Veterinaria constata diferenzas sanitarias e nutricionais entre o gando vacún de leite en produción ecolóxica e convencional
A investigación de doutoramento realizada na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC por Inmaculada Orjales Galdo sobre o estado sanitario e nutricional do gando vacún leiteiro en produción ecolóxica do Norte de España constata importantes diferencias respecto do gando das explotacións cun sistema de produción convencional.
A tese que vén de presentar esta veterinaria luguesa e que está dirixida polas profesoras do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Marta I. Miranda Castañón e Marta López-Alonso, encádrase dentro dun ambicioso proxecto de investigación do plan nacional respecto da situación da gandaría ecolóxica de vacún de leite no norte de España, un programa dirixido e liderado pola USC, en colaboración con diferentes centros de investigación e universidades nacionais e internacionais.
O interese da investigación de doutoramento con mención internacional desenvolvida por Orjales Galdo responde, cando menos en parte, á evolución que está a experimentar o sector leiteiro ecolóxico en Galicia, a comunidade autónoma española e unha das rexións europeas con maior produción leiteira, e á crecente demanda de información solicitada por un sector en alza nas rexións da cornixa cantábrica para seguir avanzando. A esta situación engádense as singularidades da normativa ecolóxica europea, que esixe unha serie de puntos que difiren de forma substancial do manexo do gando leiteiro convencional, razón pola que a información coñecida ata o de agora non sempre resulta aplicable.
A restrición no uso de tratamentos no caso dos animais en produción ecolóxica, así como os cambios relacionados cos aspectos nutricionais, fan que o estado sanitario e nutricional sexan os principais puntos críticos polos que os gandeiros están preocupados. Ante esta realidade, coñecer o estado actual do sector leiteiro ecolóxico de España antóllase punto de partida para avanzar na súa mellora. Ademais, o proxecto no marco do que se desenvolveu esta investigación, contempla tamén o intercambio de información cos gandeiros de produción de leite en ecolóxico para darlles a coñecer o estado actual de cada granxa, ademais de ofrecer solucións ós problemas atopados.
Esta investigación de doutoramento con mención internacional está formada por seis capítulos, que deron pé a outras tantas publicacións en revistas científicas de impacto, e nos que se abordan diferentes aspectos do estado sanitario e nutricional do vacún leiteiro en produción ecolóxica, tales como o son a política de tratamentos da granxa, o estado de saúde da ubre e o manexo das infeccións, o estado parasitario, o estado nutricional e o perfil mineral. Ademais a tese compendia un exemplo dos informes técnicos realizados para os gandeiros participantes no proxecto.
A tese de doutoramento ‘Valoración do estado sanitario e nutricional do gando vacún leiteiro en produción ecolóxica do norte de España’ que vén de presentar Inmaculada Orjales Galdo é o resultado dunha investigación que se prolongou varios anos, un período durante o que esta veterinaria, que completou unha estadía na Aarhus University de Dinamarca, gozou primeiro dun contrato predoutoral da Xunta de Galicia, e logo dunha bolsa FPU do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Inmaculada Orjales Galdo estivo formado por tres expertos no ámbito da produción de vacún de leite e da gandería ecolóxica. O profesor do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Joaquim Orlando Lima Cerqueira foi o presidente do tribunal, no que Teresa Moreno López, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), actuou como vogal, mentres que o profesor do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Luis E. Fidalgo Álvarez desenvolveu as funcións de secretario. Os membros do tribunal acordaron por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese de Orjales Galdo.