O CITT do Campus Terra xestionou preto de 18 millóns de euros para o desenvolvemento de accións I+D+i no trienio 2015-2017
Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra da USC no trienio comprendido entre 2015 e 2017 achéganse aos 18 millóns de euros, unha cifra sensiblemente superior aos pouco máis de 14 millóns de euros rexistrados no trienio anterior, segundo se puxo de manifesto na renovación da sinatura dun convenio que manteñen vixente desde 1995 USC, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
O reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez; e Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL, ratificaron un convenio, que, segundo sinalou Méndez “está a dar moi bos resultados en canto á transferencia de tecnoloxía e coñecemento cara as empresas. Unha proba deste éxito é que xa imos pola vixésimo terceira edición”, dixo.
O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra remonta as súas orixes a 1995, lembrou Viaño, quen logo de salientar que esta oficina contribúe a situar a USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á contorna social, fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no CITT como ás entidades que apoian un convenio que conta cunha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros e a Deputación Provincial de Lugo, 9.500. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.
Viaño salientou o importante cometido que está chamado a desenvolver o CITT no contexto do Campus Terra e nomeadamente na súa conexión coa contorna socioeconómica. O reitor da USC argumentou neste senso que un indicador que constata o bo funcionamento desta oficina universitaria radicada en Lugo son os máis de cinco millóns de euros xestionados en 2017 para actividades de I+D+i.