Ir o contido principal

Unha investigación do Campus Terra constata a seroprevalencia de infección por Toxoplasma gondii no gando caprino en Galicia

Una investigación del Campus Terra constata la seroprevalencia de infección por Toxoplasma gondii en el ganado caprino en Galicia
Una investigación del Campus Terra constata la seroprevalencia de infección por Toxoplasma gondii en el ganado caprino en Galicia
A tese de doutoramento que vén de presentar no Campus Terra da USC o veterinario da Asociación de Defensa Sanitaria de Fonsagrada e colaborador externo do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003)...
Lugo

A tese de doutoramento que vén de presentar no Campus Terra da USC o veterinario da Asociación de Defensa Sanitaria de Fonsagrada e colaborador externo do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Juan  Pablo Béjar González, constata que nos rabaños de gando caprino en Galicia existe unha elevada seroprevalencia de infección por Toxoplasma gondii, o que representa un importante problema de saúde pública. De feito, xa está demostrado que o consumo de carne crúa ou pouco cociñada de cabra e doutros ruminantes, especialmente de gando ovino e porcino, constitúe unha fonte potencial para a adquisición de toxoplasmosis humana.

 

A investigación de doutoramento titulada ‘Estudo epidemiolóxico das infeccións parasitarias dos aparatos dixestivo, respiratorio e reprodutor do gando caprino en Galicia’ e desenvolvida na Facultade de Veterinaria de Lugo por Juan Pablo Béjar González baixo a dirección dos profesores doutores Pablo Díaz Fernández, Ceferino López Sández e María Patrocinio Morrondo Pelayo, comproba asemade a existencia dunha elevada porcentaxe de rabaños de gando caprino que padecen infeccións parasitarias que afectan aos aparatos dixestivo, pulmonar e reprodutor das cabras.

 

Béjar González constata asemade na súa tese que os principais factores de risco que inflúen sobre as cifras medias de eliminación da maioría dos parasitos son a presenza de ovellas nos rabaños caprinos. Outra das achegas recollidas nesta investigación de doutoramento vén dada polo feito de que se trata do primeiro estudo no que se comproba que existe unha sinerxía entre as infeccións producidas polos nematodos gastrointestinais e os broncopulmonares.

 

Estudos previos realizados na Cátedra de Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC xa permitiron comprobar que en Galicia concorren as condicións edafoclimáticas idóneas para o desenvolvemento da maioría dos ciclos dos parasitos que afecta aos ruminantes. Aínda así, a diferenza das investigacións anteriores, a tese de doutoramento realizada por Juan Pablo Béjar é pioneira en canto que constitúe o primeiro estudo no marco do que se realiza unha investigación global das principais infeccións de etioloxía parasitaria que afectan ao gando caprino en Galicia.

 

Esta nova contribución científica non é menor, xa que para reducir a prevalencia de infección das infeccións parasitarias e incrementar a produtividade destes animais, é necesario coñecer os diversos factores epidemiolóxicos que poden influír sobre estes procesos parasitarios en zonas concretas, posto que a aplicación de tratamentos antihelmínticos incorrectos e sen base epidemiolóxica son pouco eficaces, moi custosos ao tempo que poden propiciar resistencias antihelmínticas.

 

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de xulgar e avaliar a tese de doutoramento desenvolvida e presentada na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por Juan Pablo Béjar González estivo presidido pola catedrática emérita da Universidade de Zaragoza, Dra. Caridad Sánchez Acedo. O catedrático de Sanidade Animal da USC e coordinador do GR2015/003, Pablo Díez Baños, e o veterinario da ADS Acivo, Miguel Viña Vázquez, que actuou como secretario, completaron o composición do xurado, que outorgou por unanimidade a cualificación de sobresaínte cum laude á tese de Béjar González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.