Tomás Cuesta: «A auga rexenerada representa un futuro moi prometedor»
O historiador tudense, Leopoldo Martínez Padín, dicía hai dous séculos que “as augas de rega eran unha das causas máis comúns da conflitividade rural en Galicia“. Algo que, a día de hoxe pode resultar estraño se temos en conta a gran abundancia de recursos hídricos que caracteriza o noso territorio.
Porén, esta é unha realidade sustentada historicamente no déficit de augas de rega durante a tempada estival, así como nos complexos sistemas de usufruto da auga nos diferentes ámbitos sociais e produtivos.
A isto súmaselle, na actualidade, un contexto de cambio climático que está a forzar a necesidade de aportar auga a cultivos que antes non a precisaban nas mesmas cantidades. E, en definitiva, a realizar unha xestión máis eficiente da mesma.
Aí é onde entran en xogo as augas rexeneradas, aquelas residuais depuradas que, tras recibir un tratamento complementario, poden volver ser utilizadas en diversos ámbitos, mudando así o tradicional ciclo lineal da auga nun máis propio da economía circular.
Para comprender as verdadeiras dimensións desta realidade, hoxe conversamos con Tomas Serafín Cuesta García, docente na área de Enxeñaría Agroforestal no Campus Terra e membro do Grupo de Investigación Proxectos e Planificación (PROePLA).
Os seus coñecementos na xestión de augas residuais no eido rural, planificación de zonas regables e gobernanza da auga permiten trazar, nesta entrevista, unha radiografía moi esclarecedora do presente e do futuro do noso territorio.
-O seu labor investigador céntrase na xestión dos recursos hídricos, con especial atención ás augas residuais no medio rural. Que avances ou solucións considera máis relevantes para mellorar a sustentabilidade hídrica nestas contornas?
-Neste momento temos ferramentas moi potentes co desenvolvemento, sobre todo, de dous sectores: automatización e sensorización, e a intelixencia artificial. Todos os mecanismos que temos de xestión de recursos hídricos poden ser optimizados con ferramentas que eran impensables hai 10 anos.
A automatización permítenos ter datos en tempo real, así como posuír algoritmos que nos axudan na toma de decisións.
Do mesmo xeito, tamén estamos a vivir un cambio de mentalidade, un cambio de uso lexislativo. Agora mesmo, algo realmente interesante é que podemos recorrer ao uso de augas rexeneradas. Poño un exemplo.
O ciclo normal de consumo da auga comeza coa súa captación, por exemplo, nun río, a costa de consumir enerxía. Potabilízase e presurizase, a costa tamén de consumir enerxía, para que sexa consumida nos fogares ou na industria. Que sucede con esa auga? Que se ensucia e volta ao río despois de depurala, xa que esa auga non sirve para volver a utilizada, en termos xerais. Agora ben, a lexislación xa permite facer uso de esa auga rexenerada para, por exemplo, rega de viais, para rega en parques e xardíns e para certas funcións como é a rega de cultivos industriais.
A auga rexenerada representa un futuro moi prometedor non só no sur, senón tamén aquí, no norte, a causa dun claro escenario de cambio climático no que se incrementa a irregularidade das precipitacións, tanto no tempo como no espazo.
-A planificación de zonas regables e a gobernanza da auga son temas clave na actualidade. Como pode a investigación universitaria contribuír a unha xestión máis eficiente e equitativa deste recurso esencial?
-En Galicia temos unha relación moi estraña coa auga, porque sempre tivemos moita auga. De feito, sempre vimos ter auga e o minifundio como un problema, cando en realidade é unha riqueza.
Nós regamos dende sempre, pero posiblemente non sabemos regar en Galicia. É dicir: regamos con outros criterios, facendo unha rega de apoio. E agora hai que regar doutra maneira.
Todos os nosos cultivos máis rendibles, como pode ser a vide, estanse a poñer en regadío. No millo atopámonos xa facendo experiencias de rega por goteo. Estamos inmersos nunha carreira para regar con menos auga e de forma máis eficiente, porque a auga xa comeza a custar diñeiro e representa unha porcentaxe moi importante na composición do prezo do quilogramo de produto.
Que podemos facer nós? Aportar coñecemento. A universidade ten a obriga e o deber de ir da man da sociedade e dos produtores/as para aportar técnicas de rega adaptadas á nosa realidade. Non podemos regar como en Almería, nin queremos facelo.
-Ao longo da súa traxectoria publicou numerosos traballos en revistas internacionais de prestixio. Que liñas de investigación considera máis prometedoras no ámbito da enxeñería agroforestal nos próximos anos?
-Todas as persoas, agora mesmo, independentemente da nosa formación temos un reto compartido: o cambio climático.
Como enxeñeiro agrónomo vexo grandes retos vencellados co cambio climático e co artellamento do mundo rural. Non podemos permitirnos deixar morrer o noso rural. Quen vai manter as pradarías, por exemplo, do Camiño de Santiago cando se xubilen os produtores de carne de vacún? Non podemos depender das brigadas para todo.
Ademais, cando se contratan é, normalmente, demasiado tarde. Hai aí un ámbito de traballo técnico para poder dotar de sentido a ese mundo rural que, agora mesmo, está un pouco desartellado.
O cambio climático, pola súa parte, é un reto inmenso para as xeracións futuras, sobre todo en relación coa seguridade alimentaria. Vivimos nun mundo globalizado moi cambiante. Precisamos ter asegurados certos elementos ou factores, non podemos depender tanto da importación de enerxía ou de alimentos, por exemplo.
