Carlos Herrero: «O desenvolvemento do sector primario en Galicia pasa por elaborar produtos de calidade»

No eido alimentario e gastronómico, Galicia conta na actualidade con 37 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Un dato que, situado no contexto de transformación socioeconómica que está a vivir o noso territorio, pon de manifesto a importancia que ten a excelencia alimentaria para o sector primario do país.
Do mesmo xeito, a ciencia xoga un papel determinante na consolidación, verificación e validación destas distincións alimentarias tan valiosas para o conxunto da poboación. Algo do que Carlos Herrero Latorre pode falar por extenso.
Co-fundador da empresa AMSLab, catedrático de Química Analítica no Campus Terra e, durante case unha década, Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, entre outras moitas cousas... A súa traxectoria profesional non podería ser máis transversal e multidisciplinar, calidades extraordinariamente valoradas nos tempos que corren.
Hoxe convidámosvos a ler as súas reflexións sobre o interesante universo da química analítica, a súa relación co sector primario galego, a súa faceta de emprendedor ou os retos aos que se enfrontarán as universidades coa chegada de tecnoloxías disruptivas.
-A súa traxectoria dentro do universo da química analítica comezou na Universidade de Santiago de Compostela. Que o levou a especializarse neste campo e como evolucionou o seu traballo desde entón?
-En segundo de carreira tiven unha materia de química analítica que me chamou moito a atención. Podemos dicir que foi dende ese momento no que me decidín por explorar este eido e convertelo no meu campo de especialización.
Efectivamente, esta é unha disciplina que ten evolucionado moito nos últimos anos, por así dicilo. Hai dous ou tres grandes fitos na historia da química xeral, pero tamén na historia da química analítica, que me gustaría destacar.
O primeiro é cando a alquimia pasou a ser química con todas as súas letras, a finais do século XVIII con Lavoisier, considerado o pai da química moderna. Nese momento introdúcese realmente o concepto de medida na química: comezamos a pesar e calcular cantidades, dándolle unha dimensión medible a este eido.
A segunda gran evolución ou revolución foi o desenvolvemento de nova instrumentación trala Segunda Guerra Mundial, aplicable á química ordinaria. E finalmente, o terceiro fito tiven a sorte de vivilo en primeira persoa. Aconteceu nos anos 70 e 80, e foi a incorporación de ordenadores aos instrumentos químicos. Isto permitiu o seu control, a análise dos resultados e o manexo dunha cantidade inxente de datos, co fin último de extraer información útil.
A incorporación dos sistemas informáticos, ademais, permitiunos traballar en modo multivariable. É dicir, antes traballábase en variable: medíase unha única cousa e punto. Agora, tanto na análise química como na análise de resultados ou a análise matemática, as técnicas cromatográficas permítennos determinar un conxunto moi grande de substancias distintas na mesma mostra, obtendo unha gran cantidade de datos en pouco tempo.
Esta é, a grandes liñas, a evolución da química até o momento actual. De feito, semella que o cuarto fito histórico está a piques de acontecer: a consolidación da intelixencia artificial na química analítica. Por exemplo, algo que parece prometedor para este campo, e que leva un tempo en marcha, son as redes neuronais.
-Vostede ten publicado decenas de artigos en revistas de recoñecido prestixio. Cales considera que foron as súas principais achegas ao campo da química analítica? Hai algunha investigación ou aportación que lle teña feito especial ilusión?
-Eu diría que hai tres liñas nas que desenvolvemos a maior parte da nosa investigación. A primeira é a caracterización de produtos agroalimentarios de calidade. Temos traballado con viño, mel, carne, leite... Practicamente con tódolos produtos galegos que teñen un selo de calidade. Por que? Porque entendiamos que o desenvolvemento do sector primario en Galicia pasa por elaborar produtos de calidade.
Nós, en moitos casos, non podemos competir en cantidade. Polo tanto, tivemos claro dende o principio que hai que competir en calidade, e para competir en calidade hai que tipificar o produto. Hai que ter sistemas baseados en ferramentas non subxectivas, en ferramentas medibles que permitan identificar, sen ningún lugar a dúbidas, se un determinado produto é ou non é dunha denominación de orixe ou se cumpre ou non cumpre cos requisitos de dita denominación, por exemplo.
