en van, as grandes capacidades do Campus Terra en eidos como o vacún de carne, o manexo hídrico das vides, a valorización de contornas con potencial micolóxico ou a análise e o control de produción de queixos na APLTA ratifican a existencia de oportunidades para fortalecer os territorios escollidos.

 

Deste xeito, Nutrir Galicia xorde como unha nova mostra de modelo de intervención territorial que, polo momento, bota a camiñar nos concellos lugueses de Cervantes, Friol, Mondoñedo, Muras e Sober. Co fin de amosar certas potencialidades presentes nestes cinco municipios e, de forma máis xeral, na provincia de Lugo, a implicación de axentes territoriais (GDRs, concellos e produtores) e das administracións públicas será fundamental.

 

A suma de forzas nesta iniciativa, que segue a mesma liña doutras estratexias de organismos mundiais, supón un grande impulso para o medio rural, ademais de permitir que o Campus Terra continúe a avanzar no seu pulo ao sector primario e no fomento da innovación e transformación da produción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.