-Durante case dúas décadas desempeñou distintos cargos de xestión universitaria, entre eles a dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Que aprendizaxes destacaría desa etapa e como valora a evolución do Campus Terra?
-A título particular, eu proviña dunha empresa privada. E entrar nunha institución na que eu podía participar na gobernanza, na que tiña voz e voto nun consello de departamento, sorprendeume moitísimo.
Eu creo que, dende estes postos de responsabilidade, exercín sempre cun sentimento de deber cara a sociedade que, en última instancia, é a que nos financia. Sempre digo o mesmo: eu cobro, ti pagas. Eu teño unha obriga de que, ao final do mes, o que teña feito sirva para algo.
A Universidade de Santiago de Compostela e, en concreto, o Campus Terra, están moi enraizados no territorio, o que nos permite dar resposta aos problemas locais sen perder nunca de vista, ao mesmo tempo, o rumbo que leva o resto do mundo.
-Ademais do seu labor docente e investigador, participa activamente na avaliación da calidade universitaria en España e Portugal. Que importancia ten esta tarefa para o fortalecemento do sistema universitario?
-A calidade entrou en España, tanto nas empresas como nas institucións, de xeito un pouco forzado, con plans de calidade que eran inintelixibles e moi barrocos, moi burocráticos. Pero hoxe en día é algo obrigatorio na nosa cultura: pode que eu faga ben ou crea que faga ben as cousas, pero ten que haber procedementos para que conste e alguén poida avaliar si realmente estou a facelo ben ou non.
Incluso eu mesmo podo detectar que cousas non estou a facer ben e que debo implementar certos mecanismos para garantir o bo cumprimento destas funcións.
Hoxe en día, a calidade é un requisito fundamental que cumprimos todas as universidades públicas: as privadas, non tanto. E hai que dicilo. Ademais, a nós examínannos cada catro anos para os graos e cada dous anos para os mestrados. E é un camiño que non se pode desandar: somos unha institución pública e temos que dar conta do que facemos ata co último euro e ata a última hora que se está, por exemplo, no despacho.
-Na súa opinión, que papel debe desempeñar a universidade —e en particular o Campus Terra— na transferencia de coñecemento cara ao sector produtivo e o desenvolvemento rural sostible?
-A universidade ten que dar unha formación para que ti poidas traballar en Estonia, en China ou en Francia, así como aportar amplitude de miras para poder ser crítico co coñecemento.
O coñecemento non é como era antes. Antes eu chegaba a clase e contáballe ao alumnado cousas que non sabían, xa que tiñan dificultades para acceder a ese coñecemento. Hoxe en día, o alumnado está moi ben conectado en todo momento: veñen a clase cos portátiles e as tabletas e poden pescudar as fórmulas, os procedementos ou a formación que estou contando en tempo real.
Hai que darlles outra cousa: hai que transmitir o coñecemento dun xeito distinto, hai que proveer ao alumnado coa capacidade de facer algo máis co aprendido. E a especialización do Campus Terra permite que a universidade, cunha función universal, non se esqueza do territorio e ofertemos formación e títulos axustados ás necesidades da nosa sociedade.
Por exemplo, agora mesmo estamos traballando nun proxecto de rega con augas rexeneradas de depuradoras que está sendo coordinado dende aquí, dende Lugo, pero contamos con socios de Cataluña, Murcia e Italia. Pero a coordinación faise dende aquí porque temos un coñecemento e unha interacción que nos permitiu “romper coas portas” nos despachos dos diferentes centros e unificar proxectos moito máis ambiciosos.
-Tal e como o propón, semella unha vantaxe competitiva do Campus Terra, non? Tanto a nivel institucional como a nivel social ou, incluso, dentro do propio tecido empresarial local...
-Exacto. Non me atrevería a dicir a cantidade exacta de recursos captados este último ano, pero podo afirmar que os cartos que se captan dende o Campus Terra supón unha cantidade moi importante, o que nos permite desenvolver proxectos e formar doutorados, entre outras moitas cousas.
-Imparte docencia en titulacións moi diversas, desde enxeñería agrícola e agroalimentaria ata enxeñería civil. Que valor engadido cre que achega esta transversalidade á formación dos estudantes do Campus Terra?
-É unha marabilla poder dar dous e máis títulos. Esa é, probablemente, a nosa vantaxe mais importante. A transversalidade permite ter unha visión holística, no noso caso, do rural. Non o vexo soamente coa miña visión produtivista agrícola, senón que a podo ver cunha visión particular máis completa.
Por exemplo, o feito de traballar en Robótica permítenos dotar de un montón de medios ao conxunto do campus, medios que transcenden aos demais graos e que permiten un aproveitamento das diferentes disciplinas para enriquecer a formación do noso alumnado.
-Como coordinador do Mestrado Universitario en Enxeñería Agronómica, cales son os principais retos e obxectivos desta titulación no contexto actual do sector agroalimentario e ambiental de cara aos próximos anos?
-Esta titulación está pensada para o futuro, para dar respostas conxuntas de forma holística a problemas moi complexos. E estou particularmente moi orgulloso de que aquí, dende a nosa pequena escola, no ránking BBVA esteamos de número 1 no grao de agrícolas en España, por exemplo.
É dicir, a afirmación de que a calidade das nosas titulacións é moi alta está avalada, pero si que é certo que temos o reto de modernizar o plan de estudos, que vén lastrado polo feito de, ao ser unha profesión habilitante, estar establecido polo Ministerio. Entón, eu diría que temos unha tarefa pendente nese sentido: deberiamos pular pola actualización do plan de estudos para poder seguir sendo punta de lanza como formación técnica.