Entón, esta é unha primeira liña coa que de verdade estou moi contento, xa que nos permitiu colaborar directamente con moitas empresas clave para a economía galega.
O segundo elemento que me gustaría destacar é a utilización que fixemos ao longo da nosa traxectoria da quimiometría. A quimiometría é, de forma moi resumida, o uso de técnicas matemáticas, estatísticas e de lóxica formal aplicada a datos químicos para extraer información de moitos tipos.
A quimiometría era unha disciplina que estaba realmente nacendo cando rematei a carreira, no ano 84. De feito, cando comecei coa miña tese, ninguén se dedicaba á quimiometría na Universidade de Santiago de Compostela: fun, por así dicilo, un dos primeiros que comezou a traballar con estas ferramentas na USC.
Por último, quería determe no que eu considero a nosa terceira achega máis importante: o uso da nanotecnoloxía. A raíz dunha charla impartida polo catedrático de química analítica da Universidade de Córdoba, Miguel Valcárcel, fixemos unha tímida incursión no mundo da nanotecnoloxía. Anos máis tarde, estabamos a traballar profusamente con nanotubos de carbono, os cales utilizamos como sistemas de preconcentración e separación de metais. Ata o momento, os nosos artigos máis citados teñen que ver precisamente con este eido.

-Como comentaba vostede anteriormente, o seu traballo abordou a análise de alimentos, a clasificación de meles e viños, e a detección de residuos. Como e en que medida contribuíu a química analítica a garantir a calidade e autenticidade dos alimentos?
-Nós, precisamente, desenvolvemos metodoloxías para identificar a orixe dun determinado produto e verificar o seu cumprimento cos criterios dun selo de calidade, o que veu acompañado tamén dun traballo coas propias empresas e os propios produtores.
Gústame moito poñer sempre un exemplo, que foi, creo eu, o primeiro dos sectores que verdadeiramente apostou pola calidade, que é o viño de Galicia. Agora prodúcense viños de alta calidade, alto prezo e cun alto valor engadido que, ao final, é do que se trata.
O sector do viño tivo a valentía de tomar certas medidas e realizar certas accións de gran importancia. Primeiramente, creron en que había que apostar pola calidade e non pola cantidade; polo valor engadido e non por outro tipo de factores que ao final do día non aportaban nada ao propio produto.
Tamén apostaron pola incorporación da ciencia e da técnica nos procesos produtivos e de elaboración. Hoxe en día, a cantidade de persoas de alta formación que forman parte do sector vitivinícola galego é moi importante: hai unha gran formación dende o punto de vista vitícola, enolóxico e comercial.
Do mesmo xeito, o mel fixo un percorrido similar. O queixo tamén está nese mesmo proceso con multitude de denominacións de orixe que están producindo un queixo de calidade. Estase, en definitiva, apostando polo valor engadido, pola tecnoloxía, polo coñecemento no proceso de produción... A carne, pola súa parte, como a tenreira galega, é xa unha marca perfectamente coñecida. Entras nun supermercado en calquera parte da península e atópala cunha rastrexabilidade magnífica, ademais.
No sector primario galego non queda outra, é a forma que temos de poder competir cos nosos produtos. Non son unicamente bos e de calidade, son, ademais, moi típicos, son distintos. Esa tipicidade, acompañada da calidade, é o que vai permitir que o sector primario continúe funcionando da maneira en que o fai hoxe. Cando as cousas están ben feitas e o produto está ben feito, o produto ten éxito e véndese.
De tódolos xeitos, hai un problema, que é, evidentemente, o envellecemento da poboación no rural. Temos que comezar a deseñar sistemas que favorezan o retorno desta xuventude tan preparada para liderar este tipo de empresas. Que son empresas con moito éxito hoxe en día, pero que precisa un recambio importante.
-Antes falaba vostede sobre a aplicación de nanotubos de carbono na extracción en fase sólida. Que vantaxes ofrecen estes materiais e que aplicacións prácticas teñen na análise química?
-Os nanotubos de carbono non son máis que tubos cilíndricos de carbono, feitos exclusivamente de carbono, que teñen un tamaño nanométrico. Aínda que parezan simples, posúen unhas propiedades extraordinariamente atractivas.
