O IES Xoán Montes de Lugo imponse na fase provincial da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía
Máis de medio centenar de estudantes de secundaria e Bacharelato participaron este mércores nas probas provinciais da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía que tivo lugar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos e na que se impuxo o IES Xoán Montes de Lugo. En concreto, resultaron galardoados, entre outros, os alumnos Alberto Jesús Montecelo de segundo de BAC, quen obtivo o primeiro premio; e Laura Cernadas de segundo de BAC, quen quedou terceira. En segundo lugar, impúxose Áurea Aldea do IES Gregorio Fernández de Sarria. Os outros institutos participantes foron o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e o IES María Sarmiento de Viveiro. A entrega de premios estivo presidida pola vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva.
A VIII Olimpíada de Xeoloxía, unha actividade na que en Galicia colabora de xeito activo a USC a través do seu Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, pretende fomentar o interese do estudantado preuniversitairo polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ao tempo que busca animar aos participantes a orientar o seu futuro universitario cara a este eido, ademais de sensibilizar sobre a importancia da preservación do medio natural.