Ir o contido principal

O grupo de investigación Farmatox do Campus Terra da USC participa nun proxecto europeo sobre toxinas no Atlántico

 El grupo de investigación Farmatox del Campus Terra de la USC participa en un proyecto europeo sobre toxinas en el Atlántico
El grupo de investigación Farmatox del Campus Terra de la USC participa en un proyecto europeo sobre toxinas en el Atlántico
O grupo de investigación Farmatox (Toxinas mariñas: Mecanismos de Transdución, usos terapéuticos e métodos de detección) do Campus Terra da USC, coordinado polo catedrático do Departamento de...
Lugo

O grupo de investigación Farmatox (Toxinas mariñas: Mecanismos de Transdución, usos terapéuticos e métodos de detección) do Campus Terra da USC, coordinado polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica  na Facultade de Veterinaria, Luis M. Botana, participa como integrante dun consorcio internacional liderado polo Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) no desenvolvemento do programa europeo Emertox, a través do que se pretende estudar a aparición e os posibles efectos de tóxicos emerxentes nas augas do océano Atlántico que se amorean en bivalvos e peixes, cuxa inxestión pode deparar problemas de saúde en humanos.

 

A participación do equipo de investigadores integrados no grupo Farmatox (GI-1682 da USC) no marco do proxecto Emertox, un programa financiado con fondos europeos ao abeiro da estratexia Horizonte 2020 e que conta con preto dun millón de euros de orzamento, céntrase na coordinación do paquete de tarefas relacionadas do desenvolvemento de novos métodos de detección de tóxicos mariños.

 

O proxecto Emertox, que botou a andar a mediados de abril en Cabo  Verde e que involucra un consorcio de 15 centros de investigación e empresas de España, Francia, Reino Unido, Italia, República Checa, Cabo Verde, Marrocos e Tunisia, ten unha vixencia de catro anos. Durante este período, os equipos de investigación implicados no proxecto Emertox estudarán, entre outras, algunhas das toxinas emerxentes (tetrodotoxinas, palitoxinas e ciguatoxinas) presentes nos microorganismos (bacterias e microalgas) causantes das mareas vermellas, elementos tóxicos sen incidencia negativa nas especies (bivalvos, peixes e ou invertebrados) nas que se hospedan ou amorean, pero que si poden provocar episodios de intoxicación en humanos.

 

As consecuencias que pode ter para a saúde humana a inxestión de moluscos e peixes  contaminados con este tipo de toxinas son múltiples e diversas, xa que, en función de que toxina se trate, poden deparar problemas gastrointestinais (vómitos, diarrea, dor de cabeza) e mesmo perda de memoria, aparición de tumores ou ata incluso parálise muscular con desenlace fatídico.

 

A presenza de toxinas mariñas está  tradicionalmente asociada coa existencia de auga quente, en zonas tropicais do Pacífico, Índico e mesmo do océano Atlántico, pero factores como o quecemento global, ou o incremento do tránsito marítimo teñen provocado nas últimas datas a aparición e o aumento da presenza deste tipo de toxinas emerxentes en áreas costeiras e oceánicas antes pouco habituais.

 

Outras das achegas que pretenden os socios do consorcio internacional implicados no proxecto Emertox atinxen á realización do mapeo de toxinas e organismos produtos en augas do Atlántico Norte e do Mediterráneo, así como ao desenvolvemento de modelos de previsión da súa evolución en diversos escenarios de quecemento global. O coñecemento adquirido logo desta fase de estudo exhaustivo será tamén de importancia capital á hora de prestar asesoramento ás autoridades nacionais e europeas, tales como a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, e mesmo para recomendar cambios lexislativos ou novas necesidades no seguimento destas toxinas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.