O programa Santander Yuzz chega ao Campus Terra na procura de novos emprendedores de entre 18 e 31 anos
O programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’, que na súa oitava edición suma a Lugo ás súas sedes locais, trata de fomentar o espírito e as iniciativas de emprendemento entre os lugueses de 18 a 31 anos, tal e como sinalou este martes no Campus Terra da USC o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde, na presentación dunha iniciativa de axuda ao emprendemento aberta a universitarios, pero tamén a calquera outra persoa con ideas innovadoras de negocio con base tecnolóxica. A presentación en Lugo do programa Santander Yuzz ‘Mozos con ideas’ desenvolveuse no marco dunha acto celebrado no edificio Cactus de Lugo e no que tamén participaron o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da sede universitaria luguesa, Andrés Barreiro, e a xefa territorial en Lugo da Consellería de Economía, Pilar Fernández López. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 2 de decembro, para o que deberán presentar a súa candidatura de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na web. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia.
Os emprendedores seleccionados en Lugo incorporaranse ao programa e poderán beneficiarse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento que terá a súa sede física na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) e onde poderán desenvolver a súa idea, ademais de relacionarse con outros emprendedores, recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía recibirán asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto. Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, que se prolongará durante un período de cinco meses, de xaneiro a maio, a persoa elixida como mellor emprendedor do centros Yuzz de Lugo, xunto cos candidatos seleccionados en cada un dos centros locais, realizarán unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional máis importante en innovación e emprendemento, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. A estes galardóns cómpre sumar o premio Yuzz Muller, dotado con 200.000 euros e consultoría E&Y. O proxecto Santander YUZZ naceu no ano 2009 e conta na actualidade con 50 centros en España e máis de 1.000 participantes por edición. O proxecto conta ademais co apoio de universidades de todo o país e múltiples entidades colaboradoras como Indra, Tuenti, Intel, Organización de Estados Iberoamericanos, Secot, FPdGi, Fundación E&Y e RedEmprendia. No caso da USC, a implantación deste programa suma xa tres anos, período no que contabilizan máis de medio centenar de emprendedores participantes que foron capaces de xerminar máis dunha ducia de plans de negocio.