Ir o contido principal

Historia

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas é un dos centros de ensino superior con maior tradición na nosa cidade. Con máis de 50 anos de percorrido, teñen sido moitas as promocións de peritos mercantís, diplomados en ciencias empresarias, e licenciados e graduados en administración e dirección de empresas que teñen pasado polas nosas aulas. A recente implantación do Grao en Empresa e Tecnoloxía non fai senón reforzar o carácter estratéxico da Facultade no campus lucense.

Antiga sede da EU de Estudos Empresariais na rúa Armando Durán

O xerme da Facultade de Administración e Dirección de Empresas foi a Escola Pericial de Comercio de Lugo. Este Centro foi creado no ano 1945 co mecenado da Deputación Provincial de Lugo. Impartíronse nel inicialmente os estudos de Peritaxe Mercantil e foron catro as sedes polas que pasou: o antigo Casino de Lugo, a rúa Quiroga Ballesteros, a Deputación Provincial de Lugo e, por último, a rúa Armando Durán. No curso 1977-78 comezaron a impartirse os estudos da Diplomatura en Ciencias Empresariais, e no curso seguinte, 1978-79, tivo lugar a integración definitiva da Escola Pericial de Comercio de Lugo na Universidade de Santiago de Compostela, dando lugar á Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Lugo.

Foi no curso 1995-96 cando tivo lugar o traslado da EU de Estudos Empresariais na rúa Armando Durán ao edificio que é a sede actual da Facultade de ADE na avenida de Alfonso X o Sabio, dentro xa do Campus Universitario de Lugo. Este edificio compartírono inicialmente a EU de Estudos Empresariais e a Sección Delegada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Lugo. A Sección Delegada creouse nese mesmo ano académico co principal obxectivo de impartir os estudos de segundo ciclo da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas.

Por último, e como consecuencia do Decreto 298/2001 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de novembro, creouse a Facultade de Administración e Dirección de Empresas pola unión da Escola Universitaria de Estudos Empresariais e da Sección Delegada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Lugo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2021.