A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago é consciente da importancia que ten a calidade no contexto universitario para garantir programas formativos que respondan ás demandas de excelencia neste ámbito.
Tomando como referencia a política de calidade da USC (enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico), a Facultade elaborou a súa propia política, marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos avalados por unha formación da máxima calidade, integrados nunha oferta de estudos adaptada ás necesidades do tecido empresarial e da sociedade en xeral.
Misión
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela ten como misión a transmisión e difusión do coñecemento de forma socialmente responsable, coa finalidade de formar futuros profesionais con sólidos coñecementos teóricos e prácticos, capaces de xestionar todo tipo de empresas (públicas, privadas, industriais ou de servizos), satisfacendo as necesidades do mercado laboral neste ámbito e comprometéndose co desenvolvemento socioeconómico sostible mediante programas de ensino de calidade.
Así mesmo, é unha facultade comprometida coa investigación para mellorar a comprensión da realidade económica e favorecer o progreso da sociedade.
Visión
Manter un firme compromiso coa formación da máxima calidade, ofrecendo unha oferta de estudos adaptada ás necesidades do tecido empresarial e da sociedade en xeral.
Establecer vínculos de colaboración co mundo empresarial co obxectivo de mellorar a formación académica do alumnado e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
Promover unha investigación orientada á transmisión do coñecemento para mellorar o desenvolvemento económico e social da nosa contorna.
Valores
-
Promoción dun entorno de traballo respectuoso co persoal da Facultade.
-
Desenvolvemento do traballo con responsabilidade.
-
Respecto aos dereitos de todas as persoas e, en particular, do noso alumnado e do persoal docente e de servizos.
-
Busca permanente da excelencia en todas as actividades do centro.
-
Compromiso coa transparencia, a eficiencia e a eficacia na xestión dos recursos.
-
Compromiso cunha xestión baseada no diálogo, a participación, a confianza e a responsabilidade compartida.
-
Compromiso cun desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente.
-
Compromiso coa transferencia do coñecemento á sociedade como contribución ao desenvolvemento social e económico de Galicia.
-
Promoción do traballo en equipo e baseado en proxectos.
-
Contacto continuo co tecido empresarial máis próximo.
-
Compromiso de servizo á sociedade.
-
Impulso á igualdade de xénero na Facultade e eliminación de todo comportamento discriminatorio.
Obxectivos
Os obxectivos establecidos dentro do plan estratéxico da Facultade son os seguintes:
-
Fomentar a participación dos grupos de interese nas estruturas de decisión para aproveitar o coñecemento e a experiencia dos distintos colectivos universitarios e asesorar na toma de decisións da Facultade.
-
Fortalecer a relación cos departamentos que imparten docencia na Facultade para mellorar os mecanismos de coordinación e aumentar a eficacia na xestión.
-
Elaborar unha oferta de grao e posgrao axustada á realidade e ás necesidades da contorna, adaptándoa ao mundo empresarial e social para ser máis competitivos.
-
Coordenar as materias impartidas nas titulacións da Facultade para garantir unha formación de calidade e adaptada ás necesidades do alumnado.
-
Incrementar o compromiso da Facultade coa transferencia de coñecemento cara á súa contorna, dado que a relación co tecido empresarial resulta clave para aproveitar sinerxías.
-
Definir un plan de formación en empresa e competencia dixital centrado en levar a tecnoloxía dixital ás empresas, axudando así a preparar profesionais capaces de satisfacer as necesidades do mercado laboral e contribuír ao crecemento e á innovación empresarial.
-
Aumentar a participación do PDI nas actividades do centro, xa que tamén é a súa responsabilidade colaborar ou participar en actividades organizadas pola Facultade, como a asistencia a Xuntas, comisións, conferencias, obradoiros, seminarios ou campus de verán.
-
Mellorar a excelencia do PDI en docencia e investigación mediante a súa implicación nun proceso continuo de aprendizaxe e innovación.
-
Garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, procurando que a Facultade sexa un espazo de igualdade.
-
Crear un plan de comunicación interna e externa da Facultade para mellorar a súa visibilidade e reputación, promover a súa misión e valores, e fortalecer o seu compromiso coa comunidade académica e coa contorna. Unha comunicación efectiva pode axudar a atraer e reter estudantes, fomentar a colaboración e a innovación, e asegurar que todos os membros da comunidade universitaria estean informados e comprometidos cos obxectivos e iniciativas da Facultade.
-
Potenciar a visibilidade das actividades realizadas pola Facultade en diferentes canles de comunicación para atraer un maior número de estudantes potenciais, xerar un maior sentido de comunidade entre os actuais e fortalecer as relacións con antigos alumnos e outros grupos de interese.
-
Reducir o consumo enerxético, mellorando a eficiencia das instalacións.
Compromiso de calidade
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas é consciente da importancia que ten a calidade no contexto universitario para garantir programas formativos que respondan ás demandas de excelencia neste ámbito.
Tomando como referencia a política de calidade da USC (enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico), a Facultade elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos avalados por unha xestión de calidade como elemento clave e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos seus grupos de interese.
A Facultade aspira a ser recoñecida no contexto universitario e social por desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis axeitada preparación para o seu alumnado, que respondan ás demandas do mercado laboral, tecnolóxico e investigador, que aseguren condicións de desenvolvemento profesional adecuadas para o seu persoal docente, investigador e de servizos, e que rendan contas do uso e optimización dos seus recursos.
A Facultade dirixe os seus esforzos cara á plena satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e, para iso, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos ao seu dispor, sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.
Por todo iso, a Facultade adquire o firme compromiso de garantir a calidade e establece a súa política baixo os seguintes principios:
-
Responsabilidade: ofrecer unha formación orientada á excelencia, garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral.
-
Integración, participación e igualdade: a Facultade establece como un dos principios clave da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade a través das vías establecidas, garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
-
Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao estudante, entendido como o principal receptor do mesmo.
-
Excelencia: o traballo da Facultade realízase coa meta de acadar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as máis recoñecidas Escolas e Facultades.
-
Transparencia: a Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia dos seus resultados e na súa difusión aos grupos de interese.