Son moi duros, moi resistentes á oxidación e á temperatura. É dicir, son unha matriz moi difícil de atacar dende o punto de vista químico, difícil de degradar, aínda que é posible modificar a parede do nanotubo para dotalo de certas propiedades.
Os nanotubos teñen, ademais, moitas aplicacións, incluso en industrias alleas á química. Teñen aplicacións tan interesantes como reforzar a resistencia dos materiais como se pode ver, por exemplo, nas raquetas de tenis de alto nivel ou nas táboas de surf.
Por outra parte, centrándonos exclusivamente no meu campo, a química analítica, podemos destacar diversos usos. En electroquímica, na que se traballa con eléctrodos selectivos (aqueles que se somerxen nun determinado tipo de mostra e permiten determinar a concentración dun determinado analito), os nanotubos de carbono teñen unha grande utilidade, xa que poden ser funcionalizados para que traballen cun determinado tipo de analito e non con outros.
Nós temos utilizado estes nanotubos como sistemas de concentración. Engadindo o nanotubo nunha determinada mostra, o analito introdúcese no propio nanotubo. Despois, este é secuestrado, xa que é moi sinxelo separalo do resto da mostra (sobre todo se lle conferimos propiedades magnéticas), e con el vai o analito en cuestión. Polo tanto, introducimos nunha mostra complexa un sistema que vai reaccionar e extraer o analito de interese.
Esta tecnoloxía utilizámola moito para determinar a presenza de metais en mostras como augas residuais ou augas provenientes de determinado tipo de industrias, como a téxtil.
-É dicir, esta tecnoloxía ten un gran potencial para determinar niveis de toxicidade, non?
-Exacto. Ademais, tamén se utiliza para extraer contaminantes do medio ambiente, xa que os nanotubos de carbono teñen a capacidade de secuestralos. Tamén hai que sinalar que, polo de agora, esta é unha tecnoloxía cara e da que, ademais, aínda non se coñece ben cal é o seu papel medioambiental en cuestións de persistencia. Son materiais dificilmente biodegradables, polo que é necesario comezar a considerar o uso deste tipo de substancias de xeito masivo.
Sen dúbida, trátase dun campo de traballo moi interesante, no que aínda queda moito por facer.

-Cambiando un pouco de terzo, vostede foi fundador de AmsLab, unha empresa de espectrometría de masas aplicada. Como xurdiu esta iniciativa e que papel xoga a transferencia tecnolóxica na investigación científica?
-A idea de poñer en marcha este proxecto xurdiu, aló polo ano 2008, en colaboración con outros dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela e co que máis tarde foi o xerente de AmsLab, Manuel Lolo, que foi alumno meu de química analítica.
Empezamos, entón, tres socios da Universidade mais outros dous socios doutra empresa, o xerente e a súa muller, e unha participación tamén dunha empresa de capital de risco galega, UNIRISCO. Entre todos aportamos o capital necesario para botar a andar o proxecto e comezamos con 3 empregados no cadro de persoal. Cando eu abandonei a empresa, no ano 2014, xa contabamos con 60 empregados. Foi o que se chama unha empresa gacela, de crecemento moi rápido.
E realmente foi unha aventura na que aprendemos moito. Primeiro, porque o profesorado universitario que participamos sabiamos de química, pero non de negocios. A xestión diaria dunha empresa era algo que non entraba na nosa formación, e foi algo que fomos interiorizando pouco a pouco dende que comezamos no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello de Lugo.
Cando a empresa comezou a despegar, comezamos a prestar servizos de análise especializada sobre todo á industria farmacéutica. De tódolos xeitos, tivemos que buscar outras alternativas e centrámonos nos eidos alimentarios e medioambientais, por unha parte, e no téxtil por outra. Esta diversificación tamén se traduciu na diversificación do persoal contratado: comezaron a crearse departamentos e precisabamos, como é lóxico, xente que soubera de xestión de persoal, de economía, etc.
De feito, ter tantos empregados dentro de tantos sectores distintos dentro da propia empresa era unha clara mostra da importancia da transferencia de coñecemento e de tecnoloxía. AMSLab tivo éxito, precisamente, porque manexaba unha serie de tecnoloxías que o resto de empresas de análise non utilizaban. A nosa empresa podía dar resposta a retos que outras da competencia non podían.
