Un monográfico editado pola USC na Revista Lusófona de Educaçâo impulsa políticas de migración e refuxio acaídas á realidade social
O monográfico ‘Migración e refuxio en Europa’, que conta como editores convidados cos profesores da USC María Dolores Fernández Tilve e Gonzalo Francisco Fernández Suárez e publicado no número 37 da Revista Lusófona de Educaçâo, achega un compendio de material científico inédito e valioso para avanzar na proposta de políticas migratorias máis acaídas coas necesidades actuais e para o posible deseño de protocolos de actuación orientados a mellorar a calidade de vida destes colectivos en situación de exclusión social.
Os profesores Fernández Tilve e Fernández Suárez presentaron este venres no edificio de Vicerreitorías do Campus Terra da USC o número 37 da Revista Lusófona de Educaçâo, unha publicación internacional de gran impacto, no que se recolle un monográfico inédito sobre unha temática emerxente e de gran calado social como é a migración e o refuxio en Europa, un risco ao que, segundo Unicef, se enfrontan uns 50 millóns de menores. Este colectivo, que atopa na exclusión social unha das súas principais ameazas, precisa de defensa moral e xurídica para, cando menos e en palabra da profesora María José Aguilar Ibáñez, “colocar o seu sufrimento na axenda política”.
A sensibilización sobre a problemática da migración e o refuxio en Europa e sobre a necesidade de formación técnica en tarefas de prevención e xestión da convivencia, constitúen dúas das pretensións desta publicación, na que un conxunto de especialistas e investigadores ofrecen unha visión multidisciplinar desta realidade social.
O monográfico abre a súa quenda de contribucións científicas co traballo ‘Conflitos armados e fluxos migratorios no Oriente europeo actual’, unha achega na que se ofrece unha panorámica xeral da situación e analiza, desde unha perspectiva didáctica, os principais focos de violencia aínda activos e o seu impacto nos fluxos migratorios. O artigo ‘Migrantes e refuxiados. Apuntes clave para un novo relato’ achega de seguido algunhas das ferramentas conceptuais para interpretar o paradoxo moral da falta de recoñecemento dos dereitos das persoas en busca de refuxio.
A aproximación ao dereito de asilo en España e os servizos de orientación e asesoramento a refuxiados nos casos de España e Portugal, centran outras das cuestións tratadas neste volume monográfico sobre migración e refuxio en Europa, unha publicación coa que se busca transferir á sociedade coñecementos, recursos e novas ferramentas de traballo, algunhas delas de marcado carácter innovador e orientadas a axudar ás mulleres a planificar o seu proceso de integración social e laboral.
O importante cometido da formación e dos procesos educativos á hora de enfrontar a problemática dos fluxos migratorios ocupa o contido de varios dos artigos compilados neste monográfico. Así, cómpre citar o artigo ‘Pedagoxía Sistémica e interculturalidade: Claves para construír un aula inclusiva’, no que se fai unha defensa da escola inclusiva como ferramenta acaída para crear unha sociedade global e aberta. Outra das achegas recollidas neste volume trata sobre a aprendizaxe escolar e a percepción de competencia lingüística en alumnado de orixe inmigrante. Xa como colofón, o monográfico reflexiona sobre a función da escola na migración á hora de inculcar boas prácticas desde as competencias do saber ser e saber estar.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidiu este venres o acto de presentación do monográfico ‘Migración e refuxio en Europa’, unha sesión na que ademais dos editores deste compendio de achegas científicas, tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o deputado provincial Eduardo Vidal Baamonde. A presenza das dúas institucións luguesas neste acto responde á súa implicación e axuda ao financiamento tanto do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa como da publicación deste traballo.