Ir o contido principal

Premio Extraordinario

As teses de doutoramento defendidas na USC que teñan alcanzado a cualificación de sobresaliente cum laude poderán ser obxecto da mención especial de Premio Extraordinario de Doutoramento na USC.

Premio extraordinario de doutoramento (2019-20)

De acordo co  artigo 47 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, convócanse os premios extraordinarios de doutoramento correspondentes ao curso 2019-20.

Calquera dúbida ou consulta sobre o procedemento débese realizar por correo electrónico, indicando a área de coñecemento que lle corresponde: edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es)

Taboleiro de anuncios da USC:

  • Destinatarios: Doutorandos/as con teses defendidas na USC no curso académico 2019-2020 no período comprendido entre o 1 de setembro de 2019 e o 31 de agosto de 2020.
  • Requisitos: Que a tese fose cualificada polo tribunal como “sobresaliente” e se lle outorgase a mención “cum laude”.

Os solicitantes poderán optar ao premio extraordinario segundo unha das cinco grandes áreas de coñecemento: Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Artes e Humanidades; e Enxeñaría e Arquitectura.

A relación de solicitantes, clasificadas por grandes áreas de coñecemento, que poden optar ao premio extraordinario publicarase xunto coa convocatoria no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC e na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio.

Poderase conceder tantos premios como o resultado de dividir o número total de teses que cumpran os requisitos para optar ao premio extraordinario por cada área de coñecemento entre 8, e redondeando esta cifra ao número enteiro máis próximo.

Prazo de presentación de solicitudes desde 23/09/2021 ata 03/10/2021.

As solicitudes, xunto coa documentación xustificativa asociada, dirixiranse ao director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) e presentaranse a través da sede electrónica da USC neste formulario.

Para poder efectuar a solicitude é necesario a identificación a través dalgún dos seguintes medios: Credenciais da USC, certificados persoais admitidos na plataforma de validación de @firma, certificados incluídos no DNI electrónico, claves concertadas do sistema Cl@ve, ou mediante credenciais de servizos de identificación de terceiros de ampla difusión nas relacións electrónicas.

En ningún caso aceptaranse solicitudes ou documentación xustificativa asociada recibidas por correo electrónico ou mediante empresas de mensaxería.

A efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida na solicitude na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a variación ou actualización posterior dos méritos contidos na solicitude.

Revisadas as solicitudes, a relación provisoria de candidatos presentados xunto coa asignación da grande área á que concorre publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio.

Fronte a relación provisoria poderase interpoñer alegacións polos interesados nun prazo de 10 días naturais. Finalizado este prazo e valoradas, de ser o caso, as alegacións, publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC a relación definitiva de candidatos presentados, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio.

As alegacións poderán presentarse a través da sede electrónica da USC na seguinte ligazón, ou ben naqueles lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, no prazo indicado no anuncio do Taboleiro. 

Fronte á publicación da relación definitiva de candidatos non caberá recurso.

Calquera alegación entenderase contestada coa publicación de cada trámite do procedemento na web da EDIUS da que se fará a pertinente comunicación aos interesados/as.

Durante a realización da solicitude, os interesados deberán subir na sede electrónica a documentación xustificativa dos méritos indicados no Anexo II desta convocatoria, segundo os criterios xerais e específicos establecidos para cada área.

Consideraranse avaliables os méritos relacionados coa tese, que acheguen os candidatos entre as seguintes datas: desde o comezo do traballo doutoral e ata o día da defensa da tese.

Haberá cinco tribunais para a concesión dos premios extraordinarios, un por cada grande área de coñecemento.

O tribunal estará constituído, como mínimo, por tres membros titulares e tres suplentes. Todos eles deberán ter concedido cando menos un sexenio de investigación.

Non poderán formar parte do tribunal

  • Os directores, codirectores ou titores das teses que optan ao premio extraordinario.
  • Aqueles que incorran nas causas de abstención e recusación establecidas na lei 40/2015 do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A Comisión Sectorial en Artes e Humanidades proporá á EDIUS o tribunal correspondente á grande área de Artes e Humanidades.

