O comisario europeo de Agricultura destaca a actividade do Campus Terra da USC a prol da modernización do agro
O comisario europeo de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, fala do Campus Terra da USC nun artigo que acaba de ser publicado na sección de Agricultura do portal Interempresas. Concretamente, Hogan aborda a situación actual do sector agroalimentario, así como os seus retos de futuro, destacando no ámbito español, a actividade desenvolvida polo Polo de Innovación Dixital para o sector Agroalimentario impulsado polo Campus Terra e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia).
Hogan destaca a actividade pioneira “na aplicación dun enfoque a escala de toda a UE para mellorar o acceso ás tecnoloxías no sector da agricultura. O Polo de Innovación Dixital de Galicia para o sector Agroalimentario é unha iniciativa que puxo en marcha a Universidade de Santiago de Compostela (USC), en concreto o seu Campus Terra, e o Centro Tecnolóxico TIC (Gradiant) co fin de desenvolver solucións innovadoras e mellorar a competitividade do sector agroalimentario, en colaboración con produtores locais de alimentos e agricultores, grupos ecoloxistas, organismos públicos e organizacións empresariais, para garantir un acceso fácil, rápido e eficaz ás tecnoloxías máis recentes”.
O comisario salienta que está “firmemente convencido de que o futuro da alimentación e da agricultura en Europa baséase na modernización e na simplificación, é dicir, en facer pleno uso dos últimos avances tecnolóxicos e dixitais para traballar de forma máis eficiente, eficaz e sustentable, e en garantir que as políticas e a lexislación da UE se poñan ao día para reflectir esta nova realidade”.