Ir o contido principal

Prácticas

As prácticas académicas externas son unha actividade formativa que ten por obxectivo permitir aos alumnos e alumnas aplicar e complementar os coñecementos adquiridos na súa formación académica.

O plan de estudos do Grao en ADE contempla, con carácter optativo, a realización de prácticas externas. Estas prácticas teñen carácter curricular e unha duración de 150 horas (6 créditos). Opcionalmente, se a entidade e o estudante están de acordo, pódese ampliar a duración, pero estas prácticas xa serían extracurriculares e non formarían parte do plan de estudos, aínda que si figurarían no expediente e no Suplemento Europeo ao Título (SET).

A convocatoria das prácticas curriculares do Grao en ADE está programada para o mes de febreiro e a súa realización efectiva para o período comprendido entre os meses de abril e agosto. O estudante deberá solicitar por orde de preferencia as prazas ofertadas, sendo o criterio de asignación o expediente académico. Así mesmo, o estudante que propicie  a sinatura dun novo convenio de prácticas cunha determinada entidade terá dereito preferente a realizalas nela.

O plan de estudos do Grao en Empresa e Tecnoloxía contempla con carácter obrigatorio a realización de prácticas externas. A súa realización permitirá ao estudante aplicar a formación académica obtida nas aulas á realidade empresarial, colaborando coa entidade asignada no desenvolvemento de  ideas de negocio ou novos proxectos, axudando na súa transformación dixital ou desempeñando labores de xestión.  

Na primeira edición do plan (en extinción) a duración das prácticas é de 412,5 horas (16,5 ECTS) e na segunda de 300 horas (12 ECTS). As prácticas están programadas no 2º semestre do 4º curso e o estudante deberá solicitar por orde de preferencia as prazas ofertadas, sendo o criterio de asignación o expediente académico. Así mesmo, o estudante que propicie  a sinatura dun novo convenio de prácticas cunha determinada entidade terá dereito preferente a realizalas nela. 

A Facultade ten asinados numerosos convenios para a realización de prácticas e está xestionando novos acordos con empresas con base fundamentalmente tecnolóxica para reforzar así a cobertura dun dos perfís propios da titulación.

O Máster en Dirección de Empresas que se imparte na Facultade de ADE ten dúas orientacións curriculares: académica e profesional. Na orientación profesional é obrigatorio realizar 13,5 créditos de prácticas externas cunha duración de 337,5 horas, das que 330 corresponden á formación na entidade e 7,5 á elaboración da memoria das prácticas. Opcionalmente, se a entidade e o estudante están de acordo, pódese ampliar a duración, pero estas prácticas xa serían extracurriculares e non formarían parte do plan de estudos, aínda que si que figurarían no expediente e no Suplemento Europeo ao Título (SET).

A convocatoria das prácticas curriculares do Máster en Dirección de Empresas está programada para o mes de febreiro, e a súa realización efectiva, para o período comprendido entre os meses de febreiro e xuño. O estudante deberá solicitar por orde de preferencia as prazas ofertadas, sendo o criterio de asignación o expediente académico do Máster. Así mesmo, o estudante que propicie  a sinatura dun novo convenio de prácticas cunha determinada entidade terá dereito preferente a realizalas nela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2024.