A Comisión Sectorial en Ciencias e Enxeñarías proporá á EDIUS dous tribunais, o correspondente á grande área de Ciencias e o correspondente á grande área de Enxeñaría e Arquitectura.

A Comisión Sectorial en Ciencias da Saúde proporá á EDIUS o tribunal correspondente á grande área en Ciencias da Saúde.

A Comisión Sectorial en Ciencias Sociais e Xurídicas proporá á EDIUS o tribunal correspondente á grande área de Ciencias Sociais e Xurídicas .

A EDIUS, á proposta da Comisión Sectorial correspondente, nomeará os tribunais encargados de elaborar a proposta de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento. O nomeamento publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio.

Os membros do tribunal nomeados deberán asinar un documento de conformidade de que cumpren cos requisitos para formar parte deste.

O tribunal avaliará os méritos outorgando a cada un dos candidatos unha cualificación final de acordo cos criterios específicos de puntuación que determine, tendo en conta os criterios xerais establecidos no Anexo II da convocatoria e aprobados pola correspondente Sección Sectorial.

Procedemento

O presidente do tribunal, no prazo de 20 días naturais, desde o nomeamento, fará a convocatoria da sesión do tribunal.

O presidente do tribunal convocará a todos os membros a unha xuntanza na que se acordarán os criterios específicos de puntuación. O tribunal emitirá unha Acta de Constitución e a Acta de Sesión na que se valorarán os méritos presentados polos participantes.

Na seguinte sesión, o tribunal valorará os méritos presentados polos participantes, e emitirá unha Acta de Sesión que incluirá as puntuacións provisorias obtidas polos solicitantes, desagregadas segundo os distintos apartados da convocatoria, así como unha proposta provisoria de concesión, que resolverá por maioría. A proposta axustarase ao número máximo establecido por área. O tribunal poderá propor que as mencións do premio queden desertas, total ou parcialmente.

As puntuacións provisorias obtidas polos solicitantes e a proposta provisoria de concesión publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio. Os interesados disporán dun prazo de 10 días naturais para efectuar alegacións ás súas puntuacións provisorias, fronte aos tribunais. Estas alegacións serán presentadas da mesma forma que o establecido no punto 3 desta convocatoria.

Os tribunais, no prazo de 20 días naturais desde a data de fin do prazo de entrega das alegacións, reunirase para valorar as alegacións recibidas, de ser o caso, e para realizar unha proposta definitiva de concesión dos premios extraordinarios. O tribunal emitirá unha Acta de Sesión, na que se dará conta, entre outras cuestións, das alegacións recibidas e das respostas dadas a estas.

Os acordos dos tribunais coa proposta definitiva de concesión publicarase no Taboleiro Electrónico de Anuncios da USC, e na páxina web da EDIUS estará dispoñible o enlace ao devandito anuncio. Os interesados/as entenderán contestadas as súas alegacións con esta publicación da que se fará a pertinente comunicación.

A EDIUS, a través da Comisión Executiva, unha vez revisada toda a documentación, elevará a proposta definitiva ao Consello de Goberno que resolverá a convocatoria.

O acordo de resolución do Consello de Goberno de concesión destes premios publicarase no Taboleiro de Anuncios Electrónico da USC e tamén na páxina web da EDIUS.

Contra este acordo de resolución do Consello de Goberno, os interesados poderán presentar recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano, no prazo dun mes, Desde a súa publicación.

O Servizo de Xestión Académica, unha vez notificado o acordo de resolución pola Secretaría Xeral da USC, será o encargado de notificar ao interesado a concesión definitiva e de incorporalo no seu expediente, así como de tramitar a devolución dos prezos públicos pagados para a expedición do título de doutor.

Contra a presente convocatoria poderá interpoñerse recurso de alzada perante o reitor da USC, no prazo dun mes desde o día seguinte da súa publicación na sede electrónica da USC.

Documentación. Convocatoria 2018-19