100 Anos de estudos de Historia
1. OBXECTO E FINALIDADE DA CONVOCATORIA
Os estudos de Historia da Universidade de Santiago de Compostela constitúense como unha especialidade de seu no curso académico 1921-22, sendo reitor Luis Blanco Rivero. Co paso dos anos, estableceranse departamentos específicos para as áreas de Historia, Historia da Arte e Xeografía, ata configurar a actual Facultade de Xeografía e Historia, con esta denominación desde o ano 1975.
De cara á celebración deste centenario, o Equipo decanal da Facultade de Xeografía e Historia está a organizar a conmemoración cunha serie de actividades, desde traballos de investigación a eventos de divulgación. Dentro deste programa, convócase un concurso para o deseño do logotipo da conmemoración a través dunha chamada a proxecto, mediante a cal se seleccionará á persoa profesional ou á empresa do sector que realizará o deseño do logotipo, nas versións positivo e negativo, e as aplicacións: papel de carta, sinatura de correo electrónico e banner para páxina web da USC, no espazo da Facultade de Xeografía e Historia.
O prezo por realizar a proposta gráfica será de 650€ + IVE (retención do 15% do IRPF).
A data límite para o envío da candidatura, que será a través de correo electrónico, é o día 17 de xuño de 2021 ás 14:00h.
2. REQUISITOS DAS PERSOAS OU EMPRESAS PARTICIPANTES
Poderán presentarse á convocatoria os/as profesionais, empresas ou unión de empresas do sector do deseño, con personalidade física ou xurídica. No momento de formalizar o contrato terán que demostrar que están dados de alta no IAE e ao corrente das obrigas pertinentes da Seguridade Social.
Non poderán participar na convocatoria as persoas ou empresas que, cumprindo os requisitos específicos de participación, estean incursas nalgunha das causas de prohibición para contratar previstas no artigo 71 e concordantes da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.
3. FORMA E PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS
As persoas ou empresas interesadas en participar deberán presentar unha candidatura, aportando a seguinte documentación en tres arquivos PDF diferenciados:
- Carpeta ou book de traballos, que inclúan un máximo de 8 deseños realizados pola persoa ou empresa, preferiblemente relacionados co obxecto deste encargo
- Currículo persoal ou acreditación profesional semellante da empresa
- Certificado de estar ao corrente do pago na AEAT
A documentación deberá presentarse en formato dixital (PDF) e será enviada ao enderezo electrónico: zhisdeca [at] usc.es (zhisdeca[at]usc[dot]es), indicando no asunto da mensaxe “Chamada a proxecto 100 anos de Historia”. Darase acuse de recibo da documentación recibida.
O prazo para o envío de candidaturas comezará o mesmo día da publicación desta convocatoria e rematará o 17 de xuño de 2021 ás 14:00h.
4. COMPOSICIÓN DO COMITÉ DE SELECCIÓN
O Comité de selección estará formado por:
Presidente:
- Ramón Villares Paz (Departamento de Historia, coordinador da Comisión para o centenario dos Estudos de Historia da USC)
Vogais:
- Mª Ánxeles Piñeiro Antelo (Departamento de Xeografía, USC)
- Miguel Anxo Rodríguez González (Departamento de Historia da Arte, USC)
- Mercedes López-Mayán (IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas, de Oleiros)
- Uqui Permui (deseñadora, socia da DAG e presidenta de READ. Profesora de Deseño na Facultade de CC. da Comunicación da USC)
Secretaría:
- Carme López Calderón (Departamento de Historia da Arte).
Ningunha persoa que forme parte do Comité de selección poderá ter relación directa ou coas candidaturas presentadas.
5. ACTUACIÓN DO COMITÉ DE SELECCIÓN, CRITERIOS DE AVALIACIÓN E RESOLUCIÓN
Tras a constitución do Comité, levantarase acta das súas decisións. Comprobarase en primeiro lugar que todas as candidaturas presentadas cumpran coas condicións establecidas nestas bases. Despois de valorar tanto a calidade gráfica dos traballos presentados como o currículo, procederase ás deliberacións.
Seleccionarase, entre as candidaturas, aquela que o Comité considere que teña máis calidade e sexa máis axeitada para a realización do traballo. Os criterios a aplicar serán:
- Calidade dos traballos presentados
- Orixinalidade e creatividade
- Experiencia en proxectos semellantes
Cando a convocatoria se resolva, o Comité de selección chamará á persoa ou empresa seleccionada para unha reunión informativa na que se proporcionará o briefing para a realización do logotipo. Do mesmo xeito, indicaranse as datas de entrega e a forma de pagamento. A resolución do Comité de selección farase publica na páxina web da Facultade de Xeografía e Historia da USC (https://www.usc.es/gl/centro/facultade-xeografia-historia) e no taboleiro de anuncios, ademais de ser comunicada directamente á persoa ou empresa elixida.
A persoa ou empresa seleccionada polo Comité formalizará un contrato que se axustará ás normas para a contratación pública. O comité de selección poderá declarar deserta a convocatoria se o considera oportuno.
Calquera modificación ou corrección do deseño inicial deberá ser acordada previamente entre as partes.
6. PROCESO DE CONVOCATORIA
A chamada a proxecto desenvolverase nas seguintes fases:
Publicación da convocatoria e as bases, e inicio do período de recepción de candidaturas: 20 de maio de 2021
Prazo límite do envío de candidaturas: ata o 17 de xuño, ás 14:00 h
Reunión do Comité de selección: 18 de xuño
Publicación da resolución do Comité: 18 de xuño (publicitarase na web da Facultade de Xeografía e Historia e no Taboleiro de anuncios)
Reunión co/a candidato/a: 23 de xuño
Presentación da proposta do logotipo e das tres aplicacións: 16 de xullo de 2021
A participación na convocatoria implica a aceptación destas bases.