Ir o contido principal

Última oportunidade para sumarse ao Campus Terra este curso

Última oportunidade para sumarse ao Campus Terra este curso
Última oportunidade para sumarse ao Campus Terra este curso
Oito titulacións do Campus de Lugo teñen aínda algunha praza vacante para iniciar estudos
Lugo

Xa estamos en setembro, un mes que para moitas persoas significa o comezo dun novo ano- incluso máis que xaneiro- e dunha nova etapa. Seguro que para os mozos e mozas que este curso inician os seus estudos universitarios aínda o é máis. Por moito que diga o calendario, e aínda que as clases xa deron comezo, nin moito menos está perdido o tren con destino ao desexado futuro.

 

En forma de estrela fugaz aparece unha oportunidade de ouro para non desaproveitala: o prazo de matrícula extraordinario que terá lugar entre os días 13, 14 e 15 de setembro. Ademais, na nutrida proposta de titulacións do Campus Terra da USC queda algún asento baleiro para voar polo ceo da innovación e a sostibilidade.

 

Neste senso, a EPS de Enxeñaría dispón de catro formacións universitarias con prazas vacantes. Co fin de desenvolver labores imprescindibles de servizo á sociedade e dotada dunha formación integral nas tres especialidades da profesión (construcións civís, hidroloxía ou transportes e servizos urbanos) atópase o grao en Enxeñaría Civil. Por outra banda, os graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria oriéntanse aos sectores forestal e agrícola.

 

Igualmente, o grao en Paisaxe está dirixido a crear, manter, protexer e mellorar os lugares co fin de que sexan funcionais e sostibles. Dentro desta constelación da sede de Lugo tamén conta con ocos na Facultade de Ciencias o grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais. O seu principal obxectivo é que o alumnado sexa quen de responder ás necesidades existentes no eido da transformación de materias primas, produtos naturais e da actividade industrial.

 

Se mudamos a posición do telescopio, ben preto podemos ver a Facultade de Humanidades coas portas abertas para darlle a benvida á estrea deste curso: a titulación en Xestión Cultural. As persoas interesadas na arte e o patrimonio, o cine, a televisión ou os videoxogos, aínda están a tempo para despegar con esta proposta académica, tanto na súa modalidade presencial como na semipresencial.

 

Como última parada neste mapa celestial de vacantes do Campus Terra desprazámonos ata a Escola Universitaria de Relacións Laborais. Neste centro impártese o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, que procura a formación de profesionais no ámbito do traballo e das súas relacións.

 

Viaxar polo ceo está ben, pero facelo pola terra das estrelas aínda é mellor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.