En definitiva, foi unha aventura, como comentaba antes, na que aprendín moito a nivel persoal, e que resultou ser moi satisfactoria. Poder chegar á conclusión de que hai 60 familias que traballan e se desenvolven grazas a unha iniciativa como esta, e que están satisfeitos co seu traballo grazas ao bo ambiente xerado é moi satisfactorio, non?
Creo que é interesante o feito de que, en moitas ocasións non nos atrevemos a dar o paso. O medo ao fracaso na nosa sociedade está moi acentuado, mentres que noutros lugares non lles importa fracasar e volverse a levantar. E resulta que á terceira ou á cuarta é cando dan coa idea máxica. Entón, eu creo que hai que arriscar, aínda que ás veces poida saír mal.
Ademais, hoxe en día hai moitas ferramentas que antes non había, como os sistemas de financiamento da innovación. Hai que aproveitalas, sen dúbida.
-Ao fío desta cuestión, queriamos preguntarlle sobre os cargos académicos e de xestión na USC de gran relevancia que destacan na súa traxectoria profesional. Que desafíos enfronta desde o seu punto de vista a universidade nesta era?
-Creo que hai varias cuestións que si podemos comentar, algunas sobre a universidade en xeral, outras relacionadas coa Universidade de Santiago de Compostela en concreto e outras sobre o propio campus.
Con respecto das universidades en xeral, creo que debemos comezar a formular cómo vai a ser a formación que teremos que impartir coa explosión da intelixencia artificial. A IA vai a entrar na ensinaza e vai modificar dalgunha forma a maneira de ensinar. Claramente non vai substituir ao profesorado, pero si que vai modificar o paradigma actual.
Tamén hai que reflexionar, con respecto á estratexia docente, sobre cal vai ser a oferta de títulos das universidades nunha sociedade tan cambiante, tan tecnolóxica. Nunha sociedade, en definitiva, con novas ideas dende o punto de vista da xestión deste conxunto socioeconómico.
Polo tanto, haberá titulacións que desaparezan e aparecerán outras novas titulacións, probablemente moitas delas relacionadas con este mundo dixital, da informática e da intelixencia artificial.
Por outra banda e xa centrándonos na nosa universidade, a USC afronta, ademais, outra serie de retos, como a consolidación da súa posición dentro do sistema universitario español e do sistema universitario galego. A USC ten sido a universidade líder dentro do sistema universitario galego, pero neste momento temos un cadro de persoal que poderiamos definir como “envellecido”. É imprescindible rexuvenecer con savia nova e ideas novas a institución, captando talento novo.
A Universidade ten que seguir nesa liña de investigación de calidade, de boa docencia e de acreditación das titulacións, tamén en sectores como o primario. É preciso ofertar un produto de calidade e atractivo para o alumnado, outro dos maiores retos aos que se enfronta a USC. Por cuestións xeográficas e demográficas, a nosa universidade teno máis complicado para a captación de estudantado.
Por iso, grazas á calidade das nosas titulacións, sendo alguhas bandeira a nivel incluso europeo, como veterinaria, atraemos alumnado de tódolos recunchos do mundo. Esa é, ao meu parecer, a maneira adecuada de traballar.
E por último, respecto ao noso campus, a proposta do Campus Terra paréceme unha aposta intelixente. Dende o seu nacemento, sempre se especializou en todos aqueles estudos relacionados co sector primario: Veterinaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, etc.
Polo tanto, o perfil deste campus é un perfil do máis adecuado. Por exemplo, en relación ao seu tamaño, é dos campus de Galicia con maior transferencia, grazas a unha relación moi fluída coas empresas da contorna.
Paga moito a pena desenvolvelo, invertir nel e ter o respaldo da propia USC neste obxectivo, porque o de Lugo é un dos campus que maior número de profesionais pode producir para o desenvolvemento socioeconómico galego. Todas as formacións son importantes, por suposto, pero Galicia non se entende sen o sector primario.
Entón, poder fomentar a economía local e pular por un desenvolvemento económico sostible mediante a investigación e o traballo é moi gratificante. Ao final do día, o que intenta o Campus Terra é mellorar tamén a calidade de vida da poboación galega e da rural en especial.